24

Mai

Mulleres e realidades comúns: “A Poeta Analfabeta”

19.30 h

A poeta analfabetaO venres 24 de maio, ás 19.30 h, dentro do ciclo Mulleres e realidades Comúns, proxectaremos A Poeta Analfabeta, con guión e dirección de Sonia Méndez.

A Poeta Analfabeta é unha película documental que retrata unha muller fascinante: Luz Fandiño, nada en Santiago de Compostela en  1931 e finada na mesma cidade o 28 de abril de 2024. Poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Cando se grava este documental (2020) Luz tiña 89 anos e era unha das voces vivas da emigración galega, da que volveu pobre pero cunha fonda consciencia da súa identidade, a súa lingua e o seu xénero. Luz é testemuña das realidades máis duras so século XX. Por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, por ser roxa.

O relato do documental xira ao redor do seu retrato: a súa historia de vida, a súa loita política e a súa obra poética. Pero tamén arredor daquilo que Luz xera á volta dela e que conforma o seu legado, porque para moita xente Luz é un referente, case unha icona. Luz é unha muller brava, unha persoa fondamente política e un ser cunha humanidade excepcional. Como entende o mundo esta poeta, que a pesar do tremor das súas mans escribe todos os días? Que a move a tal esforzo?

Esta actividade forma parte do ciclo Mulleres e realidades comúns que realizamos en colaboración coa Marcha Mundial das Mulleres e que coordina Cristina Bajo.

Se queres asistir a esta proxección, envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies