Alvarellos Editora vén de publicar na súa colección Libros do Sarela o libro de poemas Antídoto de Emma Pedreira. Unha edición bilingüe galego-castelán, ilustrada, na que a poeta reflexiona sobre as soidades non escollidas. A obra inclúe a “Lista da compra da viúva”, poema que recibiu en 2017 o Premio Internacional Jovellanos como “El mejor poema del mundo”. O libro resultou gañador en 2017 do Premio de Poesía do Concello de Vilalba.
Emma Pedreira é unha das máis inspiradas, singulares e premiadas voces da actual poesía galega. Encadrada na coñecida como Xeración dos 90, estreouse cos versos do Diario bautismal dunha anarquista morta (1999). Dúas décadas despois recibe o Premio da Crítica (2017) e o Premio Xerais de Novela (2018). En todo este tempo foi tecendo ata unha ducia de libros de poemas (sempre premiados) onde destila a súa visión fonda, crítica, inspirada e feminista da vida.
Antídoto recibiu en 2017 o premio de Poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba na súa renovada edición nº XLIII. Sae publicado agora en versión bilingüe galego-castelán e ilustrado por Xulia Nieto.
A poeta reflexiona nestes versos sobre as soidades non escollidas. Escrito dende a dor, busca a luz na palabra, nun verso que camiña libre, pleno de potencia expresiva. Entre os poemas que integran esta obra figura a “Lista da compra da viúva”, composición que recibiu en 2017 o Premio Internacional de Poesía Jovellanos como “El mejor poema del mundo”.
Na presentación estarán, ademais da poeta, o director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos, e a crítica literaria Antía Marante.