O barroco, unha arte da terra

Estado da fachada oriental, actual praza da Quintana, a mediados do século XVII.

Estado da fachada oriental, actual praza da Quintana, a mediados do século XVII.

O barroco supón para a Galiza ese segundo pé dos grandes estilos artísticos que configuran a nosa identidade. Se o románico, que afondara con grande éxito na nosa historia medieval, tiña unhas características internacionalistas e globalizadoras o barroco responde a unhas necesidades de reivindicacións estéticas que queren falar de microidentidades. O tratado de Westfalia no político, buscando protexer esas microidentidades logo de moitas décadas de loitas entre cadeas imperialistas; e a contrarreforma no relixioso –na procura da proximidade co fiel católico– son os dous marcos fundamentais nos que se está desenvolvendo esta linguaxe da Idade Moderna. A igrexa volve ser unha das grandes promotoras nas distintas disciplinas durante os séculos do barroco.

Sarta de froitosNeste aspecto no noso territorio a vía de entrada natural é novamente Santiago de Compostela. Vístense co novo estilo paredes como as de San Martiño Pinario ou a propia catedral. O edificio que se convertera en exemplo de templo románico vai recibir agora unha das maiores remodelacións da súa fábrica desde a Era Compostelá. Aquela fábrica, con distintas intervencións tanto de época gótica, como de época renacentista, está, a ollos de José de la Vega y Verdugo, francamente deteriorada. Mellorable cando menos en canto a darlle outra vez unha pátina de homoxeneidade e coherencia acorde á súa importancia. De la Vega y Verdugo, chegado desde a meseta, déixanos, no século que bota a andar o barroco na arquitectura, ese magnífico debuxo polo que podemos coñecer o estado da catedral nas súas fachadas occidental e oriental. As súas propostas prenden unha chama que arrancan cun clasicismo que atopa no elemento vexetal unha fermosa metáfora da forza deste elemento na Galiza. Esta inercia imparable que comeza a mediados do século XVII vería altamente superadas todas as expectativas chegándose a configurar a espectacular proposta que ve na solución final de Fernando de Casas Novoa para o Obradoiro o canto do cisne do barroco xa ben avanzado o século das luces.

A fachada do convento de Santa Clara é unha das obras máis senlleiras do barroco de placas.

A fachada do convento de Santa Clara é unha das obras máis senlleiras do barroco de placas.

Compostela convértese, pois, novamente nun receptor e exportador de fórmulas plásticas que van máis aló do meramente decorativo, malia que o decorativo xa é de por si un fin sen connotacións pexorativas neste momento. Chega, de feito a configurar un deses estilos vernáculos propios cunha forte pegada identitaria: O barroco compostelán. Vernáculo de tal modo que algúns dos seus artífices chegan a asinar como tal “arquitecto compostelán”. Seguen, estes arquitectos, unhas características comúns achegando as súas propias apostas en cada xeración desde o século XVII. Desde o salmantino José de la Peña e Toro e con Domingo de Andrade, ceés de nacemento, atopámonos esa primeira xeración de arquitectos con achegas tan senlleiras como a torre do reloxo ou as escaleiras de Bonaval.

San Salvador de Escuadro

San Salvador de Escuadro, Silleda. Por toda a nosa xeografía moitos edificios románicos vanse ver reformados baixo o barroco. Deste xeito é habitual ver obras xa de época Moderna que gardan planta e elementos medievais. (Foto de M. Graña)

Un momento no que xa se xoga coas sartas de froitas como parte deses elementos vexetais. Elementos, que van ser recollidos polas sucesivas xeracións entre a que destaca a de Fernando de Casas Novoa ou Simón Rodríguez, inmediatamente posteriores a Andrade. É neste momento cando se achegan esas placas xeométricas tan asociadas ao barroco autóctono. Configúrase así unha das chaves características a tal punto de merecer un sobrenome de seu o “barroco de placas” indisoluble ao “barroco compostelán”. Clemente Fernández Sarela, gran protagonista da seguinte xeración de arquitectos composteláns, deixa acolmatadas nas súas expresións, esa linguaxe das placas xeométricas en obras como a fachada telón da casa do Cabido ou o magnífico interior da igrexa parroquial de San Nicolás na Coruña.

A pegada do barroco na Galiza foi tal que realmente nos toca preguntarnos en que momento se chega a superar este estilo. A resposta levaríanos tan lonxe como ben avanzado o século XX, sobre todo se imos a disciplinas como a da imaxinería. Ao abeiro desta linguaxe e o seu modelo santiagués vanse ir remodelando numerosas igrexas tanto en ambientes rurais como urbanos, ao longo de todo o territorio.

Principais obras e autores do barroco compostelán.

Principais obras e autores do barroco compostelán.


Carmela Galego

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies