26

Abr

173 aniversario Mártires de Carral

12.00 h

 

Mártires por unha Galiza liberada - Censurado

A Xunta Electoral Provincial denega a Vía Galega a celebración do acto programado en conmemoración da Revolución Galega de 1846 e dos Mártires de Carral

Vía GalegaCompostela, 22 de abril de 2019.- A Plataforma Vía Galega, que integra a máis 50 entidades sociais e culturais, vén de recibir a comunicación da Xunta Electoral Provincial denegando a celebración do acto programado, para o próximo día 27 de abril, co que se pretendía dar a coñecer e conmemorar os feitos da Revolución Galega de 1846 e en lembranza dos Mártires de Carral. A Xunta Electoral Provincial alega como motivo para non autorizar este acto, o tratarse de xornada de reflexión e ”ante el riesgo de que en el curso de la manifestación se produzcan actos de campaña electoral que puedan incidir en el ejercicio del derecho de voto”. O acto estaba previsto para o vindeiro sábado onde, nunha carpa instalada no campo da feira do concello de Carral, se ía representar a peza teatral “Abril de Lume e Ferro”, escrita por Manuel María, seguido dunha intervención alusiva ao tema por parte dun portavoz de Vía Galega, pechándose posteriormente o acto cunha ofrenda floral, diante do monumento que lembra aos mártires.

Deste xeito, ante este recorte de liberdades para dar a coñecer un feito tan relevante na historia de Galiza, Vía Galega opta por mudar o formato do acto e a data, limitándose a realizar unha ofrenda floral, o venres 26 de abril, ás 12:00 horas, ao pé do Monumento aos Mártires da Liberdade, en Carral.

Vía Galega pretendía, con este acto, dar a coñecer á sociedade galega os acontecementos de 1846, nos que unha sublevación popular e militar deu lugar á Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza, fronte á política centralista española e reaccionaria capitaneada polo xeneral Narváez. Durante un mes, aquel ‘movemento insurrecto’, como foi cualificado na prensa da época, protagonizou, en clave nacional galega e progresista, combates contra as tropas enviadas polo Goberno español absolutista.

Eses feitos quedaron gravados na memoria colectiva e foron xermolo do galeguismo do Rexurdimento e do nacionalismo das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. En maio de 1904 ergueuse, a iniciativa da Liga Galega da Coruña, o monumento aos Mártires da Liberdade que está en Carral.

Vía Galega quere denunciar publicamente a prohibición destes actos, por parte da Xunta Electoral Provincial, por coartar o noso dereito de liberdade de expresión, alegando motivos electorais, cando somos unha iniciativa cívica, plural, apartidaria, que non participamos na campaña electoral nin fixemos pronunciamento público ningún alusivo ao tema ou as forzas políticas que participan na mesma.

Facemos, así pois, un chamado á participación na ofrenda floral programada para o proprio día 26, ás 12.00h, ao pé do devandito monumento, así como a colaborar na difusión do audiovisual conmemorativo que editamos e que nos próximo días estará dispoñíbel na nosa web e nas redes sociais.

Portavocía nacional de VIA GALEGA

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies