Centenario do Día da Patria

Mais aínda seguimos aquí
a aturar tempestades de sal,
resistindo a violencia de mans
desas serpes e cans que nos queren calar.

(“Tempestades de sal”, Sés)

Día da Patria 1978

Día da Patria, 1978

O Día Nacional de Galiza coñecido tamén popularmente como Día da Patria Galega, ou simplemente Día da Patria, é a festa oficial do país galego. Neste 2020 estamos de centenario da nosa Festa Maior. Foi o 25 do mes de Santiago de 1920 cando se celebra por vez primeira, por decisión da II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, o DÍA DA PATRIA. A data escollida non era do agrado de todos por coincidir cunha festa relixiosa. Antón Vilar Ponte propoñía celebralo o 17 de decembro, o aniversario da execución na praza da catedral de Mondoñedo do Mariscal Pardo de Cela a cargo das tropas dos Reis Católicos.

Así contaba hai exactamente cen anos A Nosa Terra (25/7/1920) “Pola derradeira asemblea que en Compostela xuntou ós nacionalistas foi acordado facer “Día da Patria” o 25 do mes de Santiago.”

“Pra cantos sinten e teñen idea da “propia estimación”, pra quen o amor de nai e a realidade máis viva e máis sacra ese santo día representará o principio do fin tanto tempo desexado polos verdadeiros galegos. Nel comezará unha nova vida na que a cruzada dos povos traballadores pra conquerir a liberdade de traballar e a soberanía nacional non sexan xa impedidas polas vampiresas oligarquías centralistas…”

(Descargar a portada dese 1920)

Desde as Irmandades da Fala instábase á súa celebración e popularización por todas as Irmandiñas e Irmandiños. Cada ano desde ANT convidaban a xente a pendurar bandeiras nas xanelas e a realizar actos patrióticos que se celebraban nas principais cidades e vilas.

Tamén desde as páxinas d’A Nosa Terra os líderes do galeguismo escribían textos patrióticos para mobilizar o pobo:

Primeiro ser, despois trunfar. Porque aquel que non teña fé absoluta nas virtudes, en potencia, do noso povo, non ten dereito a galvanizalo con promesas electoreiras e transitorias. Nós temos fe no noso povo e moi logo o noso povo terá fe en nós.” (Castelao, ANT, 25 de xullo de 1935)

A Nosa Terra

Portada de ANT, 1935

En 1934, decídese realizar un mitin na véspera do 25 de xullo, Mitin das Arengas, do que só se celebrarían dúas edicións, por mor do golpe de estado. Xuntaba en Compostela aos nacionalistas de toda Galiza e iniciábase coa intervención dos dirixentes do nacionalismo e daba remate cunha manifestación que tiña como final a estatua a Rosalía na Ferradura. Na primeira edición, 1934, dúas mulleres soben á tribuna de oradores: Emilia Docet Ríos e Mercedes de Ocampo.

Durante a ditadura franquista, en Galiza, desaparece calquera celebración, aínda que as sociedades galegas da emigración continúan esta convocatoria. En Galiza, haberá que esperar a 1968 para que se volva celebrar de novo. Serán o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG) os que se manifesten de forma clandestina para conmemorar o Día da Patria que remataban con fortes enfrontamentos coa policía franquista, e coa entrada na democracia seguíronse a prohibir as manifestacións da AN–PG (Asemblea Nacional–Popular Galega) e BN–PG.

Até mediados dos anos oitenta non foi permitida a manifestación do Día da Patria polas rúas de Compostela.

No arquivo histórico do Nacionalismo, da Fundación Terra e Tempo, tedes unha selección de imaxes da celebración do Día da Patria ao longo de varios anos.

Tal como recomendaban as Irmandades da Fala, celebremos este DÍA porque como declaraban os nacionalistas en época de prohibición: NON RENUNCIAMOS Á PATRIA GALEGA.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies