Calendario 2024. Festexando a literatura

Non hai mellor indicador do benestar dun país que o índice de lectura, porque o índice de lectura fálanos de enerxía social, de tendencia demográfica, das reservas de esperanza.

Manuel Rivas

Xurxo Souto na Pena da Vixía. Fotografía de Alexandre Marín

Xurxo Souto na Pena da Vixía. Fotografía de Alexandre Marín

Queremos neste ano 2024 voltar a nosa ollada á literatura que nos acubilla, que nos acompañou desde hai centos de anos e lembrar de xeito moi especial as persoas pioneiras no libro galego, porque en 2024 celebramos o centenario da creación da editora Lar, mercé ao entusiasmo de Leandro Carré e Ánxel Casal. Foi unha iniciativa que recolleu o que sementara Céltiga e a Biblioteca Gallega de Martínez Salazar para editar en galego as mellores escritoras e escritores do momento. Xurdía así unha nova ferramenta onde o idioma era o esencial e abríanse novos camiños para que uns anos máis tarde nacese a editora Nós. Nestes medios, para falarmos sobre o libro e sobre a literatura, fixemos 12 escollas, mais facilmente poderían ser outras: o libro no antigo escudo da cidade, un outro libro sobre a cabeza de Santiago, o nome da nosa cidade e o Códice calixtino

Xaneiro

Entremés gallegoAté non hai moito tempo dicíase que o libro galego moderno era unha creación coruñesa porque en 1810 se imprimía na cidade do Orzán o primeiro libro na nosa lingua, Proezas de Galicia, mais hoxe sábese que iso non é exacto. Por iso quixemos comezar este calendario cunha obra moi descoñecida, embora sexa un fito dentro da literatura galega: o primeiro exemplar escrito en galego asinado por un autor. En 1707, hai máis de 300 anos, o concello da Coruña encarregaba un texto no noso idioma para ser representado nas festas da cidade. Así, o Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña, de Salvador Francisco Roel, foi redixido e representado en 1707 na Praza da Fariña, a praza máis importante naquela altura, porque alí estaban as casas consistoriais.

A lectura é un traxe que lle senta ben á alma e faina máis fermosa. (Xavier, P. Docampo)

Febreiro

Follas NovasNo día 23 de febreiro de 1837 naceu Rosalía de Castro, figura fundacional da nosa literatura moderna, e é por iso que festexamos o 23F como o Día de Rosalía. Autora de poesía, narrativa e ensaio, feminista, defensora dos dereitos da Galiza e das clases populares, foi tamén bandeirante na defensa do “oficio” de escribir e na procura de novas formas de financiar a escrita. Rosalía viviu na Coruña (1871-1875) e desde esta localidade anunciou un crowdfunding para editar Follas Novas, unha colección de poesías completamente inéditas, e animou as persoas que quixesen figurar como subscritoras a se achegaren pola súa casa. Era 1872 e aínda habería que esperar oito anos para que Follas Novas saíse do prelo.

Porque non lles é permitido ás mulleres escribir o que senten e o que saben.

Marzo

Francisca HerreraA 6 de marzo de 1869 nacía na Coruña a escritora Francisca Herrera, autora de poesía, novelas e ensaio, que tamén colaborou en diferentes publicacións periódicas. Pasou á posteridade como a autora de Néveda (1920), a primeira novela escrita por unha muller en galego. En 1945 a Real Academia Galega decidiu propola para ser membro e foi así a primeira muller que ocuparía asento na devandita institución. Tiña 76 anos, estaba doente e elaborou o seu discurso de ingreso, que versaba sobre Rosalía de Castro, nun mes. O presidente, Manuel Casás, demorou dous anos en o enviar a Couceiro Freixomil para que elaborase a resposta. O autor eumés tardou outro tanto e Francisca Herrera finou antes de rematar o proceso de entrada. Até non hai moito tempo, a RAG non a tiña como membro porque non chegara a ler o discurso de ingreso.

…os homes miran ás literatas peor que mirarían ao diaño… (Rosalía de Castro)

Abril

María MiramontesNo día 6 de abril de 1895 nacía en Guísamo (Bergondo – A Coruña) María Miramontes, animadora e impulsora das escolas de ensino galego. Sendo moi nova, estabeleceu relación cos núcleos galeguistas da cidade e comezou a súa militanza nas Irmandades da Fala, colectivo en que terminou por facer parte da súa Xunta Directiva. Seguramente fose aquí onde coñecería o seu home, Ánxel Casal. No ano 1933, no Día da Patria Galega, un grupo de mulleres militantes do Partido Galeguista, entre as cales se achaba María, asinou un chamamento público dirixido a todas as mulleres de forma a tomaren conciencia dos valores galegos. Sería ben difícil de entender o éxito das Escolas de Ensino Galego que comezarían a funcionar en 1924 e da editora Lar e logo a editora Nós sen a axuda e o forte compromiso ideolóxico de María Miramontes.

María teceu con nós o traxe para vestir Galiza.

Maio

Luísa VillaltaLuísa Villalta, a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano 2024, foi unha escritora prolífica e versátil, que deu a lume poesía, narrativa, ensaio, pezas dramáticas, textos xornalísticos, e que tamén foi tradutora. Paralelamente á súa traxectoria como autora, desenvolveu unha intensa actividade cultural e política, participando en seminarios e en recitais de poesía, a dar conferencias por todo o país e colaborando en innúmeras publicacións periódicas. Muller comprometida, fixo parte activa na AELG, no Foro da Cultura Galega e na Mesa pola Normalización Lingüística. Foi nomeada socia de honra da ACAB. A súa esencia persoal e creativa representaba unha fusión, unha dupla pertenza á música e á poesía e, de facto, o seu primeiro poemario leva o título de Música reservada (1991).

Nada deixa o vento e nembargantes amo esta Cidade tatuada na pétrea pel do mar.

Xuño

AmerginO Manifesto de Amergin, referido en moitas ocasións como o poema basilar da literatura irlandesa, ten os seus alicerces no noso país. Dise que o bardo Amergin, o seu autor, procedía da Galiza e que chegou a Irlanda arredor do século XV antes da nosa era, na expedición dos chamados “Fillos de Mil” ou Milesios, segundo o Leabhar Gabhala (ou Libro das Invasións), redixido no século XI. Na súa chegada á illa enfrontouse á tormenta desatada polos druídas adversarios e declamou un poema, o que o fixo conseguir a vitoria. Deste modo, Amergin, cunha poesía, foi quen de fundar un marabilloso país: o país da poesía irlandesa. Así principia o texto:

Eu son o vento mareiro / Eu son o golpe de mar / Eu son o océano que brúa /
Eu son o cervo dos sete combates / Eu son o falcón no cantil /
Eu son a pinga que escintila na alborada.

Xullo

Biblia KennicottDedicamos este mes á Biblia Kennicott ou Biblia da Coruña. Hai máis de 500 anos elaborouse na localidade herculina un dos manuscritos medievais iluminados máis luxosos que existen, unha obra mestra da arte sefardí. Foi composta no século XV por encomenda do xudeu Isaac de Braga ao escriba Moses Ibn Zabarah e ao iluminador Joseph Ibn Hayyimuna. A chamada Biblia Kennicott, tamén coñecida como Biblia da Coruña, leva un colofón final que di que o traballo foi rematado «na cidade da Coruña, na provincia de Galicia», coa data final da obra indicada como a cuarta feira «24 de xullo de 1476».

Ler será no futuro un acto de rebeldía. (Alberto Manguel)

Agosto

Biblioteca Concepción ArenalHai cen anos, no día 9 de agosto de 1924, inaugurouse nos xardíns coruñeses de Méndez Núñez da a biblioteca que levaría o nome de Concepción Arenal. En 1923 Manuel Casás, que daquela era presidente do “Instituto de Estudios Gallegos”, solicita permiso ao concello para instalar un expositor-biblioteca nos citados xardíns. O centro da cidade (o recheo, os xardíns…) chegou a ter tres bibliotecas: a de Concepción Arenal, unha para crianzas e a do edificio Atalaya, obra de Antonio Tenreiro. Un xornal da época recollía así a nova da inauguración:

Sin ceremonia pomposa, ni aparato escénico se efectuó ayer el acto inaugural de la biblioteca […] estará abierta desde las ocho de la mañana hasta el oscurecer, … y entregada a la cultura del pueblo coruñés que sabrá usar libremente y disfrutar los libros que allí se ofrecen para enseñanza y disfrute de todos.

Setembro

CéltigaConmemoramos nesta ocasión un centenario que provén do outro lado do mar: Céltiga. Revista Gallega de arte, crítica, literatura y actualidades. Foi a cabeceira da emigración galega e foi editada en Bos Aires entre 1924 e 1932 en galego e en español. Serviu como punto de encontro á cultura galega residente na Arxentina e tivo Eduardo Blanco-Amor, Eliseo Pulpeiro e Ramón Suárez Picallo en calidade de directores literarios. Por ela pasou unha parte importante da intelectualidade galega do momento, cal Castelao, Maside, Lolita Díaz Baliño, Suárez Couto, Francisco Asorey, Luis Ksado e outros recoñecidos vultos. O seu primeiro número aparecería a 30 de setembro de 1924.

Hoy CELTIGA sale a luz y en su portada una arrogante figura de mujer, y de mujer celta, trasmite a través de los mares… un grito potente y recio …Terra a nosa.

Outubro

Homenaxe a CurrosNoutros países, guerreiros ou gobernantes son laureados, mais aquí eses galardóns están destinados a insignes persoas de letras: no día 21 de outubro de 1904, no Teatro Principal da Coruña (hoxe Rosalía de Castro), era coroado Manuel Curros Enríquez. Perseguido pola Igrexa e condenado pola xustiza por causa do contido de varios poemas de Aires da miña terra, o seu vínculo coa sociedade galega seríalle recoñecido nese acto en que foi aclamado como grande poeta civil da Galiza. Nun emocionante evento organizado por diversas sociedades culturais e presidido por Manuel Murguía, léronse poemas en gabanza de Curros. Ao final da celebración, unha chuvia poética de follas en distintas cores cos poemas impresos descendeu sobre o público asistente. Curros foi agasallado cunha coroa de ouro e prata creada por Isidoro Brocos.

S’eu fixen tal mundo, / que o demo me leve.

Novembro

LarCelebramos agora un centenario fundamental para o mundo editorial da Galiza, para a literatura e para a cultura galega en xeral: o nacemento de Lar. En meados de 1924 apareceron as primeiras informacións sobre o esperado lanzamento da editora, que comezou a publicar cunha periodicidade quincenal. Camilo Díaz Baliño deseñou para a ocasión unha forte identidade gráfica, que sería emblema do galeguismo naqueles tempos. Querían principiar cun escritor famoso e con éxito de vendas, mais este facto demorou uns meses a saída. Lar iniciou a súa singradura no día 29 de novembro de 1924 coa edición da novela humorística A miña muller, do escritor e xornalista Wenceslao Fernández Flórez.

Non esquezamos esta gran verdade: política á parte, unha literatura hai que mantela por decoro, por vergoña, por propia estimación. (Ánxel Casal)

Decembro

Jenaro Marinhas del ValleNo día 23 de decembro de 1999 morría na Coruña o escritor Jenaro Marinhas del Valle. Sempre afirmou o carácter universal e lusófono do galego e foi tesoureiro da Irmandade da Fala da Coruña. O seu nome figura entre as persoas fundadoras das Mocidades Galeguistas, agrupación de que foi o primeiro presidente. Militou no Partido Galeguista e tomou parte activa na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de 1936. Nos anos da preguerra dátase seu primeiro texto teatral, que fora entregado a Ánxel Casal, mais que se perdeu co asasinato do editor. Da mesma altura son os seus primeiros contributos xornalísticos na revista A Nosa Terra e as súas primeiras poesías en Vida Gallega. Novelista e poeta, a súa obra está centrada principalmente na produción dramática.

Ningún home será enteiramente libre se non o é o pobo a que pertence.


Fullscreen Mode

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies