03

Nov

“A guitarra galega: o ambiente guitarrístico na Corunha do século XIX”

19.30 h

Isabel ReiO mércores 3 de novembro, ás 19.30 h, teremos no noso local a palestra A guitarra galega: o ambiente guitarrístico na Corunha do século XIX, a cargo de Isabel Rei Samartim.

Os instrumentos de corda na Galiza, e particularmente a guitarra, ficaron nun segundo plano pola proxección social e cultural e pola significación identitaria que conseguiron ter outros, como a gaita xa desde a segunda metade do século XIX. Porén, Isabel Rei Samartim, autora, entre outros trabalhos, dunha obra como Guitarra galega. Breve história da viola (violão) na Galiza (Através, 2021), verifica como desde tempos baixomedievais até ao pasado século XX houbo unha interesante historia asociada á guitarra ou viola no noso país no que di respecto a compositoras e compositores, escolas, eventos culturais, melodías etc. Diso é que tratará, xa agora se centrando na cidade da Coruña oitocentista, a palestra A guitarra galega: o ambiente guitarrístico na Corunha do século XIX.

Isabel Rei Samartim (A Estrada, 1973) titulouse no Conservatorio Superior de Música da Coruña e presentemente é profesora funcionaria no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Estudou cos mestres Antonio Rocha, David Russell, Thomas Müller-Pering e ainda con diferentes intérpretes de recoñecido prestixio internacional. Como guitarrista obtivo premios en diversos concursos da España e da Italia e é frecuentemente convidada a participar en festivais neste último país, na Galiza, en Portugal ou no Brasil. Desde setembro de 2020 é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese A guitarra na Galiza, que trata a historia da guitarra galega desde o século XII ao XIX.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies