Cando era tempo de inverno

Cand’era tempo d’inverno

Pensaba en dond’estarias

(Rosalía)

Debuxo de Castelao

Van pasando os días e as estacións –o tempo non se detén– e seguimos vivindo condicionados de tal forma que case parecen axeitados os versos de Rosalía:

Mais son prob’ e mal pecado,

A miña terra n’ é miña,

Qu’ hastra lle dán de prestado

A veira por que camiña

O que naceu desdichado.

Encerrados na primavera –vendo florecer os campos desde a casa–, o verán e o outono vividos “daquela maneira”: unha da Coruña non pode tomar un viño, un café ou ir a Betanzos ver a familia. E nisto, chega o inverno. O refraneiro di:

“Deus nos teña da súa man e nos saque do inverno e nos meta no verán”

 

“O inverno come e non cría”

Se xa de por si a estación se presta a certas reticencias –como ben nos din os refráns–, vivida tamén ao modo “daquela maneira” –como xa vivimos as estacións anteriores–, inverno e inferno ademais de case homófonos serán case sinónimos.

Sexa como for, o inverno está aquí e toca facerlle fronte co optimismo dos que saben que nunca choveu que non escampara.

Rosalía de Castro en Follas novas (1880) di amar os meses de inverno:

Meses do inverno fríos,

Que eu amo a todo amar;

Meses dos fartos ríos

I o dóce amor do lar.

Meses das tempestades,

Imaxen da delor

Que afrixe as mocedades

I as vidas crota en frol.

Chegade e, tras o outono

Que as follas fai caer,

Nelas deixá que o sono

Eu durma do non ser.

E cando o sol fermoso

De abril torne a sorrir,

Que alume o meu reposo,

Xa non o meu sofrir.

Praza de María Pita

O “Inverno” de Celso Emilio Ferreiro (Longa noite de pedra, 1962) é “dor” polos que sofren –aldraxes, cadea, inxustizas– e “loito” por tanto pranto:

Chove, chove na casa do probe

e no meu corazón tamén chove.

 

Dor da mau encallecida,

dor da xente aterecida

de frío polos camiños.

Dor dos vellos e meniños.

Dor dos homes desherdados

e dos que están aldraxados.

 

Mágoa da feria allea.

Dor dos que están na cadea,

dos que sofren a inxustiza

e viven baixo a cobiza.

 

Mágoa e loito

por tanto pranto que escoito.

No meu peito, sulagado,

soturno, fondo, calado,

un río de amor se move.

 

Chove, chove na casa do probe

e no meu corazón tamén chove.

E, así o cantou Luís Emilio Batallán:

Cabana con neve

Miguel Anxo Mato Fondo en “Teoría das chuvas” (O whiskey na barrica, 2004) teoriza sobre os tipos de chuvias: a grosa do bosque, a dos xungais, a das agras, a chuvia veciña, a da casa:

Á miña nai gustáballe contemplar a chuva. No inverno hai días en que unha non pode saír ao curral. Entón ela subía á alcoba, sentaba nunha cadeira achegada á fiestra, tomaba nas súas mans o pano de bordar e ollaba a chuva durante tardes enteiras. Daquela eu subía e sentaba a carón dela. Permaneciamos en silencio durante un longo anaco. E pedíalle que me contara de onde vén a chuva e cantas clases de chuva había.

 

Miña nai sempre dicía “as chuvas”. Sempre falaba delas en plural. Semellaba que eran como personaxes dos contos, como as fadas que brincaban no monte entre os carballos, ou os trasgos e outros seres dos libros, ou a tola que baixaba por camiños entre agras a berrar por unha nena que alguén lle fixera e alguén lle levara. Como aquelas personaxes dos contos que andabamos a ler na escola, así eran as chuvas e cada unha delas era dun parecer e dun ser propio que non tiñan as demais.

En Galiza seica temos máis de cen palabras para denominar a chuvia porque –como cantan Poetarras– ese día o vocabulario estaba de oferta:

Cidade pola noite

Non é o de Lugo o inverno máis suave de Galiza, en “Inverno na miña vila” (Sombra do aire na herba, 1959) o médico–poeta lucense, Luís Pimentel, cántalle a esta estación na Cidade das Murallas, onde estas dormen redondas e brandas:

Fino ceo de telaraña

 cinza de pérola.

Un galo canta,

 flama sobre a neve.

As murallas durmen,

 redondas e brandas.

Roto o resorte do pobo,

as voces caen en cabezales

 de nardos.

Horas sin ferro.

 Reló de fariña:

 neve.

Salirá a lúa,

como unha raxa de melón

fría e dulce.

Polas terras de Lugo tamén andaban os contos de Anxel Fole de Á lus do candil (1952). Quince textos nos que fala de lobos, aparecidos, premonicións. Se o verán é propicio para os cantos, o inverno éo para os contos, sobre todo, as longas noites de inverno:

As noites de inverno soio son boas pra os trasgos, pra as meigas, pra os lobos… E pra quen escoita contos de medo sentindo rombalo vento.

Bosque nevado

Días curtos, neve nos campos, a xente arredor da lareira, o gando na corte e, fóra, grandes temporais. Así viu o “Inverno” Manuel María (Terra Chá, 1954):

Están os campos nevados,

a xente xunto as lareiras,

os gandos encortellados

e os capós nas capoeiras.

 

As bandadas de aves frías

a berrar polos nabales.

¡Son moi pequenos os días

e grandes os temporales.

Escribía Celso Emilio chove, chove na casa do probe/e no meu corazón tamén chove. E, é que pode ser inverno en calquera época do ano, sobre todo para os pobres. Así o vía tamén o outro poeta –igualmente de Celanova–, Curros Enríquez:

Eu sonvos o probe

do pobo galego:

pra min non hai maio,

pra min sempre é inverno! …

Vivimos días de pandemias, inxustizas, violencia machista, temporais… Pero, máis ca nunca, temos que dicir que aínda seguimos e seguiremos aquí aturando tempestades de todo tipo. E, ha de chegar a primavera.

Flor con neve

Tags:

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies