De Nós a Nós

Hai palabras que conseguen adquirir tanta forza e intensidade que pasan a ser patrimonio de todos, tal é a súa capacidade de expresión colectiva. O pronome tónico Nós é unha delas. O feito de ser primeira persoa do plural e a posibilidade de funcionar como suxeito, préstase para o seu uso colectivo : nós somos…, nós queremos… Un pobo –como o galego– que precisa e quere afirmarse, que desexa acabar coas “vaguidades” das que fala o himno de Pondal, que sente a necesidade de ser suxeito do seu futuro, tiña que ter na voz Nós un dos seus termos predilectos. E, así foi. Deu nome –entre outros posibles elementos– a unha revista, a unha xeración literaria, a un grupo de intelectuais nacionalistas, a unha editorial e a un xornal. A continuación, repasamos brevemente o que significaron e van significar estes distintos NÓS ao longo da historia.

A revista Nós

Impulsada e dirixida por Vicente Risco, o día 30 de outubro de 1920 ve a luz o primeiro número da revista Nós, en Ourense. O responsable artístico da publicación era Castelao. No seu primeiro número dicía:

Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai hoxe Nós.

É a ansia qu’oxe sinte Galizia de vivir de novo, de volver ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra unha xeración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d’integración da Patria galega no seu xa rico polimorfismo.

 Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, institucionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posicións posibles respeito das catro antonimias da mente contemporánea; poden ser hastra clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos.

Revista NósLigada ao pensamento nacionalista, a revista pretendía normalizar o uso da nosa lingua na cultura. Había contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político. Nós pretendía, tamén, modernizar e europeizar a cultura galega –por exemplo, nas súas páxinas Álvaro Cunqueiro fixo a tradución, a primeira nunha lingua do Estado, de fragmentos do Ulises de Joyce–. Ademais dos colaboradores galegos –a maioría dos autores da época–, eran habituais os colaboradores de fóra de Galiza.

Logo dos quince primeiros números publicados en Ourense, a revista pasa a editarse na Coruña e Santiago de Compostela, na sede da Editorial Nós. En xullo de 1936, co golpe de Estado, interrompeuse a publicación da revista Nós, cando ía no número 136/137.

A importancia da revista Nós foi tan grande que o seu nome vale para nomear e singularizar a un grupo de homes –Risco, Otero, Cuevillas, Castelao…– que colaboraron na súa elaboración e levaron a cabo a transformación da cultura galega das primeiras décadas do século XX: a Xeración Nós.

A Xeración Nós

Ao entusiasmo nacionalista xurdido en Galiza a partir das Irmandades da Fala sumáronse varios grupos de intelectuais. Un deles, como xa dixemos, creouse arredor da figura de Vicente Risco. Levou o nome da revista Nós na que colaboraron: Xeración Nós ou Grupo Nós. Risco, Otero, Cuevillas, Castelao e outros moitos intelectuais da época conseguiron consolidar e modernizar a prosa galega nos seus máis variados rexistros (narrativa curta, novela, ensaio, discurso científico…). O porco de pé, Arredor de si, Os dous de sempre, son obras clásicas da nosa literatura que os de Nós aportaron ás nosas letras.

Pero a xente de Nós non só fixo un labor importante con creadores literarios, senón como intelectuais que contribuíron a elaborar a teoría nacionalista. Así, Vicente Risco publicaba en 1920, Teoría do nacionalismo galego:

O nacionalismo quere, por riba de todo, crear en Galicia—ou na térra que sexa—unha vida e mais unha cultura autónomas, un aproveitamento de todal–as forzas de produción material e mental da térra e da raza pr’a creación de valores económecos e culturaes que se podan impor no mundo. O conceuto de nación é un conceuto histórico, o que quer decir, da másima realidade. Unha nacionalidade vive sempre, como realidá espirtual, independentemente do Estado de que forma parte.

En 1944, Castelao pública Sempre en Galiza. O texto está considerado como a obra canónica do nacionalismo galego, a biblia do nacionalismo galego. Castelao non só reflexiona sobre a práctica política da época, senón que fai unha proposta de liñas de acción de goberno:

Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no esprito dos nosos rapaces un complexo de inferioriade, facéndolles creer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Espulsáchedes o galego das eirexeas, facendo que os representantes de Cristo esplicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os Tribunaes de xustiza e chegáchedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque dispois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados.

A Xeración Nós creou literatura, creou ideoloxía nacionalista galega e deu exemplo de compromiso e activismo político.

A Editorial Nós

Páxinas da revista NósEn 1927, Ánxel Casal crea –na Coruña, logo pasaría a Santiago de Compostela– a Editorial Nós. Da súa imprenta saíron A Nosa Terra e a revista Nós. E, non só estas obras senlleiras da nosa cultura, senón moitas outras que fan de Ánxel Casal un auténtico fabricante da cultura e da literatura galega do primeiro terzo do século XX. Algúns dos libros editados pola editorial Nós son:

O Mariscal de Ramón Cabanillas, Vieiros de Carballo Calero, Orballo da media noite de Blanco Torres, Cousas, Os dous de sempre, Cincoenta homes por dez reás e Retrincos de Castelao, Beiramar de Cotarelo Valledor, Mar ao Norde de Cunqueiro, De catro a catro de Manuel Antonio, O porco de pé de Vicente Risco, Arredor de sí de Otero Pedrayo, Terra de Melide do Seminario de Estudos Galegos e moitos outros.

Entre 1927 e 1936, coa axuda dos mellores artistas gráficos de Galiza, Ánxel Casal edita en Nós o 85 por cento da literatura galega de preguerra.

Nós Diario

Nós Serrmos n 0O día 2 de xaneiro de 2020 pasará á historia como unha data sinalada na cultura galega: sae á luz, en papel, de terzas feiras a sábado o único xornal diario escrito en galego na actualidade: Nós Diario. Nun editorial do 3 de maio de 2019 sinala:

Nós Diario diríxese a un público de pensamento aberto, actual e implicado que non ve satisfeitas as súas ideas de avance social na prensa convencional. Procura unha audiencia activa, que non asume o seu status subordinado.

……..…………………………………………………

Cultura, traballo, ecoloxía, feminismos, lingua, historia, diáspora, economía, memoria, dereitos e liberdades civís, mobilidade… son algúns dos fíos que tecerán os textos do diario.

………………………………………………………..

Con acento galego, diario en papel, diario dixital e suplemento contribuirán a crear cidadanía crítica, con capacidade de pensamento e reflexión.

Desde aquí só nos queda desexarlle a esta nova acepción de Nós, en forma de xornal diario, moita sorte na súa andaina. Que deixe na cultura galega unha pegada tan grande como a que deixou a revista, a xeración, e a editorial de igual nome.

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies