“Cántiga”, o primeiro poema en galego de Curros

Unha noite na eira do trigoO 5 de xuño de 2019 cúmprense cento cincuenta anos da primeira composición en galego de Manuel Curros Enríquez. En 1869, cando o poeta de Celanova tiña só 17 anos e estaba estudando Dereito en Madrid, escribía na marxe da lección X da Economía Política de Manuel Colmeiro a súa famosa “Cántiga”, incluída despois, en 1880, en Aires da miña terra.

O poema foi musicado moi pronto por Cesáreo Alonso Salgado e por Xoán Montes. Pero a versión coa que acadou máis fama e quedou para a posteridade foi a de Xosé Castro “Chané”, emigrante tamén en Cuba coma Curros. A letra e música fixéronse tan populares que o pobo acabou modificando o primeiro verso: No xardín unha noite sentada pasou a Unha noite na eira do trigo.

O tema do poema é a separación dos amantes por culpa da emigración. Mentres o mozo emigra a América nun “aleve negreiro vapor”, a rapaza queda chorando “sin trégolas”. O desenlace é tráxico: “unha cova/ nun outeiro/i on cadavre no fondo do mar”.

Curros e “Chané” unidos pola emigración a Cuba, unidos por esta e outras famosas composicións, tamén descansan xuntos no coruñés cemiterio de San Amaro. Así o expresaba A Nosa Terra cando morreu Castro “Chané”:

“No cemiterio da Coruña, preto de Curros, o seu irmán de raza, o seu compatriota, repousa xa para sempre o mestre Chané. O grande Centro Galego da Habana honra dos `bos e xenerosos´, cumpre co seu deber mandándonos os sagrados restos do autor da Foliada. Galiza enteira cumpriu tamén o seu deber, facéndolle ao mestre un enterro garimoso e solemne…”

No xardín unha noite sentada
ó refrexo do branco luar,
unha nena choraba sin trégolas
os desdéns dun ingrato galán.
I a coitada entre queixas decía:
“Xa no mundo non teño a ninguén,
vou morrer e non ven os meus ollos
os olliños do meu doce ben”.

 

Os seus ecos de malenconía
camiñaban na alas do vento,
i o lamento
repetía:
“Vou morrer e non ven ó meu ben!”

 

Lonxe dela, de pé sobre a popa
dun aleve negreiro vapor,
emigrado, camiño de América
vai o probe, infelís amador.

 

I ó mirar as xentís anduriñas
cara a terra que deixa cruzar:
“Quen pudera dar volta _pensaba_,
quen pudera convosco voar!…”

 

Mais as aves i o buque fuxían
sin ouír seus amargos lamentos;
sólo os ventos
repetían:
“¡Quen pudera convosco voar!”

 

Noites craras, de aromas e lúa,
desde entón ¡que tristeza en vós hai
prós que viron chorar unha nena,
prós que viron un barco marchar!…

 

Dun amor celestial, verdadeiro,
quedou sólo, de bágoas a proba,
unha cova
nun outeiro
i on cadavre no fondo do mar.

 

Leave a Reply

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies