Agosto vai por barrios: a Cidade Vella

Declarada Monumento histórico–artístico, a Cidade Vella da Coruña correspóndese co primitivo asentamento urbano. Fundada arredor de 1208, no seu inicio a cidade estaba formada por un núcleo situado arredor da igrexa de Santa María e a zona do Parrote, coa igrexa de Santiago. Esta foi durante varios séculos a cidade, ata que o crecemento superou o recinto amurallado.

Na actualidade, consérvanse restos das murallas defensivas ao igual ca as portas que abrían a cidade ao mar.

A igrexa de Santiago é o templo principal da Coruña e posiblemente o máis antigo. Comezouse a construír no século XII, durante o reinado de Fernando II. No seu adro reuníase o concello ata o século XV.

A Real Colexiata de Santa María do Campo –de estilo románico– estaba primitivamente fóra dos muros cidade. Construída sobre unha escalinata, ten diante un dos cruceiros máis antigos de Galicia –s. XV–.

Na Cidade Vella están a maior parte dos edificios históricos e as súas rúas conservan aínda o seu antigo trazado. Alí están as casas onde residiron Rosalía de Castro e Manuel Murguía –o número 3 da rúa Príncipe– e Francisca Herrera Garrido –o número 1 da mesma rúa.

No número 11 da rúa Tabernas está a casa de Emilia Pardo Bazán, hoxe museo da escritora e sede da Real Academia Galega.

Na rúa Damas está a casa onde naceu o xeógrafo, naturalista e humanista Xosé Cornide Saavedra. Ao igual ca outras propiedades, o inmoble acabou indebidamente en man dos Franco. Desde hai tempo o pobo da Coruña reivindica e loita para que lle devolvan a súa propiedade.

O barrio da Cidade Vella conta cunha asociación veciñal con sede na Praza de Santo Domingo.

Rúas, prazas e casas da Cidade Vella da Coruña constitúen un conxunto histórico e patrimonial fermoso e valioso.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies