14

Nov

A Coruña das Mulleres

12.00 h

A Coruña das Mulleres

PRAZAS ESGOTADAS!

O sábado 14 de novembro, ás 12 h, e por segundo ano, organizamos un roteiro polos espazos da cidade para axudar a coñecer historias agochadas, para amosar voces plurais, para valorar figuras femininas fundamentais na historia da Ciencia, da literatura, da pedagoxía… mais tamén figuras pioneiras en calquera ámbito, mulleres que abriron camiños para outras que viñan detrás, que rozaron congostras para facer máis doada a travesía das que chegaron despois.

Desde o Obelisco e até a praza de María Pita, unha festa da palabra e da igualdade. Música, danza contemporánea, canto e representacións teatrais para axudar a visibilizar historias moi agochadas.

ROTEIRO:

O acompañamento musical realizarao Cántigas da Terra

1.- No Obelisco con Ánxeles Alvariño e María Wonenburger

O binomio MULLER-CIENCIA semella chamar a unha realidade case inexistente por iso o escollemos para empezar este roteiro. Escollemos dúas mulleres en diálogo capaces de erguerse contra aquilo para o que parecían destinadas e defensoras ambas, e non sempre comprendidas, do papel das mulleres no mundo científico.

Ánxeles Alvariño, oceanógrafa experta en zooplancto, descubridora dun total de 22 novas especies animais mariñas. Foi a primeira muller en actuar como científica nun barco de investigación británico.

María Wonenburger, prestixioso alxebrista, sendo estudante obtivo unha bolsa Fulbright e converteuse así na primeira española en obter unha destas bolsas de estudos. Foi profesora na Universidade de Toronto formando parte dun claustro exclusivamente masculino e na Indiana University.

Con Joana Magalhães, investigadora e divulgadora científica

 2.- Na rúa Real con Mercedes Núñez

Hai unha historia por investigar para poder facer xustiza, e esa historia é da das persoas galegas que padeceron os campos de concentración nazis. Queda tanto por saber mais precisamos desa investigación para construír con sólidos alicerces esa Europa dos dereitos humanos que anhelamos.

Mercedes Núñez, activista comunista, esta filla dun xoieiro bergondés nace en Barcelona, en 1939 e detida na rúa Real, pasa polo penal de Ventas aínda que consegue fuxir a Francia, mais remata no campo de concentración de Ravensbrück, o terrorífico destino onde unhas dez mil mulleres foron asasinadas. Foi a representante en Galicia da asociación Amical de Mauthausen e morreu sen conseguir que as institucións galegas recoñecesen o papel dos deportados pero despois de ter contribuído coma ninguén a que a verdade e a xustiza triunfasen sobre o exterminio.

Con Virginia del Cura Miranda, violonchelista

3.- No Teatro Rosalía, pegado ao antigo goberno civil con Juana Capdevielle

“Al mismo tiempo que cuelgan a Cristo en las paredes de las escuelas, aparecen por los montes, las carreteras y las playas, los cadáveres de los maestros.” Isto que escribía, en 1938, no diario La Vanguardia de Barcelona Maruxa Mallo baixo o título “Relato veraz de la realidad de Galicia” é a terrible historia que padeceron moitas persoas e entre elas a que aquí traemos, Juana Capdevielle San Martín.

Juana Capdevielle San Martín, intelectual, pedagoga e arquiveira, en marzo de 1936 casa con Francisco Pérez Carballo, nomeado gobernador civil da Coruña. Co golpe de Estado de xullo de 1936 é encarcerada, violada e asasinada e tirado o seu corpo nunha gabia da estrada A Coruña-Madrid, no Monte da Gándara, ás aforas de Rábade (Lugo). A biblioteca central da Universidade da Coruña leva o seu nome.

Con Elena Pernas, bibliotecaria

4.- Rego de Auga nº 38 As irmandiñas con Elvira Bao

En maio de 1916 xorden na cidade da Coruña as Irmandades da Fala. Unha única muller asiste a esa primeira reunión das IdaF, Micaela Chao Maciñeira, mais pronto comeza a verse a necesidade de crear un grupo de mulleres dentro das Irmandades e así en agosto de 1918 créase a “Sección Feminina” da Irmandade da Fala coruñesa con máis de 200 asociadas.

Elvira Bao, mestra e militante do nacionalismo. Membro da Agrupación Republicana Femenina da Coruña desde a súa constitución en 1933 e presidenta da primeira Xunta Directiva, o seu nome é recollido no semanario A Nosa Terra como intervinte en mitins do Partido Galeguista. Xunto ao seu home Bernardino Varela Docampo editaron o primeiro libro de Contos pra nenos, un texto de autoría de Vicente Risco e ilustracións de Álvaro Cebreiro.

Con Mercedes Queixas, escritora

5.- Rúa da fama: as lavandeiras e as augadoras. Lavadoiro, fonte…

Fica moito por investigar e divulgar arredor do traballo das lavandeiras e deses espazos completamente femininos que eran os lavadoiros, lugar de encontro das mulleres das clases populares. Os lavadoiros constituíron un lugar privilexiado para a circulación da información nos barrios; partíllanse tempos, problemas e saberes. Hoxe falamos de sororidade, dese vínculo para se recoñeceren e se defenderen unhas a outras da opresión. E nese sentido os lavadoiros teñen representado ese espazo e ese tempo para as relacións humanas: Un vecino de Betanzos, conocido por Arturito, estaba celoso de su novia […] no encontró mejor cosa que para llamarle la atención que dirigirse al lavadero público, donde ella estaba lavando, y empezar a regañarle, intentando maltratarla. Nunca tal hiciera, pues las lavanderas todas le dieron tal cantidad de bofetadas y arañazos, que le pusieron la cara hecha un mapa. Y menos mal que acudieron en su ayuda, que sino nadie le salva de llevarse un remojón, dadas las intenciones que tenían de tirarlo al rio (El Correo Gallego, 08/03/1927).

En 1907 as lavandeiras da Coruña organizáronse no sindicato de oficios “La Heterogénea”, de ideoloxía anarquista, formando unha asociación chamada El Alba de lavanderos e lavanderas. Coa forza da unión, marcaron novas tarifas para o seu duro traballo, mais, como non foron aceptadas, no día 1 de xuño de 1907 póñense en folga, a cal se prolongará durante quince días.

Con Carmela Galego, historiadora da arte

Interpretación dun extracto da peza de danza contemporánea Médula con Alba Fernández Cotelo e Ana Beatriz Pérez Enríquez

6.- Na Praza de María Pita con Inés de Bens

Para que a historia non a escriban sempre os gañadores, rescatamos un nome de muller que formou parte dese exército que defendeu a cidade coas súas mans, isto é, defendeu o de todos, e tamén pretendeu defender o seu. Cando en maio de 1589 o pirata Drake, ao mando da flota da súa Maxestade a raíña de Inglaterra, entra na Coruña, ten que ser a poboación, no seu conxunto a que defenda a súa cidade. E alí estaba María Pita mais non só ela…

Inés de Bens é unha modesta comercianta que axuda, como tantas outras mulleres a reconstruír as murallas, mentres a tropa contén os ingleses. Mais perde o seu marido no primeiro día da batalla e, cando se acaban as municións, pon ao dispor das autoridades todo o que pode valer da súa tenda situada na Peixaría: cordas, chumbo, pólvora… Ela tampouco sae indemne: recibe dous impactos dun arcabuz: un na cabeza e outro nunha perna… que a retiran da batalla. Cando son expulsados os ingleses, Inés, con dous fillos que alimentar e sen poder traballar, ten que pedir esmola para comer. Mais aínda así, non se resigna e inicia un preito no que demanda do Rei a restitución do perdido.

Con Cristina López Villar, vicerreitora da UDC

7.- En Porta de Aires con María Barbeito,

No primeiro terzo do século XX por todo Europa estaban a abrollar teorías e sistemas novos para renovar de xeito radical a educación. E Galiza non foi allea a todos eses ventos de cambio, cambios no sistema de ensino da lectoescritura, no valor que se lle daba ao exercicio físico, na importancia dos comedores e os menús… E se falamos de renovación pedagóxica, un dos grandes nomes é o da coruñesa María Barbeiro.

María Barbeito, mestra, pedagoga, escritora, tradutora, lingüista, socióloga, educadora. Moi nova, con destino na Escola Graduada Pública de Párvulos “Da Guarda” centro que vai dirixir entre 1915 e 1936, puxo en marcha unha novidosa pedagoxía educativa que a converte en referencia, é tamén a introdutora en Galiza dos principios de María Montessori. En 1933 convértese en Inspectora e crea un Plan de Lectura Global (1934) para as escolas da súa zona de inspección. En 1935 obtivo unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos grazas á cal emprendeu unha viaxe por Europa xunto con outros dez docentes españois. Visitou institucións educativas de Francia, Bélxica, Países Baixos, Alemaña, Suíza e Italia nos que tomou contacto cos métodos pedagóxicos que se impartían en Europa.

Con Ana Romero Masiá, historiadora

8.- Na Casa do Concello con Milagros Rey

“Ter en conta é unha actitude feminista” dicía a arquitecta Pascuala Campos. Arquitectura e igualdade un binomio que pode semellar que non maridan ben mais falamos aquí desa arquitectura que é procesual, que quere ter en conta a quen a vai habitar, que fai visible o invisible, seguramente é algo sutil mais, o certo é, que ten a igualdade e as persoas no centro.

Milagros Rey, primeira arquitecta colexiada na Coruña. Primeira Arquitecta municipal da cidade, tendo ao seu cargo o persoal de Urbanismo e do corpo de Bombeiros. Tivo un papel fundamental no deseño actual da cidade da Coruña. A ela débese a planificación dos polígonos de vivendas para Elviña e o Barrio das Flores, da reparcelación da Primera Coruñesa (industria do sector téxtil), a construción do primeiro rañaceos da cidade, a Torre Dourada e a Fonte de Catro Camiños.

Unha das persoas que lle inculcou a afección polo debuxo foi Castelao, amigo do pai, que lle ensinou a manexar o lapis cando era nena. Filla dun dos grandes nomes da arquitectura galega, Santiago Rey Pedreira, Milagros, non o tivo doado para estudar arquitectura, pois seu pai consideraba incompatíbeis a saia e os tacóns, cos perigosos andamios.

Con Covadonga Carrasco, arquitecta

9.- No adro da igrexa de San Xurxo con Elisa e Marcela

Houbo que esperar 100 anos, ao ano 2001, para que Holanda recoñecera nas súa lexislación o matrimonio entre persoas do mesmo sexo mais en 1901 dúas mulleres Elisa e Marcela casaran na Coruña. Moita dor e loita custou a homologación de dereitos civís das unións entre persoas do mesmo sexo respecto ás heterosexuais. E moito queda para que todos os países acepten ás unidades familiares homosexuais nos seus sistemas xurídicos.

Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas coñecéronse a mediados da década de 1880 na cidade da Coruña, na Escola Normal situada na Praza de María Pita. Concluídos os estudos, exerceron a profesión nos concellos de Coristanco, Vimianzo e Dumbría desde 1888 a 1901. Na primavera de 1901 teceron un plan: Elisa transformaríase en home para poder así casar con Marcela. O 8 de xuño dese mesmo ano, ás sete e media da mañá, casaron na coruñesa igrexa de San Xurxo Mario Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas.

Con Lucía Aldao e María Lado (Aldaolado)

Esta actividade realizase ao abeiro do fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies