O xoves 19 de abril, ás 20 horas, Juan Carlos García Hoyuelos presenta Aire, Fuego y Deseo. Intervirán, ademais do autor, Montserrat Iglesias Folgueira (membro dos coros Saúde e No bico un cantar), Emma Pedreira (poeta e escritora), Bernardo Penabade (docente e impulsor do Modelo Burela), Carmen Penim (poeta e músico), Antón Porto (filólogo, profesor e tradutor), Miguel Queipo Salvande (poeta, actor e cantautor), Óscar de Souto (poeta) e Lucía Vilches Moya (poeta e escritora). Contaremos tamén coa actuación musical de Hugo Torreiro e Raúl Galego (gaita).
Juan Carlos García Hoyuelos nace en Basauri (Biscaia) o 3 de decembro de 1968, aínda que desde moi pronto, sen apenas cumprir un ano de vida, vive na cidade de Burgos. “Son un burgalés de Basauri, un castelán con terra vasca en moitos dos meus pasos”, é así como defínese o propio poeta.
A súa poesía é romántica e reflexiva, onde é fácil atoparse con suxestións eróticas, aínda que a súa faceta poética é tardía, cumpridos xa os 30 anos. Autor dos poemarios Desde mi otro lado, Se lo dije a la noche e Aire, fuego y deseo, os dous últimos traducidos a todas as linguas ibéricas e ao ladino ou sefardí ( A ambos libros acompañan uns CDs que inclúen versións musicais dalgunhas das súas poesías nas distintas linguas ibéricas). Aire, lume e desexo, publicado por Edicións Beta III Milenio, ano 2016, de corte máis intimista que o seu precesor, é a continuidade dun compromiso de quen, dunha forma ou outra, traballa para dignificar e defender os dereitos lingüísticos dos habitantes da península ibérica.