A intelixencia artificial nas nosas vidas

A intelixencia artificial nas nosas vidas

Dentro do ciclo Pensando o Futuro, tivemos a oportunidade de escoitar a palestra de Hugo López Fernández sobre o impacto da intelixencia artificial nas nosas vidas: pasado, presente e futuro.

Investigador no grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), profesor axudante doutor no Departamento de Informática da Universidade de Vigo, Hugo López tamén é membro, e actual secretario, de Investigal – Rede Galega pola Investigación.

Presentado por Silvia Seixas, o conferenciante comezou sinalando unha serie de noticias que –ultimamente– apareceron relacionadas coa Intelixencia Artificial. Entre elas, a que falaba de que as tres Universidades galegas impartirán as titulacións de grao e mestrado en Intelixencia Artificial (IA); outra falaba de que Galiza empregará a intelixencia artificial para dotar a historia clínica electrónica de ferramentas automatizadas que poidan enviar alertas de enfermidades graves; noutra, anunciábase que a Xunta de Galiza implantaba a Intelixencia Artificial no sistema educativo galego o pasado curso cun enfoque práctico aplicado á resolución de problemas. Igualmente, outra das novas dos últimos días era o anuncio de que A Coruña será a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Estamos, pois, ante un tema actual e transcendente.

A intelixencia artificial nas nosas vidas

Situou Hugo López o inicio en 1956 e na figura de John McCarthy, momento en que se empregou por primeira vez o termo “Intelixencia Artificial”. A idea sería construír máquinas capaces de pensar, aprender, sentir e actuar coma seres humanos. Estariamos ante o que se coñece como “Intelixencia Artificial Xeral“. Cando tratamos de resolver problemas concretos en determinadas áreas estamos ante a chamada “Intelixencia Artificial Estreita, termo que representa a maioría das aplicacións actuais da IA.                                                   

O auxe da IA na actualidade –última década– viría dado polas altas capacidades que ofrecen nestes momentos os computadores e pola dispoñibilidade de grandes cantidades de datos de todo tipo (o famoso “Big Data”).

A intelixencia artificial nas nosas vidas

No paso da Intelixencia Artificial xeral á estreita as grandes áreas (obxectivos) serían: a representación do coñecemento, o razoamento e solución de problemas, a aprendizaxe, o procesamento da linguaxe natural, a planificación e a percepción.

Nos anos 80 afirmou Hugo López– houbo un crecemento dos sistemas expertos, que combinan a representación do coñecemento (unha base de regras e feitos) e algún tipo de sistema de razoamento para solucionar algún problema complexo. Como exemplo, estarían o diagnóstico de enfermidades (MYCIN) ou xogar ao xadrez.

Nos anos 90 e 2000 proliferaron os sistemas de “aprendizaxe automática”, capaces de aprender, por si mesmos, a resolver tarefas concretas (como clasificar un correo en SPAM ou lexítimo) a partir de grandes cantidades de datos.

Na actualidade, hai unha explosión nos sistemas destinados á xeración de contidos (textos, imaxes, vídeos, etc.) mediante Intelixencia Artificial. Non obstante, estes sistemas aínda son específicos e semella que estamos lonxe de lograr a ansiada “Intelixencia Artificial Xeral”.

O futuro –sinalou Hugo López– pasa por novos marcos éticos e legais, a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), o regulamento Europeo de Intelixencia Artificial, e polo desenvolvemento de distintas políticas, como a estratexia Española de IA ou a estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030.

Precisamos sistemas seguros e efectivos: as persoas teñen dereito á protección dos riscos que representan os sistemas automatizados inseguros e inefectivos. Por outro lado, necesitamos –sinalaba Hugo López– protección fronte á discriminación por parte dos algoritmos: ningunha persoa pode ser discriminada polos algoritmos e os sistemas deben ser deseñados de modo equitativo.

A intelixencia artificial nas nosas vidasO futuro tamén pasa pola protección da privacidade dos datos: as persoas han de estar protexidas, desde dentro dos propios sistemas, fronte a prácticas abusivas relacionadas cos datos e deben ter capacidade de decisión sobre o modo en que se usan os mesmos.

As persoas teñen dereito a saber que se está usando un sistema automatizado e a entender como e por que contribúe a xerar resultados que teñen un impacto sobre elas.

Igualmente, as persoas teñen dereito, cando sexa apropiado, a optar por non empregar un sistema automatizado e ter acceso a alguén que poida tomar en consideración e solucionar rapidamente os problemas que encontre.

Segundo Hugo López Fernández, o que ocorre no filme Blade Runner inda está lonxe de pasar. As máquinas non comprenden a realidade, aínda que son capaces de imitar as persoas en moitas áreas e incluso superalas nalgunhas tarefas. Mais o impacto da Intelixencia Artificial nas nosas vidas está aí: o importante é facer que sexa para ben.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies