A avoa Maruxa

O Real Decreto do 23 de xullo de 1918, establecía que para acceder ao permiso de conducir había que dispoñer de:

  • Certificado médico que demostrara as suficientes capacidades auditivas e visuais.
  • Certificado de boa conduta.
  • Ter entre 18 e os 77 anos.
  • Os menores de idades e as mulleres tiñan que ter autorización paterna ou marital para facerse co permiso de conducir.

Este requisito non se modifica ata o ano 1981.

Celia RivasCelia Rivas nace en 1912 e con apenas 20 anos chega Á Coruña coa firme decisión de sacar o permiso de conducir camións.

Pertencía a unha familia de tradición empresarial. Era a filla pequena de Joaquin Rivas. Tras a morte do seu pai, xunto coas súas irmas, faise cargo da empresa familiar “ Joaquin Rivas” (nome masculino que invisibiliza o liderado feminino), empresa dedicada ao transporte de pescado fresco e aquí Celia convértese na primeira camioneira do Estado español.

As tropas franquistas chegaron a requisar temporalmente o camión. Durante a guerra realizaron servizos para os militares levando correo e transportando tropas franquistas e mulleres durante a toma de Oviedo: nestas viaxes a chofer era Celia acompañada pola súa irma.

Celia Rivas morre en 1974. Morreu antes de que se puidese sacar o carné sen permiso paterno ou marital.

Tristes tempos nos que a liberdade da mulleres dependía da autorización dun home. María Regueiro Calza nunca coñeceu a Celia nin soubo dela, pero seguiu os seus pasos.

María RegueiroMaría Regueiro Calza , nace o 8 de Xullo do ano 1933 en Sarro, San Pedro de Nós. Oleiros comezou a traballar ben nova, sendo unha nena, man a man coa súa nai, Xosefa Calza Boutureira, transportando produtos da aldea á cidade. Os comezos eran en carro de cabalos e gastando zocas, mais tamén fixo viaxes en bicicleta ou a cabalo (a pelo). Cada vila ou aldea supoñía un día de traballo, da maña á noite. Ao seguinte día emprendíase camiño cara á cidade, a pé, porque os cabalos ían cargados. A posibilidade do automóbil víase como un redutor de tempos e de traballo. María proponse sacar o carne de conducir. No canto de contarlle contos a súa filla e o seu fillo, son as crianzas as que lle len o código de circulación para que ela, que non sabe ler, poida aprender o temario. Así será como non só a nai aprende o contido do libro, senón que a filla e o fillo lembran con total claridade o árbore de levas que move cegoñal… Este dato e moitos outros forman parte das súas lembranzas, e tamén do traballo futuro e desenvolven unha paixón pola mecánica. Unha aprendizaxe significativa das moitas das cousas que aprenderon ao carón da súa nai.

Superando con habilidade, memorización e forza de vontade a súas carencias na lectoescritura, María saca o carne de conducir no ano 1963 e dende ese día danlle o impulso á empresa de comercio entre a aldea e a cidade. María e a súa nai Fina sementan, recollen, coidan o gando, atenden as galiñas, mercan produtos en Betanzos, Paderne, Miño, Piadela … e levábanos a vender á Coruña…

A adquisición do camión fai que as distancias de compra e reparto poidan ser cada vez máis e máis lonxe , e aforran tempo. Na empresa as dúas mulleres, sen dúbida con espírito emprendedor e loitador, van introducindo novos produtos. Nos invernos carbón e tamén transportan dende o porto da Coruña (da empresa de Dionisio Tejero) nitrato cara ás aldeas.. Durante o resto do ano alimentos de tempada… E afrontan cada desafío que se lles presenta. En máis dunha ocasión deberon remangarse para poñer no seu sitio a homes que viñan a excederse.

María Regueiro Calza, tamén levaba as mulleres que ían a dar a luz no “materno”, ou transportando enfermos para atender no hospital. Era unha muller botada para diante, brava e decidida. María ten hoxe 85 anos, senta nun banco, na Coruña, e observa un autobús na parada. Conduce unha muller. María chíscalle o ollo. E pensa“ esta é das miñas”.

Laura Rey Pasandín,
neta de María Regueiro Calza

Comentario

  1. Julio Matías Ariza 28 Marzo, 2021 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies