…e a semente xermolará: Día da Galiza Mártir

“Non enterran cadáveres: enterran semente”

(Castelao)

 

“da túa palabra, a semente,

xermolará nas conciencias.”

(Florencio Delgado Gurriarán)

A derradeira leición do mestre

Será en 1942 –en Bos Aires– cando a recén constituída Irmandade Galega da capital arxentina, por iniciativa de Castelao, decida que o día 17 de agosto se conmemore o Día da Galiza Mártir. A data escollida coincide co fusilamento de Alexandre Bóveda, en 1936, na Caeira, no concello de Poio (Pontevedra).

Debuxo de CastelaoAínda que habería que esperar ata 1977 para realizar o primeiro acto público en Galiza do Día da Galiza Mártir, o certo é que nesa data homenaxeamos a todas as persoas represaliadas pola barbarie fascista e todas as vítimas da represión franquista, como foi o caso de Alexandre Bóveda.

Alexandre Bóveda

Como tantas veces ocorreu, o labor do exilio converteuse en fundamental para a continuidade da cultura galega. Importante foi tamén o traballo dos exiliados en México. Así o acaba de recoñecer a Real Academia Galega ao dedicar as Letras Galegas de 2022 ao valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Destaca a RAG o activismo cultural do escritor de Córgomo en México: promotor do Padroado da Cultura Galega en México, da revista “Vieiros” ou da audición radiofónica “Hora de Galicia”.

Cancioneiro da loita galega

Amigo de Alexandre Bóveda, Florencio Delgado Gurriarán dedicoulle poemas reivindicativos de homenaxe:

Morte de Alexandre Bóveda

 

Morte fría, morte moura,

trunfo da negrura mesta,

feia morte, irmá do crime,

traidora, entrañas de fera:

¿Teu cortexo de carrascos

tróuxonos a noite preta!

¿Por qué murchaches a fror

da espranza da nosa Terra?

Verdugos, ¿por qué fixestes

cruel seitura de estrelas ?

¿Por qué amatastes a lus

que alumeaba as conciencias?

¡Ouh!, fillos da escuridade,

¿por qué deixastes tolleita

das liberdades a anada,

baril, vizosa promesa

dun ledo porvir de gloria

para a Galiza irredenta?

¿Por qué, de novo, a cinxistes

da escravitú coa cadeia?

Morte fera, morte moura,

trunfo da negrura mesta:

¡teu cortexo de verdugos

 troúxonos a noite preta!

Irmán Alexandre Bóveda,

abrente da nosa Terra:

túa lus danaba as meniñas

dos esbirros da mourenza;

eras o ben, feridor

do mal que debece trebas;

a túa verba apouvigaba

á tiranía noxenta;

espello de claridades

era a túa vida ergueita,

circio mestre de conductas,

escintilo de nobreza.

Fidel amante da Patria

tiñas, decote, pra éla:

nos beizos, fror de sorrisas,

na testa, unha ardente arela,

arela de redimila,

anceio de defendela

e, por eso, te mataron

os que afundila desexan,

cobizan escravizala

e, do seu mal, se gorentan..

Morte fria, morte moura,

trunfo da negrura mesta,

que mergullaches nas sombras

–¡mañán de agosto tristeira!–

a aquel que foi todo ben,

todo barileza egrexia.

Irmán Alexandre Bóveda,

abrente da nosa Terra:

déronche aleivosa morte,

Galiza ficou maltreita,

mais, a lus da túa lembranza,

ten de ser fogueira eterna,

da túa palabra, a semente,

xermolará nas conciencias.

Circio mestre de conductas,

escintilo de nobreza:

o espello de claridades,

que fora a túa vida ergueita,

para os “Bos e Xenerosos”

será, decote, bandeira.

¡Irmán Alexandre Bóveda,

abrente da nosa Terra!

––––––––

Alexandre Bóveda

 

Acesa lus dun malogrado abrente,

circio mestre, de circia mocedade,

siso, pulo, paixón, saber, bondade, corazón xeneroso, limpa mente.

 

Barudo paladín na loita urxente

–viñera o tempo da maturidade–,

man na fouce, segache a nosa herdade,

á chamada dos bardos, obedente.

 

A túa vida foi curta e non puideches cumprir, daqueles, o mandado inteiro, mais, ao dar o teu sangue, ti soupeches,

 

mártir e loitador, trunfar da morte

e conquerir o posto de guieiro

da Galiza inmortal, enfesta e forte.

Celebremos como se merece o Día da Galiza Mártir. Homenaxeemos a todas as vítimas da barbarie fascista. A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda así o fará o luns 16 de agosto.

Que a semente da Galiza Mártir xermole na conciencia do pobo galego.

Monumento a Alexandre Bóveda

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies