Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX

Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIXXosé Manuel Sánchez Rei presenta a súa obra Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX editado por Laiovento. Unha edición de máis de catrocentos cantares tradicionais galegos. Foron compilados durante os séculos XVIII e XIX, na súa maioría na comarca da Coruña, e van precedidos dun estudo introdutorio de forma a situalos cultural, histórica e lingüisticamente. Estes textos, alén de daren a coñecer unha parte do rico patrimonio inmaterial do país, xurdido e transmitido co pasar de xeracións, servirán non só para nos aproximarmos dos modos de vida das galegas e dos galegos da época, mais tamén para sabermos máis un pouco sobre o estado da lingua naquela altura e, igualmente, para recuperarmos desde a actualidade unha forma de manifestación artístico-literaria e de lecer de tanta raizame na Galiza.

Xosé Manuel Sánchez Rei (A Coruña, 1973) é profesor titular na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. A súa investigación céntrase na gramática do galego actual, na variación lingüística e na linguaxe literaria, temas sobre os cales ten dado a lume diversos traballos en revistas especializadas, cal Cadernos de Lingua, Diacrítica-Ciências da Linguagem, Estudos Galego-Brasileiros, Madrygal, Revista de Letras, Revista Galega de Filoloxía, Revue Romane, Rostocker Romanitische Abeirten, Verba etc. En Edicións Laiovento publicou os libros Se o vós por ben teverdes. A interpolación pronominal en galego (1999; Premio Carvalho Calero de Investigación Lingüística, 1998), A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros (2006, finalista nos Premios da Crítica) e Lingua galega e variación dialectal (2011). Nesta mesma editora, traduciu para o galego o Curso de Lingüística Xeral de Ferdinand de Saussure (2005).

Ofrecemos a continuación o primeiro capítulo desta obra, referente á perspectiva histórica.

1. PERSPECTIVA HISTÓRICA*

O pobo galego, a pesar de ter certa sona de morriñento noutros países, dispón dun rico patrimonio lírico-musical que invalida esa idea tan estendida. Para alén da música instrumental, cuxo alto número de pezas tradicionais aínda hoxe se descoñece, a Galiza posúe un outro repertorio de literatura e melodías orais dunha grande calidade e cantidade. Ese legado foi xestándose durante a Idade Moderna, de aí que non resulte estraña a afirmación de a vida das comunidades rurais dos séculos XVII-XIX e dos primeiros anos do s. XX estar chea de cantares que desempeñaban diversas funcións. Entre tales responsabilidades, o canto tradicional debía cumprir a encomenda de tornar menos desagradábeis as condicións de vida das xentes camponesas e mariñeiras nas longas noites do inverno, nos traballos agrícolas, nos deslocamentos atravesando vales e montañas por motivos laborais, no remate de determinadas tarefas colectivas no campo etc. Tamén desenvolvía unha función pedagóxica, xa que, ao estar vetado o acceso ao mundo académico para a maior parte da sociedade, un dos poucos medios de que esta dispuña para desenvolver destrezas lingüístico-cognitivas e habilidades literarias (creación e transmisión de estrofes, memorización de cantos, improvisación co idioma etc.) pasaba por brincar con textos orais. E, outrosí, o canto e a poesía tradicionais servían como unha sorte de tratamento analxésico liberador de tensións e problemas sociais, tales como a emigración, as necesidades económicas das clases menos favorecidas, as friccións persoais entre veciños ou veciñas etc.

As galegas e os galegos, pois, nacían entre cántigas, vivían a cantaren e, mesmo despois de faleceren, a súa lembranza podía conservarse entre poesías transmitidas xeracionalmente. Hai casos, neste sentido, en que as cuadras anónimas lembran xentes que existiron verdadeiramente noutros tempos: no presente traballo, por exemplo, aparecen nomes como Mantiñán de Palavea, Marica de Pastoriza ou Prego o d’Agrela, dos cales se ten constancia da súa existencia na segunda metade do século XIX. Todas as manifestacións vitais, desde as máis subtís declaracións de amor até á sátira persoal ou social, podían verse adubadas a través dunha grande cantidade de cantos tradicionais. Na Galiza desa época, pois, floreceu unha extraodinaria literatura oral da cal se pensa que chegou aos nosos días formada, aproximadamente, por uns 30.000 cantares, uns 80.000 refráns e unhas 1.500 narracións. As clases traballadoras da Coruña e das súas proximidades e as xentes do mundo rural e do mar destes territorios tamén participaban desa cultura oral e popular. Así se verifica a través das coleccións preparadas por diversos especialistas que colixiron textos na propia localidade ou nas súas cercanías, como Fermín Casares (?1838-1912) ou José Pérez Ballesteros (1833-1918), sobre os cales voltaremos a falar máis abaixo (cf. 1.2).

Por outro lado, na Galiza urbana e vilega esmoreceu hai pouco tempo o costume de cantar nas tabernas. Souto (2007: 171) expón como as xeracións máis novas descoñecen normalmente ese hábito; o polifacetado artista afirma con rotundidade que nas ruelas de Betanzos, nas Curuxeiras de Ferrol, nas rúas de Noia ou na Coruña era ben difícil imaxinarmos, hai trinta ou corenta anos, unha tasca que se preciase que non tivese un grupo de voces máis ou menos constante. Algúns dos cantos que se reproducían en tales circunstancias proviñan de moito tempo atrás, como por exemplo os séculos XVIII-XIX –o que sen dúbida lles proporcionaba unha ilustre capa de verniz antigo-, e mesmo varios deles foron incorporados ao presente traballo (cf. 3.2).

Tendo en conta todo isto, a presente selección pretende ser apenas unha pequena mostra representativa que encaixa na historia da compilación de poesía e música transmitidas de xeración en xeración. Tal percurso pode dividirse en catro períodos ben delimitados, dos cales, polos motivos que se explicarán máis abaixo, son os dous primeiros os que máis nos interesan.

1.1. A PRIMEIRA ETAPA

A época en que hai constancia de que comeza a se recoller poesía e canto tradicionais corresponde cronoloxicamente á segunda metade do século XVIII. Algúns eruditos setecentistas foron os pioneiros en recolleren e en valorizaren a literatura de transmisión anónima, segundo fixo o Padre Sarmiento (1695-1772), o cura de Fruíme Diego Antonio Cernadas Castro (1698- 1777), Xosé Cornide Saavedra (1734-1803) ou o Padre Sobreira (1746-1805). Eles foron, ao mesmo tempo, os primeiros que se preocuparon polo estudo da lingua galega, nomeadamente Sarmiento e Sobreira, cuxos traballos constitúen unha preciosa información á volta do estado do idioma na altura. Non se pode descartar que varios dos materiais que colixiron aqueles eruditos se perdesen definitivamente, de forma que os textos que se conservan actualmente quizais respondan, na realidade, a unha parte do que puido ser compilado; parece haber indicios de se teren extraviado certos opúsculos que contiñan mostras desas manifestacións literarias populares (cf. Sánchez Rei 2006: 32-33).

Hai que notar aquí que os séculos do Galego Medio (XVIXVIII), sociolingüística e pedadoxicamente denominados Séculos Escuros (XVI-XVII) e Século da Ilustración Galega (XVIII), foron postos en relación coa capacidade artística de se expresar o pobo desde o anonimato (cf. Sánchez Rei 2006: 31-32). Vai ser nesa época cando se consolida a poesía tradicional na Galiza, a cal, para alén do seu valor intrínseco, tamén coadxuva no coñecemento de como era o galego na época: con efecto, dada a escaseza de textos cultos conservados durante ese período, a literatura oral enforma unha das principais mostras lingüísticas e literarias e, conforme se verá máis abaixo (cf. 2.2), constitúe unha ferramenta fundamental para nos aproximarmos da situación da lingua no referente a fenómenos de variación lingüística, manutención de trazos gramaticais xenuínos, influencia do español etc.

1.2. A SEGUNDA ETAPA

O seguinte período corresponde xa ao século XIX, nomeadamente á segunda metade e en particular ao derradeiro cuartel da centuria, coincidindo con homólogos estudos levados a cabo na Franza e na Alemaña. Nese tempo foi cando se comezou realmente a sentir a necesidade da urxente compilación da literatura tradicional galega, sobre todo por causa da publicación en 1863 de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e do primeiro volume da Historia de Galicia de Manuel Murguía, que aparece en 1865 (cf. Blanco 1996: 240; Sánchez Rei 2006: 33). As persoas que protagonizan o Rexurdimento, que é a época que convencionalmente serve para denominar os anos en que o galego reemerxe literariamente e en que se comeza a tomar consciencia cultural e política do país, son cientes de que se non se recollen todas esas manifestacións de literatura tradicional van perderse ou verse deslocadas por homólogas mostras literarias anónimas cantadas no único idioma oficial da época (cf. Blanco 1996: 240). Entre os autores que se dedicaron á recollida de textos de extracción anónima en finais do século XIX son de salientar as figuras de José Casal Lois (1845-1912), José López de la Vega (1825-1888), José Pérez Ballesteros (1833-1918), Juan Antonio Saco Arce (1835-1881), Lois Tobío Campos (1861-1943), Manuel Murguía (1833-1923), Marcial Valladares (1821-1903) etc. A maior parte desas coleccións non puido sobordar a versión manuscrita, pois, á excepción do traballo de Pérez Ballesteros, Cancionero popular gallego, dado a lume entre os anos 1885-1886, os máis deses textos (os compilados por Casal Lois, López de la Vega, Tobío Campos etc.) non conseguiron aparecer publicados até aos anos finais do século XX ou inicios do s. XXI grazas ás rigorosas edicións de Domingo Blanco (cf. 3). Outros cantares coñecían certo tipo de divulgación en obras de finalidades ben diferentes, como as mostras que aparecen no Diccionario Gallego-Castellano de Marcial Valladares –dado a lume en 1884–, algunhas publicacións periódicas, determinadas obras literarias etc. (cf. Sánchez Rei 2006: 51-60).

Aliás, a importancia do canto tradicional no país e en particular na Coruña fai que se non deba esquecer que foi na cidade herculina onde no día 23 de decembro de 1883 naceu a sociedade “El Folk-Lore Gallego”, destinada, entre outras finalidades, a colectar esas manifestacións de literatura anónima: presidida por Emilia Pardo Bazán, tiña como membros da Xunta Directiva Ramón Pérez Costales (Vicepresidente), Salvador Golpe (Secretario), Ramón Segade (Vicesecretario), Narciso Pérez Reoyo (Contador), Antonio María de la Iglesia (Tesoureiro), Juan de la Oza (bibliotecario), José Pérez Ballesteros (Vogal), Cándido Salinas (Vogal), Francisco María de la Iglesia (Vogal) e Víctor López Seoane (Vogal) (cf. Blanco Pérez 1994: 129-139; López Varela 2001: 49-59; Pardo Bazán 2009). A entidade deu a lume importantes traballos sobre o folclore galego que permitiron que a literatura tradicional do país fose coñecida noutras partes da península. Os seus principais logros editoriais foron un Cuestionario pensado para orientar os traballos de campo, o conxunto de colaboracións aparecido no tomo IV da Biblioteca de las tradiciones populares españolas e a publicación en tres volumes do cancioneiro de Pérez Ballesteros (cf. Blanco Pérez 1994: 130).

1.3. A TERCEIRA ETAPA

O terceiro período principia co século XX e chega até a Guerra Civil se iniciar. Antes da contenda bélica, é de notar o interese que a literatura de transmisión anónima inspirou na Real Academia Galega, nas Irmandades da Fala, no Seminario de Estudos Galegos ou na Xeración Nós, sen deixar de sinalar o labor levado a cabo por estudiosos individuais, como Alfonso Hervella Courel (1886-1949), Aníbal Otero (1911-1974), Antonio Noriega Varela (1869-1947), Ramón de Arana (1858-1939), Santiago Tafall (1868-1930) etc. Non é de estrañar, pois, que tal interese tivese repercusións editoriais nalgúns medios da época; así, quer no Boletín da Real Academia Galega, quer en publicacións periódicas aparecidas na altura (en que salientan A Nosa Terra e Nós), vai darse a coñecer un importante número de cantares tradicionais. Nestes mesmos anos, son merecedores de seren subliñados os coros populares, que tamén se van encarregar de compilaren lírica e música tradicionais. O primeiro conxunto destas características en aparecer foi Aires d’a Terra, fundado en Pontevedra en 1883 e dirixido polo boticario e gaiteiro Perfecto Feixoo Poncet (1858-1935); seguindo este modelo, axiña se espallaron polo país outras agrupacións similares, de forma que entre as décadas de 10 e 20 do século XX irán aparecendo diferentes colectivos con parecidas inquietacións artísticas, en moitos casos vinculados ás Irmandades da Fala: é de xustiza lembrarmos aquí o xurdimento de Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela, 1916), Cántigas d’a Terra (A Coruña, 1916), Cantigas e Aturuxos (Lugo, 1917), Coral de Ruada (Ourense, 1919), Foliadas e Cantigas (Pontevedra, 1916), Toxos e Froles (Ferrol, 1914) etc. Na actualidade, unha notábel parte da música que se interpreta como tradicional ou folque provén, xustamente, dos arquivos deses coros e podemos pór como exemplo ao respecto, entre outros moitos, a “Foliada de Verducido”, unha das pezas de gaita hoxe en día máis coñecidas e estandarizadas: a dita melodía provén do repertorio clásico da entidade Cántigas da Terra e foi gravada no disco de Milladoiro “Galicia no país das maravillas”, cuxa versión foi apresa por unha grande cantidade de intérpretes tanto do país como doutras tradicións gaiteirís europeas.

Deste tempo é igualmente digno de nota o traballo musicolóxico de Xesús Bal Gay (1905-1993) e Eduardo Martínez Torner (1888-1955), persoas en que o Seminario de Estudos Galegos delega a investigación sobre esas temáticas. Os materiais coleccionados foron parcialmente editados no monográfico Terra de Melide no ano 1933 (cf. Martínez Torner & Bal e Gay 1978: 539-566), aínda que o resto dos documentos lingüístico-musicais sobreviviu, tamén dun modo parcial, no traballo de Martínez Torner & Bal y Gay, publicado corenta anos despois e reeditado recentemente (2007). O desastre da Guerra Civil fixo arder unha cifra cercana aos setecentos manuscritos, os cales contribuirían de certo para tornaren aínda máis ricas a lírica e a música tradicionais galegas. Neses anos merece tamén ponderarse a compilación na Limia Baixa de máis de 2.500 textos levada a cabo por Xoaquín Lorenzo Fernández, obra que que conseguiu saír do prelo con máis de catro decenios de demora (cf. Lorenzo Fernández 1973: 9).

1.4. A CUARTA ETAPA

Finalmente, o seguinte período abranxe a Posguerra no Estado español e proxéctase até aos nosos días, en que, como produto das profundas transformacións que sofreu a sociedade galega (desruralización e subsecuente urbanización da sociedade, emigración interna e externa, importantes modificacións na distribución xeodemográfica da populación, mudanza dos modos de vida e nas prácticas de relacións sociais, ocaso do mundo rural e dos seus valores etc.) e ao mesmo tempo como causa da chegada de innovacións tecnolóxicas (radio, televisión, informática) e da mellora das vías de comunicación, o modo de transmisión desta literatura se viu suxeito a notábeis alteracións. Hoxe en día aínda moitas entidades dedicadas ao estudo e compilación da lírica e música tradicionais e até persoas a título particular continúan a procurar informantes para colixiren mostras dese legado cultural. Porén, é certo que cada vez resulta máis difícil acharmos persoas legatarias de tal patrimonio, debido ás mudanzas na sociedade galega xa referidas. Igualmente, os modos en que eses individuos puideron aprender os textos que recitan ou que cantan non teñen de ser necesariamente os da transmisión anónima xeracional, mais debemos pensar noutras orixes e influencias, algunhas non menores: coros de música tradicional, bandas de música populares, emigración americana, grupos de música tradicional ou folque, mecanismos de reprodución de música etc.; disto era consciente xa Lorenzo Fernández (1973: 9), que sinalaba como as emisións radiofónicas contribuíron sobremaneira para espallaren o coñecemento de determinados cantares.

Na actualidade, é de salientar o labor da musicóloga suíza Dorothé Schubart e do filólogo Antón Santamarina, responsábeis da publicación en varios volumes do extenso Cancioneiro Popular Galego (Schubart & Santamarina1984). Este, para alén dos textos tradicionais, está dotado de notación e análise musicais e, precisamente por esta circunstancia, a obra ten sido a fonte de inspiración e de recollida de non poucas formacións do ámbito tradicional ou folque. Tamén aconteceu algo semellante co Cancionero de Casto Sampedro Folgar (2007), traballo de referencia da música popular galega para non pouca xente, que contén melodías e letras de finais do século XIX e dos primordios do s. XX e que foi publicado pola primeira vez en 1942. Mais a nómina de mulleres e homes con interese na literatura e músicas anónimas non se reduce a estes investigadores; cómpre lembrarmos na época actual o inxente labor de Xosé Ramón Mariño Ferro (1950), Xosé Luís Rivas Cruz “Mini” (1951) e Baldomero Iglesias Dobarro “Mero” (1951), Manuel González Reboredo (1946), Manuel Quintáns Suárez (1931) etc., que colixiron e editaron textos orais e melodías que fan parte da cultura inmaterial galega. Moitas destas persoas comezaron sendo afeizoadas ou amadoras, partindo da propia vontade de conservaren ese patrimonio para as xeracións futuras. Un dos máis recoñecidos expertos nestes ámbitos, Xosé Luís Rivas Cruz, “Mini”, perante o xeral abandono por parte de institucións políticas e académicas en que se acha ese ámbito, ten ponderado en ocasións como o autodidactismo foi a única estratexia de aprendizaxe e de estímulo para conseguir compilar unha parte dese legado (cf. Rivas Cruz 2004: 160-161).

Dun punto de vista estritamente actual, a vitalidade desta poesía e música orais mingou moito se comparada con outras épocas. Por iso hai autores que distinguen unha “existencia primaria”, localizada cronoloxicamente desde os primordios do século XVIII até aos anos finais do século XIX ou inicios do XX, que estaba caracterizada por unha grande vitalidade e difusión, e unha “existencia secundaria”, desde os finais da etapa anterior, datada no século XX, que principia coa forte chegada á Galiza de literatura culta en español e que continúa co proceso de desruralización da sociedade galega ao longo da mesma centuria (cf. Blanco 1997: 60-68). Con todo, e a pesar desa secundarización, os cantos tradicionais continúan nos nosos días a daren mostras dunha aínda notoria potencialidade, especialmente nas xuntanzas festivas con familiares e amizades ou nas sesións dos seráns e das foliadas que se celebran con certa regularidade por todo o territorio. Así as cousas, textos coleccionados na nosa época e cuadras provenientes de séculos anteriores poñen en valor a forza dun tipo de lírica e música de transmisión anónima que vai coñecendo continuas refaccións e reinterpretacións, agora desde a proxección pública que facilitan os concertos e os diferentes formatos para a reprodución de música gravada. Bandas senlleiras da música folque galega actual, como A Quenlla, A Roda, Berrogüetto, Carlos Núñez, Doa, Fía na Roca, Fuxan os Ventos, Leilía, Mercedes Peón, Milladoiro, Na Lúa, Pepe Vaamonde, Son de Seu, Sonia Lebedinsky, Susana Seivane, Treixadura, Uxía, Xabier Díaz etc. teñen acudido a eses textos para os incorporaren aos seus traballos discográficos.


* O presente traballo insírese no proxecto de investigación FFI2015-63523-P, subsidiado polo Ministerio de Economía e Competitividade.

Leave a Reply

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies