O mércores 20 de setembro, ás 19.30 h, Xosé Luís Axeitos ofreceranos unha palestra sobre a revista Alfar.
Hai xustamente cen anos nacía na Coruña a revista Alfar. Continuadora da Revista de Casa América-Galicia, comezou no número 32, en setembro de 1923 da man do cónsul de Uruguai na Coruña Julio José Casal, poeta e crítico, como ponte de unión entre a arte galega, a española e a hispanoamericana. Alfar foi unha das principais revistas literarias, onde podías achegarte ás vangardas literarias e plásticas do momento.
A Alfar debémoslle a introdución no Estado Español de movementos de vangarda como o surrealismo. Entre os seus colaboradores estiveron as figuras principais do ultraísmo e o creacionismo. En Alfar podiamos ler a Antón Vilar Ponte e a Borges, a Castelao, a Machado ou a Onetti. Ou gozar coa arte de Cebreiro ou de Dalí.
Xosé Luís Axeitos é escritor e investigador. Estudoso da obra de Manuel Antonio, organizou os congresos de Luís Seoane e Rafael Dieste. Colaborou en exposicións relacionadas co libro galego na Arxentina e coas biografías de Rafael Dieste e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Pertence á Real Academia Galega, da que foi secretario, e na actualidade é director da revista de estudos rosalianos Follas Novas.
Se queres asistir a esta palestra, envíanos os teus datos a través deste formulario: