A derradeira leición do mestre

A derradeira leicion do mestreA AC Alexandre Bóveda denuncia a terxiversación que o Goberno do Partido Popular fai da nosa historia e das figuras de Castelao e Bóveda. Recibir a Derradeira leición do mestre sen mencionar a represión fascista, os asasinatos franquistas é ocultar que esta obra de Castelao se inspira directamente na estampa de Galicia mártir (Valencia, 1937) e representa, en primeiro lugar, a homenaxe directa de Castelao a Alexandre Bóveda, asasinado o 17 de Xullo de 1936 polos golpistas. Mais na Derradeira leición do mestre Castelao non só homenaxea o grande artífice do nacionalismo galego, Alexandre Bóveda, membro do Partido Galeguista, do que era secretario, senón que eleva o seu martirio á categoría de máxima representación da memoria histórica feita desde a Galiza e para a Galiza.

Mais o cadro non ten un sentido fúnebre. Miremos os dous nenos que acompañan o asasinado: eles representan o futuro da nación e por iso dicimos que a Derradeira leición do mestre é unha obra de arte para nós, para o futuro da Galiza. Ese futuro que Bóveda non só soñara senón que axudara a construír decisivamente.

É unha manipulación absoluta e unha ignominia que se oculte o verdadeiro significado desta obra, documentado sobradamente, e se oculte coa pretensión de homenaxear á profesión docente.

Como Agrupación Cultural que se honra portando o nome de Alexandre Bóveda, denunciamos semellante atentado contra a historia de Castelao e de Bóveda e lembramos que hai xa tres anos defendemos, a través dunha ILP no Parlamento Galego, a necesidade de que esta obra de arte viñese a Galiza, ficase aquí e se acompañase do coñecemento, divulgación e visitabilidade da obra artística de Castelao, obxectivo que aínda non se cumpriu.

Olla meu irmáu honrado
o que acontez con Daniel:
os que o tiñan desterrado
agora falan ben del.

 

O palurdo de alma lerda,
o tendeiro desertor,
o vinculeiro da merda
disfrazado de señor.

 

O lurdo carca refrito,
o monifate de entroido,
o aprendiz de señorito,
marqués de quero e non poido.

 

O badoco endomingado,
o franquista pousafol,
o forricas desleigado,
o pequeno burgués mol.

 

O devoto do onanismo,
o feligrés de pesebre,
o tolleito de cinismo
o que dá gato por lebre.

 

O rateiro de peirao,
o refugallo incivil,
válense de Castelao
pra esconder a caste vil.

 

Escoita puto nefando,
criado na servidumbre:
non pasará o contrabando
dise teu noxento estrume.

 

Grotesco escriba sandéu,
inxertado nun raposo.
Castelao nunca foi teu,
porque Castelao é noso.

 

I anque a ti che importa un pito,
sabrás que é cousa sabida,
que estás incurso en delito
de apropiación indebida.

 

“Olla meu irmao” de Celso Emilio Ferreiro

Podes ver aquí o texto da ILP polo dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego que presentamos, xunto con outras organizacións do país, no Parlamento Galego en decembro de 2014.

Fullscreen Mode

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies