27

Mar

A Catedral de Santiago na era compostelá

19.30 h

Pórtico Catedral SantiagoO luns 27 de marzo, ás 19.30 h, Ramón Yzquierdo Peiró ofrécenos unha palestra baixo o título A catedral de Santiago na era compostelá: a alianza do Regnum e o Sacerdotium para a configuración dun templo nacional.

A chamada Era compostelá que se inicia co episcopado de Diego Xelmírez e pode levarse ata a conclusión do proxecto do Mestre Mateo, nos primeiros anos do século XIII, supuxo un período de esplendor para a arte galega que tivo o foco posto na construción da catedral de Santiago, na que participaron algúns dos máis salientables artistas do seu tempo.

Nesta era dourada para Compostela e a súa catedral, tivo un papel fundamental a alianza establecida entre a Igrexa e a monarquía, promotores dun ambicioso proxecto no que, ademais de cuestións relixiosas, tamén participaban aspectos políticos e sociais. Sen dúbida, todo elo rematou por configurar un templo nacional para os reis da dinastía Borgoña, que impulsaron, xunto cos prelados que se sucederon ao longo de máis de cen anos, as obras de construción da catedral, a ordenación dos seus espazos, o seu discurso iconográfico, o seu cerimonial e, por fin, a capela dos reis na que haberían de ter a súa sepultura aos pes da tumba apostólica.

Son moitas e moi destacadas as testemuñas artísticas desta época que se conservan na actualidade nos fondos catedralicios, a través das cales é posible ir percorrendo un período fundamental na historia de Galicia.

Ramón Yzquierdo, é director-técnico- conservador do Museo Catedral de Santiago de Compostela. É doutor en Historia da arte e Máster en Xestión de Patrimonio e Bens Culturais e, tamén, en Interpretación do Patrimonio Cultural.

Esta actividade encádrase no ciclo O Románico: Galiza na vangarda, que continuará no mes de abril, coa palestra que o luns 10 ofrecerá Pedro Siaba sobre unha aproximación ao románico na Costa da Morte e rematando o sábado 15 cunha saída. 

PRAZAS ESGOTADAS!

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies