Antolín Faraldo, alma da Revolución de 1846

“Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento”

(Antolín Faraldo)

Antolín Faraldo

O día 15 de abril de 1846 creouse a Xunta Superior Provisional de Goberno de Galiza. Tratábase de levar a cabo mudanzas urxentes para Galiza articulando un goberno propio. O seu presidente foi Pío Rodríguez Terrazo. Antolín Faraldo foi o secretario e director do voceiro: “La Revolución. Periódico oficial de la Junta Superior de Galicia.”

Foron os días da nosa revolución de abril, esa rebelión que comezou o 2 de abril de 1846 e que acabou traxicamente cos chamados Mártires de Carral, o día 26. Ese día, na igrexa de Santo Estevo Paleo, foron asasinados 12 oficiais –outro sarxento foi fusilado en Betanzos–. Os acontecementos deses días deixaron unha fonda pegada na historia e na cultura de Galiza. Sen dúbida, deben constituír uns valores imprescindibles na construción do noso presente e do noso futuro.

Monumento mártires Carral

Nos acontecementos de abril de 1846, tivo un papel destacado Antolín Faraldo. Da súa importancia dá conta Manuel Murguía no libro Los precursores (1885):

Faraldo es el verdadero iniciador del movimiento provincial que hoy nos parece tan lógico y tan fácil, y que hace cuarenta años apenas si se sospechaba su importancia ni comprendía su necesidad.

Nado en Betanzos o día 2 de setembro de 1822, Antolín Faraldo Asorey realiza estudos de Medicina en Compostela. Gran afeccionado á historia e á lectura, en 1842 incorpórase como xornalista ao periódico El Recreo Compostelano. En 1845, funda e dirixe a revista El Porvenir.

Faraldo será o redactor –el era o secretario– da proclama de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galiza (15 de abril de 1846):

Galicia, arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la corte, va á levantarse de su humillación y abatimiento. Esta Junta, amiga sincera del país, se consagrará constantemente á engrandecer el antiguo reino de Galicia, dando provechosa dirección á los numerosos elementos que atesora en su seno, levantando los cimientos de un porvenir de gloria.

Antolín Faraldo

Tras o fracaso da Revolución de 1846, Antolín Faraldo exíliase en Portugal, onde permanece ata 1847, logo vai a Madrid e de alí a Granada, onde fixa a residencia. Falece o día 20 de xuño de 1853, aos trinta anos de idade.

Como diciamos máis atrás, Faraldo representa valores imprescindibles para construír o noso presente e o noso futuro.

Monumento mártires Carral

A editorial Alvarellos vén de publicar Querida liberdade: Vida e obra dun precursor do Rexurdimento. Antolín Faraldo, da autoría de Xurxo Martínez.

Para saber máis:

A revolución de 1846, un abril de luz e liberdade.


 

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies