11

Xan

Visita guiada á exposición “A Galicia Deseñada”

18.00 h

A Galicia deseñadaO mércores 11 de xaneiro, ás 18 horas, imos realizar unha visita guiada á exposición A Galicia Deseñada, marcas e identidades gráficas, que está instalada no espazo cultural da Universidade da Coruña, NORMAL (Campus de Riazor). Trátase dunha proposta de viaxe pola historia do deseño galego elaborada a partir dunha selección de cen símbolos, marcas e identidades gráficas, que se reúne por primeira vez. A visita será guiada por Cibrán Rico López, comisario da exposición.

A exposición está organizada a través de cinco períodos históricos (antecedentes, industrialización, autarquía, democracia e contemporaneidade) e entre a selección de símbolos e marcas podemos atopar exemplos da idade media como as marcas dos pedreiros, ou mesmo anteriores, do S.XII, cando se ten o primeiro coñecemento do uso da vieira como emblema da peregrinación á Santiago de Compostela. Máis adiante aparecen recollidas marcas asociadas ás primeiras experiencias industriais en Galiza, como é o caso das conserveiras Massó e ¡Miau! ou, tamén, de Augas de Mondariz e La Toja, que teñen a súa orixe na actividade termal e de lecer que tivo gran acollida nos finais do século XIX e comezos do século XX. Entre as marcas seleccionadas poden destacarse, así mesmo, as das cabeceiras de publicacións e revistas de vangarda que tiveron lugar nas primeiras décadas do século XX, como as coruñesas Luz e Alfar.

A mostra transita a continuación por varios exemplos de símbolos destacados que tiveron a súa orixe durante o período da ditadura e a autarquía, exemplificados nos casos recoñecidos de Barreiros ou de Sargadelos. No período da democracia, aparecen seleccionados logotipos de empresas relevantes que, coa chegada dun novo momento histórico e a necesidade de promover unha imaxe máis moderna e actualizada, actualizaron a súa imaxe con propostas radicais e innovadoras no seu momento.

Remata cunha selección dalgúns dos logotipos máis destacados realizados en Galiza nos últimos anos, na sección recollida baixo a epígrafe de “contemporaneidade”.

Na mostra están representados algúns dos artistas e deseñadores máis destacados da historia visual galega como son Castelao, Camilo Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo,… Tamén figuran moitas das deseñadoras e deseñadores máis destacados dos últimos 40 anos, como Pepe Barro, Xosé María Torné, Xose Díaz ou Alberte Permuy. Remata a mostra unha selección dalgúns dos profesionais do deseño máis destacados da actualidade como Uqui Permui ou Álvaro Valiño.

A Galicia deseñada ofrece a oportunidade, ademais, de observar pezas e obxectos de gráfica aplicada que non foron nunca antes expostos, e conta coa implicación e colaboración tanto de moitos coleccionistas privados como de institucións de prestixio como a Biblioteca de Galicia, a Fundación Barrié, a Real Academia Galega, a Fundación Penzol, o Museo do Pobo Galego e a Fundación Isla Couto, entre outras.

Comisarios:

  • Marcos Dopico Castro
  • Cibrán Rico López
  • Suso Vázquez Gómez

PRAZAS ESGOTADAS!

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies