Algo de luz

“A luz artificial non nos deixa pensar que soñamos.”

(Luísa Villalta)

Postes de luz

Se hai unha noticia que preocupa e se repite desde hai tempo é o récord que bate –día si e día tamén– o prezo da luz. Paralelamente, aumentan as reivindicacións da sociedade –en todos os lados– por un prezo xusto para a electricidade.

Primeiro, encheron os nosos ríos de encoros asolagando –non sen oposición do pobo– numerosas terras, alterando os ecosistemas e pagando –paradoxalmente– as galegas e galegos a luz máis cara do estado.

Astra que chegou o día,

nunha mañá moi fermosa,

en que chegou a Castrelo

o conde señor Fenosa.

 

Ademiraba aquil conde,

non as ringleiras do viño,

senón o embalse futuro

do meu Castrelo de Miño.

 

Cando en Castrelo se soupo

as intencións daquil conde,

o pobo en irmandade

ante a infamia responde.

 

Pedradas mandou o pobo

que lles foron a perilla

pros que enchen de auga Castrelo

e dan a lus a Castilla.

Ultimamente asistimos ao baleirado dos encoros co conseguinte prexuízo para o ecosistema fluvial e a fauna.

Denuncian na Fiscalía a Xunta e as eléctricas polo baleirado dos encoros. Diario Nós.

Co obxectivo de producir e subministrar enerxía eléctrica para a provincia da Coruña, en 1932 o empresario e político republicano José Miñones, funda a empresa Electra Popular Coruñesa. Miñones foi deputado pola provincia da Coruña na Segunda República Española.

Electra Popular Coruñesa tiña o domicilio social na Coruña, no número 21 da rúa Juana de Vega. José Miñones nacera en Corcubión. Curiosamente, nese mesmo número pasou os últimos anos da súa vida outro ilustre da Costa da Morte –neste caso de Ponteceso–, Eduardo Pondal.

En xullo de 1936, José Miñones foi encarcerado polos golpistas e fusilado no Campo da Rata –na Coruña– o día 2 de decembro de 1936. Confiscadas as súas empresas, Electra Popular Coruñesa foille entregada ao franquista Pedro Barrié de la Maza, que ao fusionala coa súa Fábrica de Gas y Electricidad, deu orixe a Fuerzas Eléctricas de Noroeste (Fenosa).

José Miñones asasinado na Coruña –e confiscadas as súas propiedades– polos fascistas, Pedro Barrié de la Maza –o amigo de Franco– rico e homenaxeado na mesma cidade.

Sobre estes paradoxos xa botou luz Rosalía de Castro:

Aqués que tén fama de honrados na vila,

roubáronme tanta brancura que eu tiña;

botáronme estrume nas galas dun día,

a roupa de cote puxéronma en tiras.

 Na actualidade, a electricidade segue sendo cousa de ricos e non un dereito universal. Mentres tanto, o pobo sae á rúa –e fai lume– para opoñerse á estafa da luz. Para reclamar a recuperación das centrais hidroeléctricas e para demandar unha tarifa eléctrica galega.

Non moi lonxe de onde tiña a sede Electra Popular Coruñesa de José Miñones o pobo faille lume e queima as estafas, roubos, portas xiratorias… relacionadas coa luz. A inxustiza vén de lonxe, pero sempre nos queda “a xustiza pola man”, que escribía Rosalía e cantaba Nao:

Lume á estafa da luz.

Comentario

  1. Carlos González Mazaira 5 Outubro, 2021 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies