Calendario 2020: Queremos salario, traballo xa temos

OS OFICIOS, os traballos visibles…
A épica do cotián
Desde sempre, tamén agora, as mulleres souberon berrar contra as inxustizas,
souberon reclamar salarios dignos para o seu traballo,
souberon da forza da unión,
souberon da necesidade de tecer redes de complicidade,
souberon do valor da solidariedade,
souberon…

Xaneiro

TRABALLANDO NA CIDADE

Traballando na cidadeHai multitude de oficios que ocupaban as mulleres na cidade, aqueles que recoñecemos como femininos, lavandeiras, costureiras, pasadoras de ferro, vendedoras, as amas de cría, operarias nas fábricas, mais existen outros traballos realizados por mulleres en longas xornadas, moitos deles que requirían forza, sempre mal pagados: as carrexadoras de grandes maletas no porto, as augadoras, as que descargan peixe, as que colocan laxes nas rúas, as que cargan e descargan carbón no porto… traballadoras capaces de unirse e organizarse cando entenden que as están roubando. As empregadas de carbón nos peiraos reclaman en 1910 a supresión da quenda de noite…

“… no solo por estar mal retribuído , sino por ser peligroso el pasar las planchas de los barcos con 60 o 70 kilogramos de peso en la cabeza…”

Febreiro

MULLERES NA EMIGRACIÓN

Mulleres na emigraciónNo primeiro terzo do s XX as mulleres chegaron a representar o 40% da emigración galega a América. Máis de 60.000 galegas chegaron a Cuba a finais do s XIX e principios do XX. Moitas eran mulleres soas, xeralmente non alfabetizadas e sen recursos. Terminaban na illa traballando como serventas e nalgúns casos como prostitutas. O Centro Galego non foi o lugar de acubillo para estas mulleres, ocultou a súa existencia e deixou de lado a poboación feminina nos servizos que ofrecía e, moito máis, nos seus órganos de dirección. A creación en 1917 da sociedade Fillas de Galicia supuxo un antes e un despois. Malia os atrancos do propio Centro Galego, chegou a converterse na maior mutualidade feminina do mundo da emigración galega e un referente no sector sanitario de Cuba.

“A causa feminista, causa de liberdade e reivindicación dos dereitos dunha clase, é por iso mesmo, causa universal” (Mercedes Vieito Bouza, Cuba 1923)

Marzo

OPERARIAS

OperariasNa historia oficial do sindicalismo cómpre devolverlles ás mulleres o lugar central que lles foi furtado porque moitos paros, folgas e protestas nas fábricas tiveron como protagonistas as mulleres. Nas fábricas de conserva, de tabacos, de mistos, ou de lenzos… Hai case 200 anos, o 3 de marzo de 1831 máis de 2.000 traballadoras da Fábrica de Tabacos da Palloza decláranse en folga e impiden o acceso dos traballadores que decidiran non sumarse á protesta, moitas delas son detidas mais conseguen parte das melloras que esixían, no 1857 son as protagonistas dunha das primeiras protestas ludistas no estado, tiran ao mar as novas máquinas… E saben da capacidade e da forza da unión, as traballadoras da fábrica de mistos xa en 1916 crean a Sociedad de Obreras y Obreros de la Fábrica de cerillas….

“Se alborotaron aquellas cuatro mil mujeres, arremetiendo contra los jefes y empleados del establecimiento, destruyendo todo el tabaco (…), rompieron e hicieron pedazos las máquinas nuevas para picar tabaco que se dice costaron 14.000 duros tirándolas al mar” (El País. Diario de Pontevedra 13/12/1857)

Abril

DEPORTISTAS

DeportistasAs primeiras prácticas do deporte nas mulleres (tamén nos homes) están vinculadas ás clases altas mais existen algunhas excepcións e aí Galiza ten pioneiras e historias das que cómpre falar. Xa en 1882 se recolle na prensa a equipos de mulleres competindo en remo e xa a finais do XIX a presenza das mulleres en bicicleta empeza a visibilizarse, en 1894 a sociedade Sport Velocipédico de Ribadavia admitía mulleres, o mesmo ano no que a moza galega Antonia Martínez, escandalizaba as rúas da Habana ao ir montada en bicicleta. No fútbol, deporte masculino por excelencia, teremos que esperar para ver as primeiras transgresoras, Irene Basanta foi unha porteira de fútbol na década de 1920 nun equipo federado da Coruña que levaba o seu nome e tamén no Ortigueira FC onde cobrou por xogar.

“’La victoria será vuestra bravos muchachos del “Irene F.C.! porque habéis dado a vuestro “team” el nombre de una mujer y la habéis nombrado capitana, la victoria será vuestra. ¡Por algo lleva esta nombre de mujer!” (Galicia, revista gráfica popular,1925)

Maio

LAVANDEIRAS

LavandeirasNo mes de maio de 1907 as lavandeiras da Coruña únense para forzar unha suba no prezo da roupa que lavan e comezan unha folga que se prolonga durante dúas semanas. Esixían nas súas reivindicacións incremento nos prezos mais tamén outras medidas como o cobro da viaxe nalgúns casos, prezos diferentes para a roupa moi sucia e outras referidas á insalubridade dos lavadoiros ou ao mal estado dos camiños que deben percorrer. A prensa recolle, case sempre en portada, o decorrer da folga cun paternalismo misóxino “infelices mujeres” cando non chamando claramente á represión pedindo a intervención das forzas de orde. A folga tivo unha grande transcendencia…

“El gobernador telegrafió al ministro explicándole la originalidad del suceso y la dificultad de buscarle inmediata solución” (La Voz de Galicia 28/5/1907)

Xuño

MANDADEIRAS

MandadeirasO das mandadeiras era un colectivo moi numeroso, maioritariamente feminino, que se dedicaba a facer mandados, recados, encargos, nas casas particulares, nos comercios, nos hoteis ou no porto. Era un traballo que ás veces requiría moita forza, como era o realizado movendo maletas e grandes fardos. Estas traballadoras en moitas ocasións tiveron que facer fronte á vulneración dos seus dereitos por parte dos homes, que facían traballos semellantes e que as consideraban unhas intrusas. En xuño de 1919 crean o sindicato “A enerxía social” e grazas á forza da unión enfróntanse ao colectivo de hoteleiros e fondistas polas estafas e comisións ilegais que aplicaban aos viaxeiros denunciando por medio de follas voandeiras esa situación.

“Nunca ninguén se opuxo a que as mulleres traballen. Ao único que hai obxeccións é a pagar ás mulleres polo seu traballo ”.Gladys Strum

Xullo

LEITEIRAS

LeiteirasAntigo é o oficio das vendedoras de leite, propio e alleo, aos habitantes das vilas e cidades. Facían cada día o camiño co leite nas caldeiretas, unha lata na cabeza e outra en cada man e co cuartillo da medida. Eran habituais os enfrontamentos cos inspectores de consumos e os gardas municipais. As subas de impostos orixinaron en multitude de ocasións folgas das vendedoras desde o s. XIX, están documentadas xa en 1885. En 1892 en Pontevedra tiveron que declarar o estado de guerra e militarización da cidade xa que as leiteiras, entre berros e agresións, negáronse a pagar os consumos e finalmente lograron o seu obxectivo de entrar na cidade sen pagar o inxusto imposto. Meses despois repetiríase esta acción coas leiteiras de Vigo, ou 1901 en Ourense….

Numerosos grupos de fuerzudas y resultas mujeres marcharon en son de refuerzo protector a la Barca a fin de resolver un conficto en favor de sus compañeras, y también salieron victoriosas” (La Voz de Galicia 05/07/1885)

Agosto

MESTRAS REPRESALIADAS

Mestras represaliadasEsa idea de que as mulleres estamos máis preparadas para os coidados facilitou o acceso de moitas mulleres ao maxisterio e non só para as escolas de nenas. Xa en 1888 o goberno decidiu darlles prioridade para rexentar as escolas mixtas, moi numerosas en Galiza. No século XX moitas mestras (e mestres) comprometéronse desde os inicios, da República Española, cos valores cívicos da democracia e participaron na conquista dos dereitos das mulleres e na modernización da educación. Despois do golpe de estado moitas son represaliadas, algunhas salvaxemente asasinadas, como Mercedes Romero Abella e María Vázquez Suárez, outras separadas definitivamente do ensino…

“Ao mesmo tempo que colgan a Cristo nas paredes das escolas, aparecen polos montes, as estradas e as praias, os cadáveres dos mestres.” (Maruxa Mallo, La Vanguardia, agosto1938)

Setembro

XORNALISTAS

XornalistasOs artigos de mulleres galegas na prensa aparecen xa no último terzo do XIX, mais a súa presenza con responsabilidades e postos de dirección é bastante máis recente. Mais Galiza tivo pioneiras tamén nese campo. A primeira muller que dirixe un xornal no estado español foi unha galega, Mari Luz Morales dirixe no ano 1936 La Vanguardia de Barcelona. Vinte anos antes, Sofía Casanova convertérase na primeira española correspondente permanente dun diario no estranxeiro e correspondente de guerra. Despois de Mari Luz Morales habería que esperar case corenta anos para que outra directora, Margarita Ledo, dirixa neste caso un semanario, a Nosa Terra (1977). O 2 de xaneiro deste ano sae á rúa un xornal en galego, Nós, dirixido por María Obelleiro.

Sempre houbo mulleres insignes en Galicia. En todos os tempos, en todos os campos, baixo todas as luces. […] Cada unha brilla con luz propia e deixa tras de si luminoso ronsel… Tentemos seguir a pegada dalgunhas (Mari Luz Morales)

Outubro

VENDEDORAS DE PEIXE

Vendedoras de peixeCando os barcos volvían do mar, as vendedoras de peixe agardaban no peirao para recoller a mercadoría, escollela, limpala e saír a pé coas súas patelas á cabeza cara a praza de abastos ou aos camiños que percorrían cara os lugares da contorna. Camiñaban horas para poder vender, casa por casa, a súa mercadoría. Era oficio de longas xornadas de traballo, onde o frío era un das maiores dificultades, as mans no xeo, os camiños intransitables, a choiva… Outro dos problemas era o obrigado pagamento dos impostos municipais que se aplicaban sobre o peixe e se non se pagaban podían ser multadas ou arrestadas. Mais xa desde o s XIX as vendedoras foron capaces de amotinarse cando facía falta…

“de cuando en vez alguna belicosa pesca o labradora iniciaba un nuevo acto” (El Ciclón, 04/07/1885)

Novembro

LABREGAS

LabregasO agrarismo constituíu en Galiza o 1º movemento de masas da Idade Contemporánea, nos anos vinte existían máis de mil sociedades agrarias. O papel de moitas mulleres labregas caracterizouse polo seu activismo e insubmisión aos gobernos caciquís e á Igrexa e pagan coa morte a súa rebeldía. En 1916, en Nebra, protestan contra un imposto inxusto e abusivo e catro labregas son asasinadas (Francisca Carou, Ramona Suárez Pouso, Generosa Cadórniga, Rosa Cadórniga Maneira e Antonio Sobrado Luaces); en 1919, en Sofán, catro mulleres son asasinadas, por enfrontarse á Igrexa e ao cacique (Josefa Bolón Mato, María Caamaño Pallas, Carmen Veira Souto e María Serrano Paz); en 1922, apoian en Tui a un veciño que se negaba a pagar os foros…

“Se hará uso inmediato de las armas sin necesidad de toques de atención ni otro aviso, y sin que sea obstáculo para esta enérgica represión, que el grupo sedicioso estuviere circundado o protegido por mujeres o niños” (Capitán Xeneral da 8º rexión, 1917)

Decembro

PUNTADAS INVISIBLES

Quedan moitos oficios, moitas traballadoras, por homenaxear, moitas mulleres que realizaron traballos fóra da casa ademais de coidar da casa e das crianzas e das persoas maiores. Poderiamos falar das costureiras, na meirande parte das veces traballando polas casas coa a máquina de coser á cabeza e cargando tamén cos fíos, tesoiras, cinta para medir, agullas, alfinetes, dedais… ou das redeiras que, aínda hoxe, desenvolven un labor tradicional manual e altamente cualificado mais moi descoñecido e minusvalorado aínda que grazas á loita das propias redeiras pola defensa dos seus dereitos e intereses comeza a recoñecerse.

“las costureras de esta población imitando a las de Ferrol, tratan de formar una sociedad para defender entre otras cosas, el aumento de jornal y el descanso dominical” (La Correspondencia Gallega, 27/06/1902)

Desde aquí podes visualizar e descargar o calendario deste 2020:

Fullscreen Mode

2 Comments

  1. Ramón Coira Luaces 29 Decembro, 2019 Responder
    • alexandre 29 Decembro, 2019 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies