18

Feb

Da guerra coma arte á arte en contra da guerra

19.00 h

A arte en contra da guerraEste xoves, 18 de febreiro, ás 19 horas, no noso local, Rosario Sarmiento ofrece esta palestra na que reivindica o papel dos artistas galegos na denuncia dos conflitos armados.

Esta iniciativa, organizada pola firma cultural A Forxa, co apoio da Deputación da Coruña, e coordinada pola historiadora da arte Rosario Sarmiento, quere achegar á sociedade galega o relato da guerra a través da arte contemporánea de Galicia. “A guerra, os seus protagonistas, os seus escenarios e as súas consecuencias ten sido na arte contemporánea un tema sobre o que moitos creadores traballaron, denunciando moitas veces os abusos, as atrocidades e a dor que sempre deixa tras de si calquera conflito armado”, explica Rosario Sarmiento. Sen embargo, “non será ata finais do século XVIII e comezos do século XIX, cando a maneira máis académica de relatar as guerras como acontecementos heroicos ou grandiosos será posta en cuestión por un artista como Francisco de Goya, que marcará a modernidade deste xénero artístico”, apunta. En Galicia, Ramón Parada Justel, un dos compoñentes da chamada Xeración Doente será pioneiro nesta denuncia en 1899, co cadro A familia do anarquista o día da execución, sendo un dos nosos primeiros creadores contemporáneos que se achega á temática da violencia da guerra. “O golpe de estado de 1936, coa represión, o terror e a tremenda experiencia da Guerra Civil serán claves para o posicionamento e a denuncia de moitos dos artistas que contribuirán á modernidade da creación plástica nas primeiras décadas do século XX en Galicia”, sinala Sarmiento.

Nomes como Luis Seoane, Castelao, Colmeiro, Arturo Souto e Federico Ribas denunciarán aos responsables do golpe e a dramática situación da poboación civil. Tamén Isaac Díaz Pardo, Conde Corbal, Agustín Pérez Bellas, Mercedes Ruibal, Xaime Quessada, Francisco Leiro, Jorge Castillo, Reimundo Patiño, Xavier Correa, Antón Patiño ou Caxigueiro expresarán o seu compromiso e deixarán en moitas obras a súa mirada de compromiso fronte á realidade da guerra.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies