Castelao, sempre vixente

“De modo que o viandante

vendo con gran zozobra

cubrir a dura terra

a cinza poderosa

dixera con espanto: ¡Certamente

este era grande cousa!”

(Eduardo Pondal)

Castelao por MasideNon quere Pondal “morrer en brando leito”, senón, “como o forte Leónidas”, morrer noutras “rudas Thermópilas”, para así deixar “un longo rastro de gloria” e que a xente dixera ao velo: “este era grande cousa”. Esta cita de Pondal queremos que sirva para introducir estas liñas dedicadas a unha das persoas das que a crítica di que posúe unha obra de creación multixenérica e xenial que o consagran como un dos máis grandes artistas galegos de todos os tempos.  Que é o intelectual que mellor representa a esencia cultural de Galiza.  Home dunha gran perspicacia política e dun grande talento artístico e literario. Si, estamos falando de Castelao. Dedicándolle a el o verso de Pondal, podemos dicir: “certamente, este era grande cousa”.

Castelao nenoNado en Rianxo (30 de xaneiro de 1886) e morto en Bos Aires (7 de xaneiro de 1950), Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é un referente en todas as facetas das que poidamos falar. Considerado pai e símbolo do nacionalismo galego, intelectual comprometido coa terra e co país, a súa vida e a súa obra seguen hoxe vixentes e sendo un exemplo a imitar.

Falabamos da súa obra de creación multixenérica. Como narrador, ensaísta, dramaturgo e debuxante, Castelao posúe un talento e unha calidade que ninguén discute. No apartado narrativo, deixounos obras que ocupan un lugar destacado na nosa literatura: Un ollo de vidro (1922), Cousas (1926), Retrincos (1934), Os dous de sempre (1934). Non menos destacado é o lugar que ocupa a súa obra de teatro, Os vellos non deben de namorarse (estreada en Bos Aires, en 1941). O seu ensaio político, Sempre en Galiza (1944), é considerado unha obra canónica do nacionalismo galego, unha especie de biblia do galeguismo. Tamén como debuxante, Castelao é un referente: Cousas da vida (1925), Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937), Milicianos (1938), Debuxos de negros, son algunhas das súas obras gráficas que complementan o resto da súa produción artística. Sen dúbida, é un artista completo.

Castelao representando unha obra de teatro

Castelao representando unha obra de teatro

Se a obra de creación de Castelao  é un referente, tamén o é o resto da súa múltiple actividade que desenvolveu. Pertenceu xa desde un principio (1916) ás Irmandades da Fala, colaborou co seu xornal A Nosa Terra, foi Director artístico da Revista Nós (1920), formou parte do Seminario de Estudos Galegos ( desde 1924), fundador do Partido Galeguista (1931) e deputado en Madrid, membro da Real Academia Galega (desde 1934), fundamental o seu traballo a favor do Estatuto de Autonomía de Galiza.

Loitador en Galiza e no exilio, Castelao representa, como dixemos, a esencia cultural de Galiza e un modelo de compromiso a imitar. Tras a súa morte o día 7 de xaneiro de 1950, o mundo cultural galego sentiuse orfo. A Nosa Terra dedicáballe un número especial (474) ese mesmo ano. Nel, as opinións sobre Castelao son unánimes. A continuación, citamos algunhas:

Ánxel Fole: “Era Castelao unha das máis esgrevias persoalidades galegas de todol-os tempos. Ninguén como íl espresou as arelas da i-alma do noso povo”.

Francisco Fernández del Riego: “Castelao mito humán do povo galego… A Galiza de Castelao é unha Galiza xenuína, auténtica, sinceiramente viva.”

Florentino López Cuevillas: Diante dos cadros de Castelao di que foi “onde o meu corazón, tremendo de ledicia e de tenrura emprincipiou a bater no meu peito pol-a terra que me vira nacer.”

Ben-Cho-Shey: “Galiza, pois, ten un mito humán, unha bandeira símbolo que seguir”.

Emilio González López: Para el, Galiza “con Castelao chegou a eisistir con personalidade propia nas artes plásticas”.

Ramón Piñeiro: “Castelao era o símbolo humán das arelas morales do seu povo, das arelas de bondade e de xusticia que sempre están aniñadas na sensibilidade coleitiva.”

Manuel Rodrigues Lapa: En carta á súa esposa di que “a Galiza perdeu com o seu marido o seu homem mais representativo, o seu herói, difícil de substituír.”

Poderiamos seguir citando opinións –xa da época– sobre o que significou Castelao para Galiza, pero todas coinciden na valoración. Igual ca coinciden os múltiples textos poéticos dedicados á súa figura. Citamos só algúns:

Poemas dedicados a Castelao

Una veu que ens ve de lluny
Homenatge a Castelao

Por quins camins reconeixem l’aurora?
Móbil claror, ombres que es defineixen
a sol ixent fins que els ulls s’enlluernen
tornant al buit de la força excessiva.

I tanmateix sabem el veïnatge
dels esguards, cars, de les clares paraules,
la bona llei del qui sofreix pels altres
donant-ho tot, sense esperar-ne paga.

La seva veu ressona avui segura,
i ens sobtarà mentre hi hagi cadenes
endogalant la llibertat d’un poble
-el teu o el meu, lluny, Castelao, encara!

(Francesc Vallverdú)

[tradución]

Unha voz que chega de lonxe
Homenaxe a Castelao

Por que camiños recoñecemos a aurora?
Móbil claridade, sombras que se definen
no sol nacente ata cegar os ollos
tornando ao baleir da forza excesiva.

E, porén, coñecemos a veciñanza
as miradas, caras, das claras palabras,
a boa lei do que sofre polos outros
entregándoo todo sen agardar nada.

A súa voz resoa hoxe segura,
e sorprenderanos mentres haxa cadeas
pexando a liberdade dun pobo
-o teu ou o meu, lonxe, Castelao, aínda!

Castelao

Cando cheguen os tempos non chegados
cando canten as mans traballadoras
nas doídas manceiras dos arados
e nas salgadas redes pescadoras,

Galicia ceibe tallará o teu nome
nas outuras do Pórtico da Groria
pra que falen os anxos con un home
que leva a patria enteira na memoria.

Unha nova Galicia sen cadea,
que non esportará mais sangue humán
nin asoballará unha man allea:

Unha Galicia nova, a de mañán,
que xa ven alborando, xa clarea,
no peito arrolará teu soño irmán.

(Lorenzo Varela)

Na morte de Castelao

¡Irmán Daniel!
Na praia de Rianxo
caían como bágoas as estrelas,
espallaban teus aies derradeiros
bruantes ventos das andinas serras,
e ondas galgantes, en cramor, chegadas
da pratense ribeira,
contaban no areeiro que te foras
da sereidade pola plan vereda…
o camiño que nunca se desanda,
o vieiro sin fin…
Na noite pecha
entrei pinal adiante, medoñento,
a alma dun feitizo prisioneira.
Fungaban os ramallos un responso,
brilaba a frouma verdecente acesa,
en velorio de honra ó teu relembro.
Ergueitas cara ó ceo as ponlas, era
cada pino un cruceiro,
labra xenial da túa man maiestra,
e aquel forte e lanzal, que tempos idos
escoitou a túa prácida conversa
co sabidor e xurdio,
profundador de voces milagreiras,
inquireu delorido, en desespero:
¿De que morte morreu a nosa prenda?
Atravesoume o peito
un dor punxente e esguío de saieta
e díxenlle a verdade cru, tinguindo
cunha pinga de sangue cada verba:
¡Morreu do mal dos bos e xenerosos!
¡Morreu de amor á Terra!

(Ramón Cabanillas)

Zejel pra Castelao, Revista Galicia  Maio-Xuño 1975

Sí Castelao nos guiara
-fillo do povo que il era-
outro galo nos cantara
no amencer que nos espera.
Nín badúas sabidores
nin raposos mintireiros
nin axentes de terceiros
nin lobos depredadores
nin escondidos treidores
nin doctores tirteafuera
nin zumezugas sin cara
nas nosas ringlas houbera
sí Castelao nos guiara.

Fillo do povo  que íl era
ó povo respondería
i o noso tempo sería
un tempo de primavera,
un tempo de epifanía
no que o povo falaría
coa súa voz limpa e crara.
Si Castelao non morrera
outro galo nos cantara
no amencer que nos espera.

(Celso Emilio Ferreiro)

Para saber máis:

Voz de Castelao falando da súa obra Os vellos non deben de namorarse:

Voz de Otero Pedrayo falando de Castelao:

Neira Vilas fala de Castelao:

Cousas da vida.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies