O xadrez é un xogo moi antigo, como pode deducirse da etimoloxía de moitos vocábulos empregados: enroque procede de roque, unha palabra sinónima de torre que xa non se usa; alfil ( procede do árabe, onde ‘al-fil significaba “o elefante“). Tamén as relacións de valor e movemento entre as pezas amosan claramente unha transposición da estrutura medieval feudal: a peza máis importante, a que hai que derrotar é o rei; a raíña ten os movementos máis ilimitados; os cabalos e os “elefantes” eran daquela elementos de ataque e a torre é un trasunto do castelo defensivo; os peóns son a infantaría. A súa importación a Europa veu da man dos árabes antes da expulsión da Península, pero o interesante deste xogo é a capacidade que ten de sublimar toda esta enerxía bélica nun deporte que estimula a intelixencia. Este potencial foi explotado no século XX polos países do Pacto de Varsovia, que o utilizaron intensivamente nos seus sistemas educativos como método tanto de ensino e incentivación como logo para a propaganda política dos éxitos acadados no xadrez. O certo é que os rusos crearon escola, e son ben coñecidos personaxes coma os campións mundiais Garry Kasparov e Anatoli Karpov.