O xoves 10 de marzo ás 19.30 h, Suso Seixo ofreceranos unha palestra sobre o 10 de marzo de 1972. 50 anos despois.
Neste ano 2022 cúmprense 50 anos dun dos sucesos máis traumáticos da historia do movemento obreiro galego, como foi o metrallamento, por parte da policía franquista, dunha manifestación de traballadores da empresa BAZÁN (hoxe Navantia) en Ferrol, o 10 de marzo de 1972, que se saldou coa morte de dous traballadores, Amador Rei e Daniel Niebla, e con preto de trinta traballadores feridos de bala.
Estamos diante dun acto de brutal represión, un dos moitos que sufriu o movemento obreiro durante a ditadura franquista, que exemplifica o carácter sanguinario, antiobreiro, inhumano e de desprezo que o devandito réxime político e os seus máximos dirixentes sentían polas clases traballadoras e o trato que daban a todas aquelas persoas que tiñan a valentía de enfrontárense, en defensa da súa dignidade e os seus dereitos fundamentais, a este réxime ditatorial.
O ano 72 foi determinante no nacemento do sindicalismo nacionalista. Estamos diante duns sucesos que convulsionaron a sociedade galega, e de forma especial ao movemento obreiro, o cal propiciou o clima necesario para que a decisión política que tiña adoptado a Unión do Pobo Galego, de promover a autoorganización do noso pobo a todos os niveis, se empezase a facer efectiva na clase traballadora galega. Partindo de cadros provenientes de Galiza Socialista, de Organización Obreira e da propia UPG, no 1973 constitúese a Fronte Obreira deste partido, que promove a creación de xermolos sindicais en diferentes comarcas de Galiza, fundamentalmente nas cidades por ser onde había maior concentración obreira, referenciados a nivel propagandístico na edición de boletíns como Adiante en Vigo, Ferramenta en Ferrol, Galego en Compostela, Obradoiro en Ourense, Xerme na Coruña.
Suso Seixo foi secretario xeral da CIG desde o ano 2001 ao 2017. Na actualidade, é o presidente da Fundación Moncho Reboiras para o estudo e divulgación da realidade social e sindical na Galiza.