No camiño dun cancioneiro reivindicativo da muller

Se me rondan, que me ronden,
eu non quero ser rondada,
pois digo unha vez que non,
non quero ser porfiada.

Algúns dos cantos tradicionais galegos teñen sona de posuíren un marcado verniz misóxino, o que, sendo certo, constitúe unha característica común con outros cancioneiros hispánicos de orixe popular. No caso da Galiza, que é o que máis nos interesa, hai efectivamente cantares que agochan unha gama moito variada de tratamentos sexistas das mulleres, os cales van desde subtís micromachismos a explicitacións de verdadeiros actos de terrorismo. Porén, é certo que existen outros textos que se sitúan estética e tematicamente afastados daqueloutros que se poden considerar mais sexistas e até sobrancean algúns en que se pondera a figura feminina, ora por reivindicación consciente, ora por sublimación compensatoria nunha sociedade dominada polo patriarcado: mulleres que deciden sobre a súa vida afectiva, mulleres que non calan perante as inxustizas dos homes, mulleres que se defenden etc.

Baile galegoNa ACAB pensamos que tamén no ámbito da cultura oral popular se pode utilizar o cancioneiro tradicional tanto para o reivindicarmos como parte fundamental dun importante legado histórico canto para avanzarmos no camiño da igualdade. Por iso, como proposta, recollemos a seguir algunhas cuadras en que o tema central son as mulleres, embora cantadas cunhas liñas estéticas diferentes daquelas consideradas discriminatorias. Para esta pequena mostra, tivemos en conta a recente obra de X. M. Sánchez Rei, Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII-XIX (2017), que recolle textos tradicionais da localidade herculina e da súa comarca.

Nese traballo, entre outros textos, podemos achar poemas en que se pondera unha presumíbel capacidade de decisión das mulleres até en casos de ofensa verbal:

Non penses que me pos medo
co’ese teu ameazar;
hei facer o meu antollo
mais que te vexa rabiar.

Igualmente, detéctanse poemas en que se salienta a xusta negativa das mulleres a decidiren sobre cando e con quen manteren relacións sentimentais ou sexuais, tema tan infelizmente de moda nos últimos meses:

Ai, adeus, miña miniña,
miniña revolteadora;
botáchesme fóra as pallas,
onde hei de dormir agora?

 

Ó pasar a barca díxom’o patrón:
–Pobre rapaciña do meu corazón;
logo d’escoitalo tanto me rin,
que o patronciño nunca máis o vin.

 

Pasei pola túa porta,
erguín os ollos e vin
un letreiro que me dice
“Ti non es para min.”

 

Por unha vez que cho diga,
outra que cho diga basta:
non quero ser pretendida
por fillo de mala casta.

 

Se me rondan, que me ronden,
eu non quero ser rondada,
pois digo unha vez que non,
non quero ser porfiada.

Outrosí, hai tamén cantares en que figuran as mulleres defendéndose a través de medios físicos dos ataques dos homes ou que deciden, elas propias, tomaren a xustiza pola man perante unha aparente inoperancia dos poderes públicos:

A muller pegóull’ó home
coas varas dun argadelo;
que lle pegue ó seu marido,
xa que pode está ben feito.

 

Pasei por Río de Quintas
caladiño com’un rato
para que non me pegasen
as nenas do Portádego.

Para moitas mulleres, o feito de casaren supuña simplemente que a persoa que mandaba nelas deixaba de ser o pai e pasaba, no novo estado civil, a ser o marido. Frecuentemente, a situación da noiva non só non melloraba, mais antes acostumaba virar peor ao estar agora totalmente subxugada ao seu home. Por iso, non se torna infrecuente documentarmos cantos en que se denuncia esa situación, mesmo nalgún caso con referencias explícitas á violencia física practicada contra as esposas:

Casadiña de tres dias,
logo levache unha tunda;
se as solteiriñas o saben
non se casaba ningunha.

 

–Dime, casadiña nova,
como che vai de casada?
–Como criada que serve
e non lle pagan soldada!

 

Se o casar fose dun día,
ou sequera por un ano!
Esto de ser para sempre,
Deus nos teña da súa mao!

De por parte, non faltan cántigas en que se cuestiona o pouco valor da figura masculina, o que é expresado normalmente en termos económicos ou até afectivos:

Este ano hai moito liño,
este ano hai moita aresta;
os rapaciños d’agora
cheiran a mexo que apestan.

 

Moreniña ha de ser
a terra para dar nabos;
e o home, para ser bo,
ha de ser moído a paus.

 

Mala xesta varredeira
veña polo bon varón,
veña por tódolos homes
por cantos no mundo son.

 

Vaia, louvadiño sexa Deus!
que xa vén a barateza:
os homes van a real,
catro por unha peseta!

Ese pouco valor con que son pintados algúns homes parte en ocasións dos habituais enganos nas relacións de parella. Por iso, non se torna estraño que as cantareiras anónimas se queixasen diante deses comportamentos ao veren amigas, familiares ou veciñas que padeceron tal sorte de situacións:

Nas palabras dos canteiros,
mociñas, non vos fiés:
collen os picos e vanse.
Meniñas, que lles farés?

 

Tres mil demoros te leven,
cinco mil carguen contigo!
Se tiñas amor con outra,
pra que falache comigo?

Por outro lado, a afeizón excesiva dalgúns homes á bebida ten orixinado verdadeiros calvarios a moitas mulleres, nomeadamente na intimidade da vida familiar. O álcool, neses contextos, servía para estimular todo o tipo de agresións que até ao momento da inxesta estaban adormecidas. Por iso, non é de estrañar que algunhas daquelas cantareiras aproveitasen as poesías anónimas para protestaren contra esas situacións, tal como verifican os seguintes poemas, pois en moitos casos era o único medio que tiñan para daren a coñecer en público ese tipo de violencia:

Cando vou para a Coruña
vou por Santa Margarida;
se meu pai quere ser bo
que se quite da bebida.

 

O boi i o carro perdeche,
foiche de tanto beber;
mal lle vai á cabezalla
s’a chavella se perder!

Ao mesmo tempo, deixándomos de parte estas temáticas, existe un considerábel número de poemas tradicionais que se centra nas mulleres como intérpretes desta tipoloxía de manifestación artística. O curioso é que nunca ou case nunca se fai mención aos homes como persoas capaces de desenvolveren tales responsabilidades. Os seguintes textos falan precisamente dese protagonismo feminino:

Deprendéronm’a cantar
as neniñas de Rianxo;
deprendéronm’a cantar
indo polo mar abaixo.

 

Deprendeume miña nai
a toca-la pandeireta;
deprendeume miña nai
cando me sacou a teta.

 

Dices que non canto ben,
para ti canto bastante;
se non me queres oír,
arre, burro, para diante.

En resumo, o cancioneiro tradicional coruñés e galego ofrece mostras de como se poden aproveitar algúns dos seus textos para reivindicarmos o feito de algunhas mulleres non calaren perante determinadas hostilidades de orixe masculina. Na ACAB somos da opinión, igualmente, de que moitas desas mostras de literatura e música orais deben servir de forma a condenarmos eses contextos de inxustiza, aínda que sexa, neste caso, desde unha esfera máis lúdica.

Texto: Xosé Manuel Sánchez Rei

Este artigo foi publicado no caderno Sermos Bóveda, realizado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, titulado Música tradicional. Moito máis que a memoria do país, que se distribuiu co semanario Sermos Galiza número 313. Podes mercalo en formato dixital na tenda da AS-PG.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies