Escolma de textos de Lois Peña Novo

Candidatura nacionalista de Lois Peña NovoNo mes de xullo de 1920 Lois Peña Novo tomou posesión da súa acta como concelleiro do Concello da Coruña, e con el chegaba por primeira vez o galego a un Salón de Plenos. No seu cargo fixo que a bandeira galega ondeara no Concello e con el comezou a lingua galega o seu proceso da normalización na vida administrativa. Foi un dos máis activos redactores do Programa das Irmandades da Fala aprobado na Asemblea Nacionalista de Lugo. Membro da comisión redactora do Proxecto de Estatuto de Autonomía e poñente na presentación e defensa dese Proxecto Estatutario, en xuño de 1936 participa activamente na campaña a prol do Estatuto. Lois Peña Novo escribiu centos de artigos en El Pueblo Gallego, Galicia, A Nosa Terra, Acción Coruñesa ou Nós. 

Unha das maiores causas do atraso da España consiste en ter invertida a visión da realidade. Uns pobos miran case sempre pro porvir e progresan: outros miran principalmente para o pasado e paralízanse. España sempre mira para atrás; é o país dos precedentes; as cousas na España son boas ou malas segundo o arraigo que tiveran no pasado; fai días púidose violar a Constitución no Parlamento, porque no século pasado tamén se violara;  había precedente de violación e por iso púidose repetir. E así en todas as cousas.

Por iso cando se fala da unidade da patria, moitas xentes non miran o problema polas vantaxes ou calamidades que poida traer, senón porque é un desacato á nosa Historia; por iso o seu razoamento é sempre este: «¡Que horrendo crime desfacer unha unidade que levou oito séculos de traballo!».

Mais un senso moderno fainos pensar serenamente as cousas e debemos ollar varilmente todo os problemas. […]

Non debemos preguntar, ¿canto tempo levou facer a unidade da Patria? senón que temos que preguntar: «Que vantaxes conquerimos coa unidade da Patria os galegos? e Que vantaxes teríamos conquerido se Galicia non houbera entrado na unidade feita polos Reis Católicos? Cicais entón con Portugal puidera haber sido a Gran Potencia atlántica, mais forte que Inglaterra.

(A Nosa Terra, 25-7-1919)

…………..

Por iso Galiza, se quer ter cabida no concerto dos pobos civilizados, ten que aportar á cultura universal o seu esforzo por medio dunha cultura nosa. Por medio dunha cultura propia, porque nada vale que teñamos en Galiza homes cultos se non temos unha cultura galega.  […]

Por iso Galiza se non creara unha cultura propia cultivando os seus valores, a nosa existencia, como pobo, significaría un atraso na civilización da humanidade. Como di un autor “a cultura é capacitar a un pobo para que sexa intelectualmente aquilo  que xa é por natureza”  Por iso os pobos que non saben arrincar da propia alma unha cultura propia, teñen que desaparecer como elementos civilizadores e como entidades históricas para se converter en colonias espirituais doutros pobos que souberon crear a súa cultura, porque a grandeza da Historia consiste en definitiva que a vida da Humanidade non se produce con Nacións de vida patolóxica, se non a pesar desas Nacións enfermas ou desconcertadas. Por iso as nacionalidades sen cultura propia sempre serán absorbidas polas Nacionalidades máis cultas.

 (Nós 31-1-1921)

…………..

O centralismo será sempre xermolo fatal do absolutismo, porque a centralización de funcións provoca a centralización de poderes. Por iso o nacionalismo na España será sempre unha arela de liberdade contra un estado de tiranía.

O amor á Patria é o amor á terra; a Patria é a terra primeiramente, e despois todo o que hai sobre da terra; non podemos maxinarnos unha Patria marítima. Por iso o berro galego de ¡Terra a Nosa! é a mais fonda expresión de patriotismo, superior a cantas se teñan feito en todas as linguas do mundo.

[…]

O nacionalismo é unha afirmación: a afirmación da existencia propia; é unha creación: a creación do pensamento propio; é unha acción: a acción complementaria do pensamento; é pois sempre un amor, expansivo e creador como todos os amores. Por iso o nacionalismo sempre é un apostolado fecundo e nunca un sectarismo intransixente.

Cando berro Viva Galiza Libre non fago máis que reclamar para a miña Terra vida e liberdade; e ao reclamar para a miña terra estes dereitos, veño a recoñecer tamén os mesmos dereitos para todas as demais terras, é pois, un berro de amor, un berro de irmandade. E emporiso hai moitos que non toleran ese berro, queredes mellor mostra de que eses son os nosos verdadeiros tiranos? E emporiso hai moitos que nese berro ven un ataque a España: pois si a España non pode convivir coa nosa liberdade queredes mellor mostra de que nós dentro do Estado español teremos que ser sempre escravos? E agora eu pregúntovos galegos: ¿Será posible que aínda sigades tendo alma de escravos? Algúns téñenme dito: eu son federal, pero non son nacionalista. Agora ben, a cantos pensen así, eu prégolles que mediten un pouco estes sinxelos pensamentos.

A idea da federación supón a libre determinación dos pobos que queiran federarse para entrar nela; este é un axioma que ninguén pode negar. Esta libre determinación supón a facultade de se determinar; esta facultade supón unha soberanía propia e unha conciencia propia; ¿e isto que é senón unha nación? Logo a idea federativa supón denantes a idea nacional; a federación ten que ser posterior ao trunfo do nacionalismo. (Lois Peña Novo, A Nosa Terra 15/4/1922)

…………..

Eu quero que Galiza entre no concerto dos pobos civilizados; quero que fale a súa lingua, que desenrole a súa cultura, que aporte o seu esforzo á civilización da Humanidade; mais atópase escravizada por un Estado político que lle impón unha lingua, un dereito e unha cultura alleas, que lle afoga as súas fontes de riqueza; por iso os galegos debémonos organizar en cruzada miazosa e forte para o acabamento dese Estado. […]

A disparidade fundamental entre o criterio de Risco e mailo meu está en que para el o nacionalismo non é máis que un problema de cultura; e para min, sendo un problema de cultura é denantes de todo un problema de liberdade. Risco fai as seguintes afirmacións “ As nosas reivindicacións non atentan en nada á soberanía do Estado español” Pois fronte a esta convivencia que Risco admite, eu proclamo a máis absoluta incompatibilidade do Estado español co ideal nacionalista. Por iso Risco non lle outorga ningunha importancia á actuación política. Eu de min sei dicir que hasta de agora non sentín a necesidade de contar as pedras que compoñen o arco da Igrexa onde me bautizaron, mais teño sentido moitas veces con anguria fonda todas as traxedias da nosa cidadanía irredenta.

Si o non tomara por descortesía faríalle as seguintes preguntas: Ti, que es profesor, podes falar galego na cátedra? No teu ensino non estás agrilloado por un sistema oficial que tés que respectar? Ti podes facer valer diante os xuíces o Dereito que vive no pobo galego fronte do dereito escrito nos Códigos españoles?

(“A Nosa Terra”, 1-12-1922)

…………..

Un xornal de Madrid, o «ABC», dende fai pouco iniciou unha campaña a morte contra das arelas nacionalistas que xermolan en toda a periferia da península. Sempre ese xornal se distinguiu como o mais aceso defensor do imperialismo castelán; mais nunca coma agora fixera do seu antinacionalismo bandeira de loita.

Moitos nacionalistas, sobor todo os catalás, contra os que fai especialmente a campaña, non lle outorgan importancia, fundados en que se trata dunha opinión isolada, sen resonancias na conciencia dos pobos españoles. Eu son de opinión contraria; quero supoñer honradamente que o «ABC» representa a opinión de Castela; temos que supoñelo mentres en Castela non se erga unha voz —e polo de agora non se ergueu— contraria a do «ABC». Castela, pois, por medio do «ABC» di que non tolera la cooficialidade das Linguas ibéricas; e non a tolera, non por secundarios motivos literarios ou mercantís, senón porque afirma que sen unidade de lingua non pode existir unidade de patria, e argumenta co exemplo de Francia que impón á forza a súa lingua na Alsacia e na Lorena, e copia as protestas dos xornais valós contra da instauración do flamenco na Universidade de Gante, no senso de que esa medida é un crime contra a unidade da Patria e da cultura.

Isto quer dicir que Castela recoñece que onde hai unha lingua hai unha patria é hai una cultura, que onde hai diversidade de linguas ten que haber varias patrias e varias culturas. Con isto Castela recoñece que a España non é unha sola patria; que na España hai tantas patrias e tantas culturas como linguas vivas. E ao querer matar estas linguas quérese dicir que Castela pretende matar a patria galega, a patria catalá, todas as patrias que non sexan a mesma Castela, e pretende matar a nosa cultura e todos os valores espirituais que se derivan da cultura e que son a razón de existencia dos pobos, para erguer sobor do noso camposanto a lingua e a cultura castelás.

(A Nosa Terra”, 15-1-1923)

Leave a Reply

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies