A Coruña de Fernández-Albalat

“Hoxe vestín a Cidade como todos os días

e saín polas rúas procurando un abrigo”

(Luísa Villalta)

Edificio de Albalat

As poetas describen, senten e dannos a súa visión da cidade, mesmo lle poden dedicar un libro á desaparición dun barrio –como fixeron Luísa Villalta con versos e Maribel Longueira con fotos á demolición do barrio do Papagaio, na Coruña, en 2001:

“O Papagaio mudo, caído entre as flores das meias verdades

tinxía de cores charramangueiras

os dous lados do simulacro.

As poetas poden “vestir” a cidade, pero hai outras persoas que a imaxinan, modelan e lle dan forma. Esa cidade que vemos, admiramos ou –pode ser– lamentamos ten nos arquitectos e arquitectas a man que a debuxa, proxecta e lla dá vida, que a pon en pé. A diario vemos e pasamos diante de edificios e construcións que nos admiran ou impresionan, descoñecendo o nome da persoa que os ideou. Soen quedar no anonimato. Por iso, queriamos dedicar unhas liñas ao arquitecto Andrés Fernández–Albalat, considerado un referente na arquitectura moderna da segunda metade do s.XX.

Edificio de Albalat na praza de Pontevedra

Nado na Coruña en 1924 e a punto de cumprirse un ano do seu falecemento –A Coruña, 29 de decembro de 2019– a obra de Albalat esténdese por toda Galiza. Na súa cidade natal é difícil non atopar unha creación súa a cada pouco.

En 1999, Fernández–Albalat entraba na Real Academia Galega, da que foi tesoureiro. No discurso de ingreso –Significante e significado. Linguaxe e arquitectura– escribía:

A CASA é máis ca uns metros cúbicos de materiais e trebellos postos sobre uns metros cadrados da paisaxe.

Edificio na praza Luís Seoane

De Fernández–Albalat son os edificios –de 1979– da Praza Luís Seoane da Coruña. Do seu lapis – xunto co de Jacobo Rodríguez–Losada– saíu, en 1967, o céntrico e coñecido edificio da Praza de Pontevedra.

Edificio de Albalat na praza de Pontevedra

O estilo arquitectónico funcionalista baséase en que o arquitecto deseña o edificio baseándose no propósito do edificio mesmo. Así o sinala Albalat no discurso na RAG:

De principios deste século, xorde o Movemento Moderno na Arquitectura. Investíganse as necesidades funcionais físicas; “a estética formal do pasado é substituída pola “construción clara”; ándase na secularización da arquitectura; xa non debe expresar nin simbolizar senon “funcionar”.

E así o leva a cabo Fernández–Albalat nas súas obras. Del son – entre outras– a Escola Oficial de Idiomas da Coruña (1980) e o Conservatorio Superior de Música da Coruña (1985).

Escola Oficial de Idiomas

Conservatorio de Música da Coruña

Tamén é de Andrés Fernández–Albalat a fachada do Casino da Coruña que dá ao Obelisco.

Fachada do Casino da Coruña

Ao discurso de Albalat de ingreso na Real Academia Galega –en1999– respondeulle Carlos Casares:

Como se pode deducir das palabras que acabamos de escoitar de boca do novo académico, a concepción que Andrés Fernández–Albalat ten do seu oficio como arquitecto sitúase nesta parte da estética humanista que acabamos de sinalar. Un significante, por moi soldado ou fundido que estea co significado que nos aporta e non se poida separar del, non deixa de ter a súa propia autonomía, dependendo a subordinación desta ó seu fin principal, da capacidade do artista que o manexa.

Ademais da rehabilitación da Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón, en 1971, Albalat rehabilitou –en 1972– a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán como sede da RAG.

Casa Museo de Emilia Pardo Bazán

Da súa man saíron edificios públicos, privados e para todo tipo de uso: desde o Estadio Multiusos de San Lázaro en Santiago de Compostela –en 1993– ata o Convento dos Padres Pasionistas en Santa Xema, A Coruña (1965). Ou a rehabilitación do Castelo de Monterrei (1996) e a restauración da Igrexa de San Xurxo na Coruña, en 1986.

Igrexa de San Xurxo

Entre as numerosas obras de Fernández–Albalat están tamén a Fábrica de Cerámica de Sargadelos (1967), o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, as Facultades de Matemáticas e Bioloxía da USC e as Facultades de Ciencias da Educación e de Socioloxía da UDC.

Andrés Fernández–Albalat foi membro da Real Academia Galega de Ciencias, membro da Real Academia Galega de Belas Artes, membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, pertenceu ao Instituto José Cornide Saavedra de Estudos Coruñeses, ao Padroado do Museo do Pobo Galego, ao Padroado Rosalía de Castro. Foi o decano fundador do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza.

Edificio de Albalat na praza de Pontevedra

Teño unha casiña branca

na Mariña entre os loureiros,

teño paz e teño amor

e estou vivindo no ceo.

Andrés Fernández–Albalat encheu de casas a súa cidade –A Coruña– e Galiza. Unha longa e intensa vida e obra para que nós, como cantaba Uxía, esteamos vivindo no ceo.

Para saber máis:

Significante e significado. Linguaxe e arquitectura. Discurso de entrada na Real Academia Galega de Andrés Fernández-Albalat Lois.

Plano coas obras de Fernández-Albalat na Coruña.

Fullscreen Mode

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies