Día internacional da muller e a nena na ciencia

“Pierden el tiempo, el dinero y algo más, que siempre constituyó la mejor aureola de las damas, las familias que tienen el mal gusto de dedicar a sus hijas al manejo del bisturí o a los trabajos de laboratorio” (La farmacia moderna, publicación da Real Academia Nacional de Farmacia, 1897).

O 11 de febreiro é o Día internacional da muller e a nena na ciencia, unha iniciativa da Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de promover a participación equitativa e plena de mulleres e nenas na ciencia. Desde a AC Alexandre Bóveda queremos contribuír ao espallamento desta efeméride, mais tamén para dar visibilidade ao traballo realizado por científicas galegas fixemos unha moi breve escolla de media ducia de mulleres que co seu traballo lograron avances importantes no mundo científico e/ou nos dereitos das mulleres.

Ao longo da historia foron moitos os atrancos aos que tiveron que enfrontarse as mulleres galegas para acceder á formación superior. Aínda na primeira década do século XX as leis limitaban o acceso das mulleres ao ensino, á actividade profesional e, nomeadamente, á ciencia, esixíndolle a obriga de obter un permiso especial para acceder ao ensino superior. Será unha Real Orde do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes do 8 de marzo de 1910 a que elimina esa obriga.

Mais iso é historia. É pasado?

Credes que a proporción de catedráticas e titulares na universidade pública española é igual á dos homes? É, cando menos, igual nalgunha disciplina?

E no persoal investigador do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) existe paridade? Aquí podes ver o chamado “gráfico de tesoira”, onde a proporción de mulleres diminúe ao subir na escala profesional.

Persoal investigador do CSIC

A catro destas mulleres de ciencia, ás que hoxe nos imos referir, dedicámoslle un mes no noso calendario de 2018. O mes de marzo a Ángela Ruiz Robles; maio a Ángeles Alvariño; xullo a Manuela Antonia Barreiro Pico e agosto a Antonia Ferrín Moreiras.

Ángela Ruíz Robles, mestra e inventora, precursora do libro electrónico.

Ángela Ruíz RoblesSegundo contaba a propia Ángela, comezou o seu labor como inventora en 1916. Logo do triunfo do fascismo, en 1936, abríuselle un expediente na Comisión Depuradora del Magisterio, que rematou sen sanción.

Muller dunha mente privilexiada e cunha profunda vocación pedagóxica buscaba facer o ensino máis atractivo e máis “lixeiro” e para iso pensou un aparello onde o seu alumnado tivese nun único libro todas as materias. Nace así a Enciclopedia, que recibiu numerosos premios e distincións pero non chegou a ver a luz de forma comercial.

Cos seus inventos obtivo abondosos recoñecementos e premios en diversos certames celebrados por todo o mundo. Desde 1959 foi delegada da Agrupación Sindical de Inventores Españois (ASIE) en Galicia e, desde 1973, xefa provincial da Federación Politécnica Científica da Inventiva Internacional. En outubro de 2011 a Universidade de Granada (Facultade de Informática) fíxolle unha homenaxe como precursora do e-book.

Dende o ano 2013 un dos premios nacionais de informática concedidos pola Sociedad Científica Informática de España (SCIE) leva o seu nome.

Para saber máis:
Ángela Ruíz Robles. Mestra exemplar, escritora e inventora no eido da didáctica. Álbum de mulleres. Consello da Cultura Galega.

Con Ciencia – Ángela Ruíz Robles, la enciclopedia mecánica. RTVE.

Ángeles Alvariño, precursora na investigación oceanográfica mundial.

Ängeles AlvariñoEsta oceanógrafa galega formada na Universidade de Santiago de Compostela e máis en Madrid foi a primeira muller en actuar como científica nun barco de investigación británico.

Comezou a súa carreira investigadora en Vigo, no Instituto Español de Oceanografía, especializándose en zooplancto. En 1953 recibe unha bolsa do British Council para realizar investigacións sobre zooplancto no Laboratorio de Plymouth, Inglaterra. Participou en varias expedicións e cruceiros científicos no Atlántico e Pacífico, a bordo de buques oceanográficos de Inglaterra, Estados Unidos, España e México.

No 1956, grazas a unha subvención da Comisión Fulbrigth para realizar investigacións, comeza a investigar no Instituto Oceanográfico Woods Hole en Massachusetts e logo no Instituto Scripps de Oceanografía de California e no Servizo Nacional de Pesca Marítima dos EEUU.

Ángeles Alvariño descubriu 22 novas especies de organismos mariños.

Para saber máis:

Vídeo sobre a súa vida

Manuela Antonia Barreiro Pico, a primeira farmacéutica galega.

Manuela Barreiro PicoAntonia Barreiro é das primeiras galegas en conseguir o título de Bacharelato. Será a primeira universitaria da Universidade de Compostela. No curso 1896 ten que solicitarlle permiso ao Ministro de Instrución Pública para facer os estudos universitarios e poderse matricular na universidade, xa que, para as mulleres, non era posible facelo por ensino oficial até 1910. Estuda Farmacia na Facultade de Farmacia de Compostela e será a primeira licenciada da Universidade de Santiago (1900). Xa co título debe, outra vez, solicitar permiso neste caso para exercer a súa profesión e onde indica “que pretende hallar ocupación útil para sí y para la sociedad”. Conseguiu así que lle fora concedida “la autorización para ejercer la profesión de farmacéutico” converténdose así na primeira farmacéutica galega.

Para saber máis:

Manuela Antonia Barreiro Pico. Mujeres con ciencia.

Antonia Ferrín Moreiras, matemática e astrónoma galega.

Antonia FerrínLogo de licenciarse na universidade compostelá comezou a traballar, en 1934, na propia universidade como profesora axudante de Física e Matemáticas. Co golpe militar fascista foi sancionada e apartada da docencia; en 1940 revisouse o seu proceso e puido reincorporarse á docencia universitaria. Neses anos coñeceu a Ramón María Aller e interesouse pola astronomía. Traballou con el no Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago e publicou os seus traballos en distintas revistas de astronomía. En 1957 converteuse na primeira muller profesora da Facultade de Matemáticas en Santiago onde impartiu clases durante seis anos. Na década dos 60 remata a súa tese sobre observación astronómica, titulada Observacións de pasos por dúas verticais e dirixida por Aller, que presentou na Complutense, e que é a primeira tese sobre matemáticas escrita por unha persoa galega.

A súa principal contribución á astronomía consiste en traballos sobre ocultacións estelares, medidas de estrelas duplas e determinación de pasos por dúas verticais.

Para saber máis:

Antonia Ferrín Moreiras, a primeira astrónoma galega. GCiencia, o portal da ciencia galega.

Celia Brañas, unha pioneira na incorporación da muller á ciencia.

Celia BrañasEn 1908 iniciou o seu labor docente na Escola Normal coruñesa como profesora auxiliar; no curso 1909-10 foi profesora de Ciencias Físicas e Naturais, Agricultura e Matemáticas; en 1911 aprobou a oposición de profesora numeraria de Ciencias e encargouse da docencia de Física, Química e Historia Natural.

Celia Brañas desenvolveu un notable labor de divulgación. Xa no ano 1909 amosouse partidaria de que nas escolas de Maxisterio se impartiran cursos de cultura xeral para mulleres. En 1919 organizase na Coruña o I Congreso de Estudios Gallegos onde Celia Brañas actuou como poñente e falou sobre a “importancia que para la región gallega tendría la creación de una estación de biología marina en La Coruña. Medios prácticos para establecerla”. Comezaba así a loita para que Galiza puidera contar cun centro de bioloxía mariña.

Para saber máis:

Celia Brañas. Unha pioneira na incorporación da muller á cultura científica. Álbum da Ciencia. Consello da Cultura Galega.

María Wonenburger, prestixiosa matemática.

María Wonenburger

María Wonenburger desenvolveu a súa investigación na rama da álxebra e, en particular, na teoría de grupos e das álxebras de Clifford.

Realiza os seus estudos na universidade de Santiago de Compostela e en Madrid. No 1953 obtivo unha bolsa Fulbright e converteuse así na primeira española en obter unha destas bolsas para realizar estudos de doutoramento en Matemáticas nos EE.UU.

Foi profesora na Universidade de Toronto, onde dirixiu a súa primeira tese de doutoramento, a de Robert Moody, hoxe prestixioso alxebrista e logo traballou na Indiana University (Bloomington).

Os seus traballos foron publicados en revistas con gran impacto internacional, dirixiu oito teses de doutoramento, entre elas o traballo que daría orixe á teoría de Kac-Moody con aplicacións en Matemáticas, Física e Informática. Polo alto nivel e a repercusión científica dos seus traballos, é considerada unha figura excepcional das Matemáticas.

Para saber máis:

María Josefa Wonenburger Planells. Matemática que creou unha escola internacional de Álxebra. Álbum da Ciencia. Consello da Cultura Galega.

Máis Recursos:

Unha charla en vídeo sobre ás mulleres e os premios Nobel: Beatriz Sevilla: Colega, ¿dónde está mi Nobel?

Situación actual da muller na ciencia.

Informe mujeres investigadoras CSIC 2017.

Leave a Reply

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies