14

Mar

Presentación de “As escumas da letra. Biobibliografía de Luísa Villalta”

19.30 h

As escumas da letraO xoves 14 de marzo, ás 19.30 h, presentaremos o libro As escumas da letra. Biobibliografía de Luísa Villalta, Esperanza L. Mariño Davila, editado por Baía Edicións.

A teor do subtítulo do libro, na biografía, con sólidas raíces na cidade da Coruña e na súa prolongación atlántica, pódese percibir a evolución da escritora, a configuración da personalidade xunto coa forxa do compromiso social e político, nun vencello particular coa lingua e a literatura, mais tamén co ensino público e sempre con Galiza. Nunha liña de coherencia absoluta entre vida e obra, o volume componse de dúas partes, pois os aspectos biográficos compleméntanse co estudo da extensa obra literaria.

Segundo unha cita textual da autora Esperanza Mariño, o feito de ser Luísa Villalta unha “escritora polifacética que desenvolveu os catro xéneros literarios -poesía, narrativa, teatro e ensaio- xunto coa tradución e o xornalismo sendo, ademais, prolífica, con certeza constitúe algo pouco habitual no mundo literario. Cómpre salientar unha faceta minimizada, como a do exercicio da crítica literaria que, a pesar de ter sido menos practicada, nela demostrou unha agudeza e precisión pouco usuais. Sen esquecer tampouco a cooperación na elaboración de manuais didácticos para o ensino secundario. As editoriais nas que publicou foron moi diversas, pero sempre se caracterizaron polo compromiso coa lingua e cultura galegas. Relacionado co anterior, estivo pronta a colaborar en publicacións periódicas ou volumes colectivos e mesmo en revistas en liña”. 

En conclusión, o estudo pormenorizado e global garante unha imaxe fidedigna e completa de Luísa Villalta, como ser humano e como artista, do mesmo xeito que corrobora a súa importancia para a lingua e literatura galegas e, por extensión, para a cultura, alicerzada na escolla para o Día das Letras de 2024.

Esperanza Mariño Davila, filóloga por formación e vocación, estudou numerosos idiomas, entre eles o portugués, francés, italiano, inglés, alemán e árabe, ademais de ser catedrática de lingua e literatura galegas no ensino secundario. Autora de varios volumes de crítica literaria é tamén tradutora, verteu ao galego Historia universal de Paniceiros (2008) e Os nomes da terra (2010) de Xuan Bello, así como Avó Ismail (2011) de Esther Prieto. Como creadora, escribiu o poemario A pousa da libélula (2024).

Nos anos noventa foi a representante de Galiza na Fédération Européenne des Maisons de Pays. Tamén colaborou en múltiples revistas: Dorna, Festa da Palabra Silenciada, Grial, Revista de Lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca (UNED), Barbantia, Lletres Asturianes etc.

A autora estará acompañada nesta presentación pola directora de Baía Edicións, Belén López.

Se queres asistir a esta actividade, envíanos os teus datos a través deste formulario:

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies