O mércores 24 de novembro, ás 19.30 h, ofreceremos no noso local unha palestra sobre a construción de violinos na Galiza, a cargo de José Catoira.
José Catoira é un afamado construtor e restaurador de instrumentos da familia do violino, un labor que leva desenvolvendo desde hai máis de 20 anos. Comezou a súa aprendizaxe na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo e completouna con estudos no Reino Unido. O seu traballo asenta na súa época de formación na Newark School of Violin Making, onde se gradou cun diploma “Upper Merit”. Máis tarde, incorporouse ao obradoiro de Juliet Barker en Cambridge, no cal desempeñou tarefas de construción e restauración de instrumentos de cuarteto clásico. Xa de volta na Galiza, traballou co luthier Gonzalo Bayolo en Padrón, artesán con quen asentou o seu estilo e focaxe de traballo. Nos últimos tempos, leva asistido con regularidade aos encontros para luthieres profesionais organizados pola Violin Society of America (Oberlin, Ohio) e é membro activo do Gremio de Luthieres e Arqueiros, colectivo en que presentemente exerce os labores de presidente. Desde 2011 traballa no seu propio obradoiro na Coruña.