8m

NA CASA DA AVOA amoreábanse as redes

cada día

as mulleres sentaban no chan e tensaban o aparello

prendendo un extremo entre as dedas dos pés

 

as nenas bulían ao redor

sen decatarse

de que nos xogos ían tecendo

o seu futuro

coma se Minerva as maldixese

a elas

que non ousaran rivalizar coa deusa

 

agullas grandes e pequenas

agullas para redes e tecidos

sempre agullas

para elas que non leron a Homero

aqueles versos da Ilíada

“muller,
ten conta do tear e a roca

que da
guerra coidaremos os homes”

elas ás que ninguén contou o mito de Penélope

abnegadísima esposa a destecer na noite

aracné presa á maldición do

decoro

 

elas agardan

tamén

a chegada dos seus Ulises

mais nunca recalan plenos de sabedoría

cansos, borrachos

varan feridos contra os seus corpos

e elas, como nausícaas, rescátanos

para velos partir, de novo

ansiosos de riquezas e praceres que

nunca

atoparán

 

porque
no mar en que navegan

as
doncelas son peixes que rarean

e
non iluminan as patelas

 

a casa da avoa está nunha praza inundada de cheiro a marusía

entre unha ermida e a baixada ao “muño”

as redes ocupan a calzada da vila que nunca visitou a poeta acabada de casar

que non as describiu tecendo a vida e a morte

de costas á rúa, … completamente vestidas de negro

 

na casa da avoa

seguen amoreándose as redes

e elas son agora as mulleres que sentan no chan

curvadas, como orellas de mar, sobre o aparello

rodeadas de nenas que xogan

tecendo, sen sabelo

o seu futuro

 

son elas as que tensan as redes

e fan voar as agullas

elas, quen

tamén

abren camiños aos homes que arriban heroes

mentres os pechan para si mesmas.

 

(Marta Dacosta. Na casa da avoa. Galaxia, 2017)

 

Agardando pola pescaEste 8 de marzo as mulleres paramos para reivindicar unha sociedade máis xusta que garanta a igualdade real entre homes e mulleres.

Este 8m queremos facer entender a sociedade que se as mulleres paran, para o mundo; que sen todas nós, a sociedade non avanza.

Se queres saber máis da FOLGA FEMINISTA podes atopalo na páxina de Galegas 8m: Por que a Folga Feminista?

Leave a Reply

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies