Balbino… somos todos

Hai unanimidade na crítica literaria en considerar a Xosé Neira Vilas como un clásico da literatura galega. De Memorias dun neno labrego (1961) sempre se di que é un dos libros máis editado, vendido e lido. Sobran razóns para dedicarlle unhas breves liñas ao autor de Gres, aproveitando que nacía por estas datas: un 3 de novembro de 1928. Cumpriría, pois, noventa anos.

Vida e obra de Neira Vilas.

Xosé Neira VilasComo diciamos, en Gres, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra), nacía en 1928 Xosé Santiago Neira Vilas. Fillo de labregos, logo de traballar como contable nun serradoiro, en 1949 emigra a Arxentina. Alí exerce diversos traballos de tipo comercial -sempre como asalariado- e publica os primeiros traballos na prensa galega da emigración. Entra en contacto con galeguistas como Luís Seoane, Rafael Dieste, Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Ramón Valenzuela, Emilio Pita e Alberto Vilanova. No ano 1953, xunto con outros mozos e mozas emigrantes, funda as Mocidades Galeguistas, grupo nacionalista xuvenil.

En 1957, casa coa cubana de pais celanoveses, Anisia Miranda Fernández. Con ela funda a editorial e distribuidora de libros Follas Novas, na que Neira Vilas publica o seu primeiro libro, o poemario De lonxe (1960) e o seu segundo, Memorias dun neno labrego (1961).

En 1961, o matrimonio marcha para Cuba, permanecendo trinta e un anos na illa e escribindo Xosé a maior parte da súa obra literaria. Traballa para a revolución, funda e dirixe a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística. Tamén colabora na prensa de dentro e de fóra.

En 1992, xa xubilados, o matrimonio regresa definitivamente a Gres, onde continúan co labor cultural e xornalístico. En maio de 1993, constitúese a Fundación Xosé Neira Vilas, que o matrimonio dirixiu. Anisia morre no ano 2009 e Xosé no 2015.

Membro da Real Academia Galega desde 2001 e Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana, pola cantidade –narrativa, poesía e ensaio– e pola calidade da súa obra, Neira Vilas é, como xa dixemos, un clásico da literatura galega. Títulos de narrativa como Memorias dun neno labrego (1961), Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969), Cartas a Lelo (1971), O cabaliño de buxo (1971), Remuíño de sombras (1973), Aqueles anos do Moncho (1977), Querido Tomás (1980), forman parte importante e imprescindible das letras galegas. Nas súas obras aparece, entre outras, a preocupación polo mundo rural e pola emigración. Tamén, o interese polos nenos e nenas.

Memorias dun neno labrego

Memorias dun neno labregoMáis de 700.000 exemplares vendidos, arredor dunhas trinta e seis edicións, traducida a unhas dezaoito linguas, a obra pasou a ser patrimonio íntimo de moitos galegos e non galegos. A primeira edición saíu na Arxentina na editorial Follas Novas, do propio Neira Vilas, o 5 de xaneiro de 1961. A segunda edición -primeira en Galiza-, é de 1968, en Ediciós do Castro.

Hai inicios de obras que todo o mundo recorda. Recitamos de memoria o comezo de El Quijote: “En un lugar de la Mancha, de cuyo nombre no quiero acordarme…”. O mesmo nos pasa coa obra de Neira Vilas:

EU SON… Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa…

Balbino escribe porque ten pensamentos que non lle pode contar a ninguén:

“Eu quixera andar mundo. Ir por mares e terras que non coñezo. Nacín e crieime na aldea pero agora síntoa pequena, estreita. Coma se vivise nun cortizo. Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén. Algúns non me entenderían e outros chamaríanme tolo. Por iso escribo. E despois durmo coma unha pedra. Quedo desatafegado, libre, coma se me quitasen de enriba un bocoi.”

A través do caderno do neno imos coñecendo, entre outros temas, a morte (o loito):

“Chega o San Pedro, ou o Carme, e eu encerrado; metido na gaiola coma un rulo. E todo pola morte do tío. ¡Que desgraza! Di meu pai que o loito non revivece a ninguén pero a madriña comeza a bagoxar polo seu Braulio, e dálle con que era bo mozo, espelido, un anaco de pan, ¡que sei eu! E o loito segue.”

A emigración:

“Hai moitos meses que meu irmán Miguel marchou para América. Inda me lembro de cando se despediu de nós. Miña nai, a tía Carme e a madriña choraban. Meu pai estaba serio coma un pote. Nin bágoas nin risadas: os homes son homes. O padriño non quixo ir. A Celia, que está servindo en Loxo, mandámoslle recado pero non a deixaron vir os señores.”

O amor aos animais (Pachín):

“Miña nai tenme dito que lle gustaría ver, sequera por un intre, o río baldeiro, sen auga. A min, tamén. Pero aínda me houbese chistado máis escoitar un parrafeo entre vacas, porcos ou galiñas… ¡Cantas cousas se cavilan! E todo dende que tiven a Pachín.”

O rebusque despois da festa:

“Erguinme ben cedo. Caladiño e de présa lisquei para o souto. Outros rapaces acostumaban ir tamén ó rebusque, pero aínda non chegara ningún.”

O amor (Eladia):

“Eladia parecíame un anxo; unha criatura baixada do ceo, sen azos para facer mal a ninguén. Unha avelaíña branca. Non me fartaba de ollar o seu pelo, crecho coma un niño de carrizo, as mans xeitosas, polidas, a cariña, os ollos, o corpo todo… ¡que sei eu! Quixera estar decote con ela, sempre á súa beira. Un día deume un bico porque souben explicar o descubrimento da América, e sentín un agurgullar no peito. Nunca me pasara tal. O corazón batíame de présa e foi coma se me estordegase o sangue no corpo enteiro.”

O fumazo polo San Xoán:

“—Os rapaces non se esquecen do San Xoán —terzou a muller—. E seguiron co carro anteposto polo camiño da aldea. Aquela tarde —primeira vez que me deixaban ir— deprendín para sempre a escoller as plantas sacras: estalotes, herba de Santa María, faísca verde, follas de castiñeiro e de bieiteiro, ponlas de oliva, codesos, follas de loureiro, trobiscos, ponlas de nogueira, rosas de nabo e de romeu…”

Poderiamos seguir, porque as “memorias” de Balbino son tamén as de tantos galegos e galegas que ao longo de máis de medio século se viron -e se ven- reflectidas nas páxinas da obra de Neira Vilas. Moitos de nós sentímonos Balbino.

Neira Vilas dedicoulle este fermoso poema á súa compañeira Anisia Miranda. A Quenlla ponlle unha fermosa música:

Ai, amor!
Que lonxe! Que lonxe estás!
Canta terra entre nós dous.
Peno dende que te fuches.
Ai, amor! Ai, amor!

Cando busco nos teus ollos,
magóame o corazón.
Cantas cousas non pasaron!
Ai, amor! Ai, amor!

Pasaron meses e anos,
e a mocidade pasou.
Mido por noites o tempo.
Ai, amor! Ai, amor!

Por ti agardo cada día,
ateigada de ilusión.
Ven axiña, volta a min.
Ai, amor! Ai, amor!

Ai amor, que lonxanía!
Que soedade, que delor!
Vivir sen ti non é vida.
Ai, amor! Ai, amor!

Cartas van e cartas veñen
e as palabras tinta son.
Quero escoitar a túa voz!
Ai, amor! Ai, amor!

No ano 1969, Neira Vilas publicaba Muller de ferro. A Muller de Fuxan os Ventos é do mesmo material:

O mar das Antillas debeuno coñecer ben Xosé Neira Vilas. Roi Casal cántalle a ese mar que tanto percorreu o autor de Gres:

Comentario

  1. Suso Moinhos 4 Novembro, 2018 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies