Elas contan

Mulleres de palabraEsta é unha colección contra a desmemoria, MULLER(ES) DE PALABRA, para coñecer e (RE)coñecer o traballo, o compromiso, o pensamento de mulleres galegas que puideron brillar con luz propia e deixar tras de si un luminoso ronsel, mais que o momento que lles tocou vivir opacou a súa figura e o seu traballo. En agosto do ano pasado comezamos esta colección co claro obxectivo de axudar a rescatar do esquecemento a mulleres de pensamento e de acción, mulleres singulares que traballaron polo progreso, pola igualdade, pola mellora de Galiza e de cada unha das galegas e galegos. Mulleres que sufriron sobor de todo o esquecemento, a represión máis dura e quixemos para comezar esta colección facelo con media ducia de mulleres comprometidas coa educación, co saber e co progreso.

En Galiza, as Irmandades da Fala desde o inicio foron conscientes da necesidade dun ensino galego que bebera da nosa lingua, da nosa cultura, da nosa maneira particular de ver o mundo e por iso crearon as Escolas de Ensiño Galego xa en 1923, da man de Ánxel Casal e María Miramontes.“Non lle abonda a Galicia que os seus fillos saiban ler e escribir. Galicia precisa que os seus fillos lean e escriban na súa Fala para que a sintan; que estuden na súa Xeografía para que a coñezan, e coñecéndoa a queiran; que lles digan das glorias dos seus homes para honralos; que beban nas fontes da súa Tradición, da súa Cultura e da súa Arte para que as continúen sen influenzas alleas e que saiban pola súa Historia dos aldraxes e das persecucións de que foi vítima”.

E logo, uns anos despois, tamén a educación constituíu un dos grandes compromisos sociais da Segunda República Española, mais logo chegou o terror e bota ao traste con esas aspiracións dun ensino democrático para nenas e nenos. A represión foi especialmente dura coas mestras. Represariadas non só por ser socialistas, galeguistas, republicanas… senón, fundamentalmente, por representar un modelo de muller libre contrario ao ideal de muller que buscaba impoñer o franquismo.

María Miramontes na entrega do Estatuto de Autonomía

María Miramontes, única muller da comisión designada para entregar o Estatuto nas Cortes Republicanas

E nós cremos que as historias que hai detrás non poden quedar no esquecemento, o pasado reclama xustiza e cómpre desvelalo. A Coruña, berce das Irmandades da Fala, a cidade de Amparo López Jean, de María Miramontes, de Mercedes Romero Abella, de Elvira Bao, de Concepción González Mosquera, de María Barbeito, de Nieves Fariza Alonso,… de mestras que acreditaban en que o saber nos facía libres, que sabían que ensino era a mellor ferramenta para a transformación social, que fixeron un traballo espléndido en lugares diferentes, con responsabilidades distintas… mais que logo o fascismo truncou para sempre.

Cóntao moi ben Maruxa Mallo en La Vanguardia en agosto de 1938: “Al mismo tiempo que cuelgan a Cristo en las paredes de las escuelas, aparecen por los montes, las carreteras y las playas, los cadáveres de los maestros.”

Mercedes Romero

Mercedes Romero co seu alumnado

Nunha estrada na Castellana apareceu o cadáver da mestra de Monelos, Mercedes Romero Abella. Tiña 29 anos, nai de dous fillos pequenos e foi violada e torturada. Cortáronlle os peitos, antes de ser asasinada. En Riazor apareceu tamén o cadáver doutra mestra tamén socialista, Concepción González Mosquera… Outras non foron asasinadas mais as súas vidas e o progreso que elas representaban foi tronzado. Levounos tanto tempo ir coñecendo a verdade…mais aos poucos fomos sabendo…

Elvira Bao, mestra no hospital de Oza e activa militante do galeguismo foi Secretaria da Xunta Directiva nas Irmandades da Fala da Coruña e colaborou no seu Cadro de Declamación. Membro da Agrupación Republicana Femenina da Coruña desde a súa constitución en 1933, foi presidenta da primeira Xunta Directiva, editora xunto co seu home Bernardino Varela do que moi probablemente sexa o primeiro libro para crianzas, aquel Contos pra nenos, de 1921, con ilustración de Álvaro Cebreiro. Como consecuencia do seu activismo político, despois do golpe de estado do 36, é detida e pasa uns meses no cárcere. Foi separada definitivamente do ensino público. Pasou anos recluída na casa sen saír polo medo e o terror que o franquismo impuxo.

Amparo López Jean, mestra, foi secretaria e presidenta da Agrupación Republicana Feminina e membro do Partido Galeguista (foi a primeira muller que se afilia ao Partido Galeguista na Coruña). Formou parte da executiva coruñesa do Partido Galeguista en calidade de vogal. Despois do golpe de estado vive en Barcelona e alí vai desenvolver unha importante actividade política no Partido Galeguista como membro do seu comité executivo e secretaria xeral do Grupo Feminino Galeguista. Morre no exilio en Francia en 1942.

Nieves Fariza Alonso, esta mestra despois do golpe de estado será depurada, desterrada en Burgos e finalmente encarcerada en Ourense. Conseguira logo volver ao ensino e a través do seu traballo, a súa coherencia ideolóxica e o seu talante progresista, realizou nos durísimos anos da posguerra un traballo encomiable. Traballando de mestra negouse a impartir clases de relixión, destacou na defensa dos traballadores do ferrocarril e as súas familias. Estivo no cárcere mais non deixou de loitar na procura de melloras laborais para os traballadores.

María Barbeito, mestra, pedagoga, socióloga, educadora, escritora e tradutora, introdutora en Galiza e en España de métodos pedagóxicos avanzados e cunha especial preocupación polos temas relativos á muller. Dá conferencias e publica textos sobre o tema, entre os que cómpre destacar La Mujer, antes, ahora y después, unha conferencia pronunciada na Agrupación Republicana Femenina da Coruña. Acusada de ser de ideas políticas de avanzado esquerdismo republicano, a Comisión Depuradora do Maxisterio resolveu en novembro de 1937 a súa separación definitiva do servizo e de todos os seus cargos.

Comezamos esta colección que titulamos MULLER(ES) DE PALABRA cunha muller que non foi mestra, foi costureira… mais non se pode falar de escolas e de ensino sen falar de María Miramontes. Un texto de Encarna Otero, unha das persoas que máis sabe de María.

Fullscreen Mode

 

E o número 2 da colección está dedicado a Mercedes Romero Abella, cun texto de Rosalía Regueiro.

Fullscreen Mode

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies