Colmeiro, renovador da pintura galega

No primeiro terzo do século XX prodúcese a renovación da pintura galega da man de Carlos Maside, Laxeiro, Arturo Souto, Luís Seoane, Fernández Mazas e Manuel Colmeiro, entre outros pintores. Son os chamados “Novos” ou “Renovadores”.

A continuación, dedicámoslle unhas breves liñas a Manuel Colmeiro Guimarás de quen o día 7 de agosto cúmprense cento dezasete anos do seu nacemento.

Vida e obra

Manuel Colmeiro

Manuel Colmeiro Guimarás en 1932

Como diciamos, Manuel Colmeiro naceu en Chapa (Silleda) o día 7 de agosto de 1901. En 1910, cando tiña 9 anos, os seus pais emigran a Arxentina. O fillo uniríaselles tres anos despois, en 1913. Alí continúa os seus estudos primarios e a súa dedicación ao debuxo: pinta os seus primeiros bodegóns copiando os alimentos que compra a súa nai. Con dezaseis anos, en 1917, adquire experiencia na Academia de Belas Artes da capital arxentina. Aos 20 anos participa por primeira vez nunha colectiva de arte: era o ano 1921.

En 1926 regresa a Galiza e instálase na aldea de San Fiz de Margaride. Dedícase intensamente á pintura e céntrase no estudo do ambiente campesiño. Comeza as súas viaxes a Madrid, onde pasa moitas horas estudando no Museo do Prado.

En 1928, a Deputación de Pontevedra concédelle unha bolsa que utiliza para ampliar os seus estudos en Barcelona, onde realiza exposicións e establece importantes relacións coa intelectualidade catalá do momento. Ese mesmo ano realiza a primeira exposición nos salóns do xornal Faro de Vigo, en Vigo.

Cadro de ColmeiroEn 1929, casa con Emilia González e reside periodicamente en Margaride e en Vigo. Tamén se despraza con frecuencia a Pontevedra e Compostela, cidades onde participa nas tertulias da época. Colmeiro renova os conceptos da vangarda galega e estuda as iconografías do mundo rural e da antropoloxía galega. Mostra o seu interese pola paisaxe, a temática social, o bodegón, a mitoloxía, as maternidades, a etnografía e a antropoloxía.

Será en 1930 cando se interese pola abstracción, a pintura mural e o simbolismo.

Cando chega a República, en 1931, Manuel Colmeiro relaciónase cos intelectuais e artistas galegos do momento: Maside, Laxeiro, Souto, Fernández Mazas, entre outros. Colmeiro vive con paixón estes momentos galeguistas. Por estes anos expón en Barcelona, Madrid, Lisboa, Lugo, Bilbao, A Coruña, Vigo e Ourense.

Cadro de ColmeiroAos cinco meses do golpe de estado, Colmeiro exíliase na Arxentina. En Bos Aires, relaciónase cos exiliados (Seoane, Dieste, Alberti, entre outros). Ata 1940 a pintura de Colmeiro céntrase no recordo de Galiza e na guerra (maternidades, escenas familiares, interpretacións simbólicas…).

En 1949 trasládase a París, cidade na que viviu ata 1989, ano no que regresou a Galiza. É considerado un dos integrantes da Escola Española de París.

Nos anos 60 chegou o recoñecemento masivo con exposicións individuais en Londres, París e Madrid.

Manuel Colmeiro morría o día 1 de outubro de 1999 en Salvaterra de Miño. Pertencente ao grupo de pintores considerados continuadores do Grupo Nós, destaca polo seu intimismo e o concepto lírico dos ambientes, ademais, como xa dixemos, pola estética vangardista.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies