Antonia Martínez “Tinita”. A ciclista galega que escandalizou a Habana

A muller deportista estivo sempre marxinada dentro da sociedade xa que o deporte é tradicionalmente un mundo de homes. Na actualidade, case todos os deportes teñen a súa versión feminina. Con todo, as mulleres deportistas permanecen, normalmente, á sombra dos seus colegas masculinos.

O ciclismo feminino de competición comeza entre nós á vez que a Vuelta Ciclista a España, en 1935. Pero o seu calendario limitábase só a dúas carreiras: unha en Madrid e outra en Valencia.

Muller en bicicleta

Muller en bicicleta

Pois ben, era o 12 de novembro de 1894 cando a moza galega Antonia Martínez, coñecida como Tinita, deixaba coa boca aberta a todos os transeúntes que ía atopando no seu camiño polas rúas da Habana ao ir montada en bicicleta, actividade que a sociedade machista reservaba exclusivamente para os homes. Segundo as crónicas, Tinita no seu percorrido recibiu todo tipo de insultos, burlas e agresións. A súa acción foi moi comentada na época. A tal punto chegou a cousa, que o semanario La Carta tivo que publicar na portada unha seria advertencia contra todas aquelas que se atrevesen a cometer semellante acto de libertinaxe e exhibicionismo.

Tinita pasou a ser unha lenda na cidade e pronto o seu atrevemento foi seguido por outras mulleres que se botaron ás rúas da Habana naqueles artefactos que se consideraban só de homes. A fama da galega foi tal que mesmo apareceron cancionciñas –machistas– co seu nome:

Titinia, oh Titina

montando bicicleta

al doblar una esquina

se le ponchó una teta…

Ciclista na praiaAnos máis tarde, outra galega rebelde e adiantada ao seu tempo reivindicaba na súa obra pictórica novos papeis para a muller: dona do espazo público e lonxe das tradicións e convencionalismos. Tamén no deporte. Será no ano 1927 cando apareza o coñecido cadro de Maruxa Mallo Ciclista na praia.

Durante o curso 1933-1834 Maruxa imparte clase de Debuxo no Instituto de Ensino Medio de Arévalo (Ávila). Alóxase no Hotel Jardín. Todos os días percorre a distancia entre o hotel e o instituto montada en bicicleta, escandalizando así os pudorosos arevalenses. Mesmo un día de misa solemne na igrexa de San Miguel entrou montada en bicicleta ata o altar maior para escándalo dos fieis. Maruxa rebelábase contra unha cidade beata e gobernada polo clero e loitaba por unha sociedade máis xusta.

Este artigo  sobre “Pasado y presente del ciclismo femenino en Cuba” fai ampla referencia ao que supuxo aquela peripecia de Antonia  Martínez.

E non deixamos a polémica da muller e a bicicleta. Controvertido e exitoso foi o vídeo que acompañaba en 1978 a Bicycle Race de Queen:

One Response

  1. M.Rosario Á. Alvarez 13 Agosto, 2019 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies