29

Set

Presentación de “Ao abeiro da amizade. Epistolario 1926-1976”

19.30 h

Ao abeiro da amizadeO mércores 29 de setembro ás 19.30 h, presentamos no noso local o libro, publicado por Editorial Galaxia, Ao abeiro da amizade. Epistolario 1926-1976 [entre Ramón Otero Pedrayo e Sebastián Martínez-Risco] de Xosé Ramón Freixeiro.

Este libro, editado por Xosé Ramón Freixeiro Mato, recolle a correspondencia entre dous vultos da cultura galega contemporánea: Ramón Otero Pedrayo e Sebastián Martínez-Risco. Máis de cento cincuenta cartas do autor de Trasalba e sesenta de quen foi presidente da Real Academia Galega (RAG) dan conta dunha polifónica relación en que sobrancean temas de índole cultural, literaria, sociolingüística ou vinculada ao andar da RAG, a par de cuestións que perpasan a intimidade persoal e familiar de ambos os intelectuais. Alén disto, os textos serven, aínda, para nos directamente aproximaren do proceso de elaboración dunha variedade de galego culto, liña de pesquisa, aliás, en que Freixeiro Mato é recoñecido como un dos máis notábeis especialistas.

Xosé Ramón Freixeiro Mato (Cances, Carballo, 1951) é catedrático de Filoloxía Galega na Universidade da Coruña. Destaca pola súa extensa obra, en que salientan os traballos de temática gramatical e sociolingüística. Igualmente, ten consagrado unha parte do seu percurso investigador ao estudo de personalidades emblemáticas da cultura galega contemporánea, cal Xosé Crecente Vega, Antonio Noriega Varela, Rosalía de Castro, Rafael Dieste, Manuel García Barros, Manuel Murguía, Manuel María etc. e, tamén, Sebastián Martínez-Risco.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies