O luns, día 17 de abril ás 19.30 h, teremos connosco a Ana M. Santorum para falarnos da Torre de Hércules e a literatura. A torre soñada.
Detrás do título desta charla hai un intento de abordar a Torre de Hércules pola súa potencialidade icónica e simbólica, mais que propiamente como obxecto literario. Tentaremos analizar algúns textos deixando para outra ocasión argumentos historicistas e iremos aos motivos estéticos polos que o noso monumento resulta tan atraente. Algúns aspectos da fenomenoloxía da imaxe servirannos de método para distinguir determinados elementos que todos percibimos da torre e que para o noso inconsciente a converten nunha casa cósmica. Unha casa cósmica para relacionar cun principio feminino, toda vez que estamos afeitos a percibila como un xigante guerreiro absolutamente marcial e masculino. Para apoiar este exercicio analítico, faremos un pequeno percorrido por algúns textos literarios específico, nos que iremos descubrindo as características das torres vistas como como o refuxio no que os poetas atopan un espazo para soñar.
Ana M. Santorun é coordinadora-directora da Torre de Hércules, museóloga, licenciada en Filoloxía Hispánica e en Ciencias Políticas. Leva vinte e sete anos en proxectos de patrimonio e cultura.
Se queres asistir a esta palestra, envíanos os teus datos a través deste formulario: