Rita Amparo López Jean

Amparo López Jean nenaRita Amparo López Jean naceu en Vilaboa (Culleredo) o 30 de outubro de 1885, filla de Adela Cruz Ramona Jean Toca, natural de Pamplona e do coruñés Sabino María López Núñez: viúvos os dous, casaran en Vilaboa o 14 de febreiro de 1880.

Adela, formada como mestra en Cuba (alí marchara de nena co seu pai, militar), exercía en Vilaboa dende 1875. Pola súa parte, Sabino foi concelleiro en Culleredo e secretario dese Concello durante uns anos.

Trasladada Adela como mestra á escola do Camiño da Estación da Coruña a mediados de 1898, Amparo acompáñaa. Logo de cursar o bacharelato, estuda maxisterio na Escola Normal. Asistiu a aulas de canto e piano co músico coruñés José Baldomir (de orixes cullerdenses polo seu pai), actuando en diversos festivais, e de pintura co pintor e gravador Máximo Ramos. Tamén exercerá como mestra na escola da súa nai. Por un documento de outubro de 1914 sabemos que foi nomeada profesora especial de Contabilidade mercantil na Escola Normal de Mestres da Coruña.

Muller de ideas avanzadas, logo de convivir varios anos co xornalista, político republicano e masón César Alvajar Diéguez, varios anos máis novo ca ela (nacera o 10 de xaneiro de 1892), o que lle causou, durante un tempo, unha ruptura de relacións coa súa nai, oposta ao noivado, a parella tería cinco fillos (María del Amparo, Ana María Josefina, Francisco Javier Pío, María Teresa Cristina e Agustín, que morreu axiña). Casarían logo do nacemento dos fillos.

Amparo López JeanPertenceu ao Partido Galeguista, no que ingresa o 6-5-1935, colaborando economicamente nas campañas. Foi a primeira muller na Coruña en militar nesa organización, sendo vogal do seu Comité local en 1936. En novembro de 1935 aparece representando ao Partido Galeguista no Comité organizador de “La semana del niño”, e conformado por mulleres que representaban distintas organizacións sindicais e políticas da cidade. Pero o labor máis importante desenvolveuno na “Agrupación Republicana Femenina”, fundada o 13 de abril de 1933 (que veu a substituír ao subcomité coruñés da “Liga Internacional de Mujeres Ibéricas e HispanoAmericanas y Cruzada de Mujeres Españolas”), da que foi primeiro secretaria (e presidenta a súa íntima amiga Elvira Bao) e, dende finais deste ano ata xuño de 1936, presidenta.

Amparo López JeanAdemais de implicarse activamente nas campañas políticas, de cara a potenciar a educación das mulleres a agrupación organizou numerosas conferencias (varias delas, impartidas por mulleres, como a profesora mercantil Joaquina Conde, que disertou sobre “Con que matiz ideolóxico terá que colaborar a muller na República?”, a mestra María Barbeito Cerviño, sobre “A muller, antes, agora e despois”, a mestra socialista María Vázquez sobre “A escola laica” ou Velia G. de Patiño, sobre “Iniciación de Puericultora”), clases e cursos (Gramática, Aritmética, Xeometría, Álxebra, Trigonometría, Solfexo, Piano, Corte, Taquigrafía, Lectura, Escritura, Cultura en xeral, Puericultura), excursións didácticas, creación dunha biblioteca (para a que mercarían obras de Rosalía de Castro, Concepción Arenal e Sofía Casanova). Amparo presentará moitos dos relatorios e tomará a palabra en actos de homenaxe a Murguía ou Pondal.

Xunto coa súa filla María Teresa (Amparo estaba en Madrid e na Coruña quedaban Ana María e Francisco Javier) acompañou a Soria a César cando este ocupou o cargo de gobernador civil en xuño de 1936. Logo da sublevación militar fascista conseguiron fuxir e, logo de viviren en Madrid, a finais de xullo de 1937 trasládanse e Valencia (onde impartiría aulas nun colexio en Manises, e onde Castelao, bo amigo, estaría presente no casamento da súa filla Amparo e Arturo Cuadrado), e o 1 de abril de 1938 xa están en Barcelona. Aquí foi secretaria xeral do Grupo de Mulleres Galeguistas, creado en setembro de 1938 e que tiña a sede en Fontanella nº 9, e vogal do Comité Executivo do Partido Galeguista, que presidía Ramón Suárez Picallo, colaborando nos comités de axuda aos soldados galegos na fronte de batalla (nunha subscrición aberta polo grupo para proporcionar roupa de abrigo aos soldados galegos aparece achegando 50 ptas.) e ocupándose de grupos de nenos e nenas, con algúns dos cales cruzou a fronteira francesa en 1939, separada do seu marido e da súa filla María Teresa, que quedou illada en Barcelona.

Amparo López JeanA parella reagrúpase en Littry (Calvados, Francia), traballando, ata xuño de 1940, nunha fábrica de toallas en Vimoutiers (ela, na confección), grazas á axuda que os masóns franceses prestaron a César. Debeu ser cando residían en Littry cando Amparo López Jean escribiulle dúas cartas a Castelao, das que este dá conta nunha carta a Elixio Rodríguez (Nova York, 11-3-1940). Nelas, pedíalle diñeiro para poder sacar ás súas fillas de Galicia e levalas a Francia cabo dela. Castelao respondeulle que tivese paciencia e que se quería ir a América axudaríalle a arranxar os papeis; sobre o resto, non podía pedirlle diñeiro a entidades que non eran todas galeguistas, ademais que con iso se agravaría o problema dos refuxiados. Estaban dispostos a embarcaren cara México coas súas fillas María Teresa e Ana María, que se reuniran con eles (a primoxénita, Amparo, exiliárase dende Francia a Arxentina con Arturo Cuadrado, mentres que Francisco Javier permaneceu agochado na Coruña), mais non dispuñan de diñeiro.

Coa ocupación nazi, en outubro de 1940 a familia trasládase un tempo a Vichy. Aquí conseguirán, a comezos de 1941, que a legación dos Estados Unidos Mexicanos en Francia lles facilite unha axuda e os acepte como emigrantes cara México, mais non marcharán. Serán confinados posteriormente en Montauban. Amparo falecerá nesa cidade o 12 de novembro de 1942, sendo soterrada moi preto de Manuel Azaña. Anos máis tarde os seus restos trasladáronse a París, para repousar xunto cos de César Alvajar (falecido en 1965), no cemiterio de Bagueu.

Lápida de Amparo López Jean

Morta Amparo, tanto César como os fillos da parella sufrirían a dureza do exilio. Amparo, a maior, nunca regresaría, falecendo en Monção en 1998; Ana María regresou de Francia e instalouse en Madrid, onde morreu en 2005. Na mesma cidade acabaría por vivir María Teresa, falecida en 2019, e Francisco Javier regresaría logo da morte de Franco, falecendo en Tabeaio (Carral) en 1996.

No ano 2006 os restos mortais de Amparo e César foron traídos dende París para seren depositados no cemiterio civil da Coruña. Pola súa parte, o Concello de Culleredo dedicoulle a Amparo López Jean, no ano 2000, unha rúa na súa parroquia natal, Vilaboa.

 

Texto de Carlos Pereira Martínez

 

Fullscreen Mode

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies