Calvo Sotelo non era ensinante

APROBADA A MOCIÓN PRESENTADA POLA AGRUPACIÓN CULTURAL ALEXANDRE BÓVEDA

A petición da AC Alexandre Bóveda, o Pleno de hoxe, venres 26 de outubro, da Deputación da Coruña vén de aprobar, coa abstención do Partido Popular, iniciar os trámites para mudar o nome do IES Calvo Sotelo, dependente desta Deputación.

Os grupos que apoiaron a moción, PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños decidiron que o nome futuro do Instituto aínda se debería concretar noutro momento, polo que o punto 1º da moción aprobada quedaría redactado así:

1. Iniciar o expediente para proceder á aprobación da mudanza de nome do IES Calvo Sotelo.

Calvo Sotelo non era ensinante

Os nomes dos centros do ensino deben ser unha referencia para o alumnado e para toda a comunidade educativa, un exemplo para as futuras xeracións e non é propio dunha sociedade democrática que o alumnado acuda a un centro que leva o nome de persoas que participaron en actos reprobábeis como promoveren ou apoiaren un golpe militar contra o poder lexítimo, elixido democraticamente polo pobo.

José Calvo SoteloÉ por iso que no pasado mes de xullo dirixímonos á Deputación da Coruña para solicitarlle que iniciara os trámites para a mudanza de nome do IES Calvo Sotelo. Entendiamos na AC Alexandre Bóveda que pasados xa máis de dez anos desde a aprobación da Lei da Memoria Histórica, os tempos son máis que chegados para que a Deputación da Coruña sexa unha referencia para todos os concellos en canto ao rexeitamento do franquismo.

 

Unha persoa como José Calvo Sotelo, que é responsabilizado directamente polo Presidente do Consello de Ministros, o coruñés Casares Quiroga, da sublevación militar do 18 de xullo de 1936, non pode ter un recoñecemento social, nin levar o nome de ningún centro de ensino.

María MiramontesE se na ditadura franquista foron silenciados os nomes daquelas persoas que defenderon os valores cívicos da democracia e que tanto contribuíran para o progreso deste país, é polo que vemos necesario mudar o nome do IES Calvo Sotelo, dependente da Deputación da Coruña, para que pase a se chamar IES María Miramontes, animadora e impulsora das escolas de ensino galego e das editoriais Lar e Nós. Ela representa como ninguén esa mocidade curiosa e con vontade de saber. María traballa na Coruña nun obradoiro de costura e, moi nova aínda, milita nas Irmandades da Fala e fai parte da súa Xunta Directiva. É aquí onde coñece o seu home, Ánxel Casal, Vicepresidente da Deputación da Coruña, Alcalde de Santiago de Compostela e membro do Comité executivo para o Estatuto de Autonomía, asasinado en 1936. Con este recoñecemento daríase visibilidade tamén ao traballo realizado por mulleres de ascendencia humilde, comprometidas co país, coa educación e coa cultura, mulleres inxustamente esquecidas. Por iso este recoñecemento sería tamén un acto de xustiza.

Este venres 26 o Pleno da Deputación da Coruña vai debater a nosa petición. Sería de esperar que recibira o apoio unánime de todas as forzas políticas.

 

MOCIÓN SOBRE O CAMBIO DE NOME DO IES CALVO SOTELO
Proposta de moción que presenta a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a todos os grupos políticos da Deputación da Coruña sobre o cambio de nome do IES Calvo Sotelo, eliminación de simboloxía franquista e lembranza ás vítimas do franquismo.

Fullscreen Mode

SOLICITUDE DE RETIRADA DO RETRATO DO XENERAL GOLPISTA MARTÍNEZ ANIDO
Solicitude da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ao goberno da Deputación da Coruña para a  retirada do retrato do xeneral golpista Martínez Anido, que está colgado na Deputación.

Fullscreen Mode

ANEXO DA PROPOSTA DE MOCIÓN PRESENTADA POLA A.C. ALEXANDRE BÓVEDA

Comentario

  1. Xosé María Pin Millares 22 Xaneiro, 2021 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies