#Estrelarosalía

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
(Curros Enríquez)

Rosalía de Castro nova (Cardarelly)A Unión Astronómica Internacional, para celebrar o seu centenario, foi fundada hai un século, está organizando para este ano unha campaña que denomina NameExoWorlds (Nomea Exomundos) no que lle pide aos estados que dean nome a unha estrela.

No caso do Estado Español sería poñerlle nome a estrela coñecida como HD 149143 (forma parte das estrelas compiladas a principios del s. XX pola astrónoma Annie Jump Cannon). É unha anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario.

A Asociación Astronómica Ío propuxo nesta campaña o nome de Rosalía de Castro para a estrela HD 149143, e o de Río Sar para o seu exoplaneta.

Agora chega o momento de votar. Podemos facelo até o martes 12 de novembro a través da propia páxina de votación.

A obra de Rosalía ten numerosas referencias aos astros. Apuntamos a continuación unha breve escolma que realizamos para esta ocasión.

Colleum’ a noite,
Noite brillante,
C’ un-ha luniña
Feita de xaspes,
E fun con ela
Camiño adiante;
C’ as estreliñas
Para guiarme,
Qu’ aquel camiño
Solo elas saben.

(Poema 6 de Cantares gallegos)

Cada estrela, o seu diamante;
Cada nube, branca pruma,
Trist’ á lua marcha diante.

     Diante marcha crarexando
Veigas, prados, montes, rios,
Dond’ ó dia vay faltando.

     Falt’ ó dia, e noit’ escura
Vaixa, vaixa, pouc’ á pouco,
Por montañas de verdura.

     De verdur’ e de follaxe,
Salpicada de fontiñas
Vaixo á sombra do ramaxe.

     Do ramaxe donde cantan
Paxariños piadores,
Que c’ á aurora se levantan.

     Que c’ á noite s’ adormecen
Para que canten os grilos
Que c’ as sombras aparecen.

(Poema 9 de Cantares gallegos)

As estrelas van fuxindo
A espesa niebra enrarece,
O arboriño que frorece
Por antr’ ela vay sahindo.
O craro sol vay subindo
Por riba do firmamento,
Limpo, gárrulo, e contento.

 (Poema 16 de Cantares gallegos)

 Que triste! que hora tan triste!
Aquela en qu’ ó sol s’ esconde,
En qu’ as extrelliñas pálidas
Timidamente relosen.
Aló as montañas confusas
D’ espesas niebras se croben
Y á casa branca en qu’ el vive
En sombra espesa s’ envolve
En vano miro e mais miro,
Qu’ os velos da negra noite
Entr’ ela y os meus olliños
Traidoramente se poñen.

 (Poema 25 de Cantares gallegos)

TI ONTE MAÑAN EU

Cain tan baio, tan baixo,
Qu’a luz onda min non vay;
Perdin de vista as estrelas
E vivo n’a escuridá.

Mais, agarda… ¡o que te riches
Insensibre ô meu afan!
Inda estou vivo… inda podo
Subir para me vingar.

Tirá pedras ô caido,
Tiraille anque sea un cento;
Tirá… que cando cayades
Han-vos de facé-l-o mesmo.

(Follas novas)

—Premita Dios que te vexas
Cal as cóbregas arrastro,
Qu’a yaugua que á beber vayas
Che se volva xaramagos.
Que pidas e non atopes
Pousada, acougo, n’amparo,
E qu’inda morto de fame,
Quedes ô pé d’un valado.
   —Praguea boca, praguea
Mentras qu’eu me vou marchando,
Pragas de malas mulleres,
Nunca lle cân os soldados.

(Follas novas)

¿Porqué, en fin, Dios meu
A un tempo me faltan
A terra y o ceu?

¡Ou ti! roxa estrela
Que din que comigo
Naciche, poideras

Por sempre apagarte,
a que non pudeche
Por sempre alumarme…!

(Follas novas)

NIN AS ESCURAS!…

 —Tod’está negro, as sombras envolven á vereda,
E nin o ceu ten ollos, nin o pinar ten lengua.

¡Vamos! D’o que hay oculto,¿quen midéu as fonduras?
¡Alma n’habrá que sepa!… ¡ven!… á noit’está escura.

—¿Escura?… mais relumbra non sei que luz traidora…
—É un-ha estrela que brila, n’as auguas bulidoras.

—¿E non oyes que rune algo ond’aquel herbal?
—É o vento que anda tolo, corrend’antr’á folla.

—Escoita, sinto pasos, e asoma seica un bulto…
—¡S’é un vivo, matarémolo! non fala s’é difunto.

—Mais aqui ond’este cómaro, hay un-ha cova fonda,
Ven, e santos ou deños, que nos atopen óra.

(Follas novas)

 —Para a vida, para a morte,
E para sempre en jamás,
Pedint’a Dios é Dios, dóuteme
Por toda unha eternidá.
   Para a vida, para á morte,
E para sempre en jamás,
Quero ser vosa, e que séxades
O meu Señor natural.
   —Mais a que así querer sabe
Non debe ter pai n’irman,
Nin home, s’è qu’è casada,
Nin fillos, s’acaso è nay.
   —Espanta o qu’estás decindo…
Mais eu sinto qu’è verdà;
Lévame, señor, qu’irey
Ônde me queiras levar…
   —Pois vente…¿Qu’importa o mundo
Á quen ten a eternidá?
untos hemos de’vivir,
untos nos han d’enterrar…
E os nosos corpos aquí,
E as nosas almas alà,
Quer Dios qu’en union eterna
Estén pra sempre jamás…

                    —

   Cal ô paxaro a serpente,
Cal â pomba o gavilan,
Arrincouna d’o seu niño
E a nunca a él volverá.

(Follas novas)

¿QUÉ TEN?

 Sempre un ¡ay! prañideiro, un-ha duda,
Un deseyo, un-ha angustia, un delor…
É un-has veces á estrela que brila,
E outras tantas un rayo d’o sol;
É que as follas d’os arbores caen,
É que abrochan n’os campos as frols,
Y é o vento que zoa,
Y é o frio, é a calor…
E n’é o vento, n’é sol, nin é o frio,
Non é… qu’é tan só
A alma enferma, poeta e sensibre
Que todo á lastima,
Que todo lle doy.

(Follas novas)

Mentras tanto o sol d’a tarde
Tras d’os pinares se deita
Y aluma con tristes rayos
As sombrisas arboredas.
D’os Anxos o val hermoso,
Sabán de verdor ostenta
Alá n’o fondo tranquilo
Que soaves brisas ourean.
Aquí fonte, alí regato,
A yaugua brila antr’as herbas,
Color d’ouro, qu’o postreiro
Rayo de sol fire n’elas.
Quieta, docisima calma
Arriba y en baixo reina,
A noite ven silensiosa,
Maina, pero sin estrelas.
Nin siquera un-ha relumbra
N’o firmamento, qu’espesa
Brétema tamen se corre
Po-las llanuras etereas.
Comenza a orballar, escuro
Tod’ arrededor, apenas
S’acerta, o que ô mais conoça,
Con camiño nin carreira.

(Follas novas)

Cain, cain ferida
E casi-que sin vida,
E inda enriba de min, feras volveno
C’o seu mortal veneno
Un-ha y outra sarpente maldecida

(Follas novas)

Pantalla completa

One Response

  1. Mª Luisa Sánchez Barral 30 Outubro, 2019 Responder

Deixa un comentario

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies