18 razóns (desesperadas) para falar galego na Coruña

Foto da manifestación de Queremos Galego 2017

  1. Para ver a cara dos camareiros cando lles pides “un café con leite morno” ou “milfollas de sobremesa”.
  2. Para contaxiar a outros falantes. Si, falar galego pode ser contaxioso. Talvez non tanto como a mononucleose ou a clamidia, mais si como un catarriño leve.
  3. Para que os taxistas te chamen “galleguista” cando lles pides que te leven á rúa San Xosé. De dubidares da túa orientación política, este é un bo método para lembrala.
  4. Para ligar. É ben sabido que moitas/os rapazas e rapaces da Coruña non se learían cun/ha galegofalante. Mais ti quererías contacto físico con esa xente? Non o dubides, o galego serve de criba!
  5. Para obter unha licencia para rexentar un casino cando os galegofalantes acabemos nunha reserva.
  6. Para o sexo. As/os galegofalantes son altamente competentes como amantes. Isto non ten base científica ningunha, mais de espallarse esta lenda urbana sería o fito máis importante da normalización desde o Xabarín Club.
  7. Para poder dicir, con naturalidade, “colo”, “pota” ou “reseso”. As palabras acaban por se deprimir cando as usas nun contexto estraño. Faino por elas!
  8. Para que alguén che diga “aunque hable en castellano soy tan galleg@ como tú”.
  9. Para ver a cara que poñen na billeteira do cinema cando pidas un sitio “na derradeira ringleira”.
  10. Para non dicir mamalonadas como “rajo”, “Arteijo” ou “Jurelo”.
  11. Para te sentir membro dunha sociedade secreta, como os masóns, os illuminati ou os cabaleiros jedi.
  12. Para confraternizar cos vellos no Campo de Marte. Se tes sorte, até é posíbel que te conviden a un cacho de pan reseso do que lle dan ás pombas.
  13. Para cando che digan “el gallego no sirve para nada”, poder responder: “Ti estásme entendendo. Así que para algo xa serviu”.
  14. Para lle lembrar á xente onde vive. Ás veces, entre tanta Feria de Abril e Oktoberfest, é difícil decatarse.
  15. Para que che pregunten se es do Bloque ou da aldea.
  16. Para nos decatar de que non somos tan poucos. Na fin de contas, que haxa case 40.000 galegofalantes na cidade non é “muck of turkey”, que diría sir Paco Vázquez (ese señor que se disfraza de Magneto cando posa para un cadro).
  17. Para facelo porque si, porque che gosta, porque che peta e queres e dáche a gaña porque che sae de dentro, alá do fondo.
  18. Para ter esperanza. Porque de fe e caridade imos sobrados…

Todas as situacións expostas están baseadas en feitos reais. Ningún galegofalante resultou ferido durante a realización deste artigo. Para comezar a falar galego non é preciso consultar con médico/a ou farmacéutico/a ningún/ha.

Antonio M. Fraga. Escritor. O Lugar do Sapo

Fotografías de Galiza Contrainfo

Fullscreen Mode

3 Comments

  1. Neo Falando 14 Maio, 2019 Responder
  2. 29 Outubro, 2017 Responder
    • AC Alexandre Bóveda 29 Outubro, 2017 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies