A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organiza o xoves, 3 de novembro, ás 20.30 horas, o XXV Memorial Ibán Toxeiro. O acto terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, con entrada de balde.
Como cada ano, o Memorial Ibán Toxeiro quere celebrar o teatro galego, profesional e afeizoado, á vez que lembramos a figura do tristemente desaparecido actor e socio Ibán Teixeiro.
Manuela Varela –directora do grupo de teatro da asociación– será tamén quen leve a dirección artística deste XXV Memorial.
No acto deste ano homenaxearemos a Pedro Brandariz a quen se lle concede –postumamente– o Premio de Honra Lino Braxe, galardón que a partir de agora levará o nome en lembranza do que fora director do Grupo de Teatro da AC Alexandre Bóveda.
Nado en San Pedro de Nós (Oleiros) en 1978, Pedro Brandariz Gómez falecía o 22 de febreiro deste 2022. A pesar do seu falecemento con tan só 44 anos, tivo unha ampla traxectoria como actor, tanto nas artes escénicas como no audiovisual galego. A súa morte temperá deixa un baleiro insubstituíble na escena galega. Moi coñecido pola súa faceta máis cómica como monologuista, improvisador e contacontos, agora -merecidamente- tamén era recoñecido pola súa obra máis dramática: polo seu traballo no filme Jacinto recibiu o premio Mestre Mateo ao mellor actor protagonista.
O grupo de teatro afeccionado da ACAB vai representar escenas da obra Eu queríame casare escrita por José L. Prieto para ser representada por Pedro Brandariz e Lucia Veiga. Contaremos coa actuación teatral de Isabel Risco e Fran Rei, os monólogos de Víctor Grande, Diana Sieira, Xosé A. Touriñán e David Perdomo, a improvisación das Izquierdo Sisters, os sketches de José Losada e a representación de escenas a cargo de ACAB Teatro. O acto será presentado por Sabela Hermida.