Aquí bastamos nós! As revoltas das mulleres, 1918

Imos contar un relato,

unha historia de hai CEN anos,

unha historia non contada,

unha historia de Revoltas,

unha historia de desigualdade e equidade,

unha historia de REBELDÍA,

unha historia de Insurrección,

unha historia de Sublevación… Unha historia de mulleres

DESCARGA O FOLLETO COMPLETO EN FORMATO PDF

 

CARA A

1. As revoltas ou motíns de subsistencia, accións tumultuosas contra a carestía de alimentos básicos, ocorreron en Europa xa desde o século XVII, mais será a partir do ano 1916 coa suba nos prezos dos artigos de primeira necesidade cando se orixinen graves problemas tanto na Galiza como no resto do Estado.
De xeito histórico, na Galiza foran moitas as accións levadas a cabo en defensa de obxectivos básicos relacionados coa sobrevivencia, desde millares de labregas e labregos que se alzan contra o pagamento dos foros até a leiteiras que se opoñen á suba de impostos pola venda da súa mercadoría. Mais en finais da segunda década do século pasado (a partir do verán de 1917 até á primavera de 1919) varias foron as revoltas populares que tiveron na Galiza unha forza e unha impronta moi importantes.
Xa en decembro de 1916 nas cidades galegas e nas vilas máis grandes ten lugar unha folga xeral contra o incremento de prezos dos alimentos e outros produtos básicos.

Fotografía do arquivo municipal da Coruña2. En xuño de 1917 a saída de carros de fariña para Portugal provocará tamén tumultos en Vigo. Nestes anos, cando unha grande parte de Europa está a sofrer a 1ª Guerra Mundial, a suba do pan, da fariña, do peixe, da carne etc. está ligada ás exportacións destes alimentos, mais tamén, e como sempre, aos grandes acaparadores de mercadorías. A situación das clases populares na Galiza era moi dura, pois aumentaban os desafiuzamentos, faltaban alimentos básicos e encarecíanse produtos imprescindíbeis. Toda esa situación provoca un descontento que desencadeará na folga xeral de 1917.
Comezado 1918, vanse sucedendo as mobilizacións populares contra a carestía de alimentos básicos e teñen lugar asaltos a comercios e armacéns, ben como protestas que impedían a saída de produtos cara a fóra de Galiza.
A situación era tal que a prensa galega tan amiga sempre “da orde” chega a sinalalo do modo seguinte:
“En los sucesos de ayer hubo de todo, disculpable hasta cierto punto, y francamente censurable. La culpa no estuvo toda en quienes fueron actores, sino en quienes agudizaron la situación de tal forma, en La Coruña y fuera de ella, durante meses y meses” (La Voz de Galicia, 19/1/1918).

Fotografía do arquivo municipal da Coruña3. Era bastante común que nas revoltas populares o protagonismo fose das mulleres. En Nebra, o día 12 de outubro de 1916, érguese unha grande mobilización popular contra o cobro de abusivos e inxustos impostos. Unhas trescentas labregas e labregos enfróntanse aos caciques e ás forzas represivas e catro mulleres e un home son asasinados a tiros por axentes da Garda Civil.
No ano 1918 as mobilización e os berros vai máis alá e así en Ferrol bótanse os homes da manifestación e na Coruña bérrase aos homes “FÓRA”, deixando claro que elas soas son capaces de dominaren a situación.
A historiografía conta, en moitas ocasións, que a participación principal das mulleres era debido a que as forzas represivas, Garda Civil e Exército, nunca dispararían contra elas, mais vira difícil acreditarmos nesa versión ao repararmos que cando hai mortas e feridas son elas as mártires. Por outra parte, existen ordes oficiais que botan por terra esa versión: en agosto de 1917 o Capitán Xeneral da 8º rexión publica un bando onde di que “se hará uso inmediato de las armas sin necesidad de toques de atención ni otro aviso, y sin que sea obstáculo para esta enérgica represión, que el grupo sedicioso estuviere circundado o protegido por mujeres o niños”.

La Voz de Galicia, 19 de xaneiro de 19184. AS REVOLTAS NA CORUÑA
Xa durante 1917 se produciran por toda a Galiza revoltas a que o goberno respondía con represión e censura. No verán dese ano en Compostela suspéndense as festas do Apóstolo e decrétase o estado de guerra que logo estenderían a toda a provincia da Coruña. A represión foi tal que na cidade da Coruña houbo máis de 170 persoas detidas. O día 18 de xaneiro de 1918 ten lugar na Coruña a primeira das revoltas sociais dese ano. Poderíase pensar que son accións espontáneas, mais o certo é que centos e centos de mulleres, nos peiraos, nas loxas do centro, nos armacéns dos barrios etc., e case á mesma hora, deciden asaltar e repartir os alimentos que requisan:
“No se sabe cómo surgió la idea, pero ello fué que las excitadas mujeres decidieron impedir que las patatas fuesen embarcadas, como suponían, y en tropel avanzaron por los muelles y entre todas se repartieron el contenido de los 100 sacos[…] El enjambre femenino cargó con los sacos o los desgarró, llevándose su contenido en un instante” (La Voz de Galicia, 19/1/1918).

A revolta das pedradas5. A REVOLTA DAS PEDRADAS
Os incidentes máis importantes das revoltas populares, polas súas tráxicas consecuencias, teñen lugar no mes de marzo en Ferrolterra. Comezarían en Neda o día 9, cando un grupo de mulleres que protesta contra a suba do prezo dos alimentos comeza a tirar pedras contra varios comercios. De alí a dous días, unha manifestación de mulleres percorrerá as rúas de Ferrol, asaltando armacéns, impedindo a saída de peixe para Madrid e asaltando varios trens. A policía disparou contra a xente, matando dúas persoas. Uns días máis tarde, unha multitude indignada polo prezo do trigo foi á casa do alcalde de Narón (un recoñecido acaparador de alimentos) e comeza a tirar pedras contra a vivenda; a Garda Civil dispara contra o pobo e mata máis cinco persoas.
“Desde el sábado, durante el día y la noche, relevándose, están apostadas en el puente de Jubia y estación de ferrocarril de Neda comisiones de mujeres con objeto de impedir no solo la salida del pan de aquellos contornos sino tambien otros artículos de primera necesidad que ellas creen que no deben consumirse fuera del distrito” (El Correo Gallego, 12/3/1918).

La Voz de Galicia, 6. MOVIMENTO FEMININO
O protagonismo feminino nestas revoltas ficou ben claro xa nos incidentes que tiveran lugar na Coruña en xaneiro de 1918: centenares de mulleres participan nunha manifestación pola cidade, asaltan armacéns, rexeitando a participación dos homes con berros de “Fora! Aquí bastamos nós!”. Tamén en Ferrol tiña lugar celebran un mitin só para mulleres etc. Na crónica que do levantamento de Ferrol fai El Correo Gallego (13/3/18) fica ben claro o protagonismo das mulleres. Tanto ten onde se sitúe a revolta:
En los alrededores “En las afueras se situaron numerosos grupos de mujeres como el día anterior evitando la entrada”.
En Fene “Ayer un numeroso grupo de mujeres formó un tumulto”.
Los trenes “Un grupo de mujeres intento apoderarse de unos sacos de harina que venían en una plataforma” .
Las mujeres “Grupos numerosos de mujeres recorrieron las panaderías, almacenes de víveres, depósitos”.
Una Comisión de Mujeres “Nos visitó anoche una comisión de mujeres”.

Loita de clases7. LOITA DE CLASES
É verdade que os levantamentos de grande conflitividade xa se tiñan dando na Galiza antes de novembro de 1917, mais seguramente o triunfo da Revolución Rusa, a vitoria de labregas e labregos e de persoas operarias, o triunfo d@s escrav@s da terra, d@s que non teñen pan parece ser un estímulo para as clases populares galegas, nomeadamente na solidariedade que outros colectivos mostran fonte ás mulleres que capitanean estas revoltas contra a fame.
Na Coruña as cigarreiras emiten un comunicado relativo á protesta contra os acaparadores e a carestía dos alimentos en que manifestan o seu apoio total ás mulleres que están a requisar alimentos. Tamén, no mes de marzo en Ferrol, se fala da chegada de centos de mulleres de fóra da localidade para se uniren ás da cidade.
El Correo Gallego (12/3/18) recolle esta noticia:
“La sociedad de oficios varios y agricultores ha acordado no concurrir a adquirir mercancia en ninguno de los establecimientos desde los cuales se hizo fuego contra los manifestantes así como recabar el apoyo de las demás sociedades obreras de esta localidad para que no se descargue ni sean conducidos a sus respectivos almacenes las mercancías que vengan consignadas a los que se les declara el boycot.”

El Ideal Gallego8. A revolta acontecida no inverno de 1918 en cidades e vilas do noso país, e en concreto en Ferrolterra e na Coruña, significa un exemplo claro da capacidade de autoorganización das mulleres, pois realizan reunións coas autoridades, organízanse para vixiaren aos almacéns de forma a evitaren as exportacións, reparten os alimentos requisados, usan a forza cando é imprescindíbel etc. E mentres elas están a loitar pola vida e contra a fame respóndeselles con represión e con censura: sácase o Exército ás rúas e entréganse armas aos comerciantes “Los dueños de los establecimientos repelieron la agresión a tiros” (Diario de Pontevedra, 11/3/18). É censurada a prensa e o Exército e a Garda Civil disparan contra a xente. É neste ambiente de auténtica loita de clases moitos xornais recollen que “as forzas vivas” piden a intervención do exército “Ayer telegrafiaron al gobierno varias entidades de esta población pidiendo que la autoridad militar se encargue del mando…” (El Correo Gallego 14/3/1918)

CARA B

1. Eficacia, solidariedade e reparto equitativo. Son moitos os xornais que sinalan que se reparten os alimentos confiscados entre todas as mulleres.
Así o conta o Diario de Almería (20/1/1918): “En los muelles las mujeres asaltaron varios carros de pan repartiéndoselos equitativamente.” Tamén El Noroeste, xornal da Coruña, fai fincapé na idea de requisar para todas, de repartiren, de decidiren xuntas.

2. Pórse en pé de guerra contra aqueles que rouban, contra os que traen a fame para a maior parte da poboación. Isto é o que move centos e centos de mulleres pola Galiza adiante. E así, a pesar da censura, teñen de o recoller todos os xornais e, xunto coa mobilización, igualmente sinalan a solidariedade que achan nas mulleres operarias, nas misteiras, nas cigarreiras… mais tamén en todo o movemento obreiro organizado na denominada “Sociedad de oficios varios”.

El Imparcial3. En xornais galegos e de todo o Estado recóllese ese berro dirixido aos homes “Fóra! Aquí bastamos nós!”, palabras que algúns medios reproducen, é o caso de La Voz de Galicia, en galego.
A presenza case única das mulleres aparece reflectida en case todos os xornais. Así o recolle o xornal madrileño El Imparcial.

4. Unidas somos máis fortes. Disciplina e unión, traballo conxunto para asaltarmos un tren, requisarmos alimentos ou apedrearmos a casa dun acaparador: “Llama la atención la disciplina y la unión que entre ellas existe y su afán de reclutar a compañeras que se le unan.” “LLEGADA DE MUJERES: A las once de la mañana comenzaron a llegar a Ferrol muchas mujeres de las afueras para unirse a las de la ciudad” (El Correo Gallego, 15/3/1918).

5. De Madrid até a Sevilla, desde as Canarias até a Melilla, e máis alá, a revolta traspasa as fronteiras do Estado e diferentes xornais europeos recollen estas mobilizacións. Podemos velo no Globe ou no Pall Mall Gazette de Londres: “A FALTA DE COMIDA CAUSA UNS DISTURBIOS FATÍDICOS: A escaseza de alimentos básicos produciu altercados en Ferrol. Por mor dun enfrontamento coa policía, unha persoa morreu e dez resultaron feridas, entre elas, o xefe da policía” (13/3/1918).
“Grupos numerosísimos de mujeres promovieron esta mañana un terrible tumulto”: así o recolllía o ABC.

6. Non importa o momento nin o lugar: xaneiro ou marzo; Vigo, Betanzos, Viveiro, Ferrol ou A Coruña: “Formando una manifestación compuesta por unas seiscientas mujeres y chiquillos fueron por la Marina y subiendo por las calles de Castelar, Rúa Alta y Cordelería se dirigieron a la del Socorro” (La Voz de Galicia, 19/1/1918). Ou contado polo diario madrileño La Mañana: “Las mujeres excitaron al vecindario y a los feriantes.”

A continuación podedes ver e descargar os dossieres de prensa, tanto galega como española, onde se dá conta das revoltas na Coruña e en Ferrol.

Pantalla completa
Pantalla completa
Pantalla completa
Pantalla completa

Leave a Reply

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies