20

Mar

As luces dos libros na cidade do Faro

19.30 h

As luces dos libros na cidade do FaroO mércores 20 de marzo, ás 19.30 h, presentarase no noso local As luces dos libros na cidade do Faro, de Arturo Iglesias.

Dentro do proxecto A Coruña Literaria vimos de publicar As luces dos libros na cidade do faro, un libro de debuxos, da autoría de Arturo Iglesias, que é a nosa homenaxe ás bibliotecas públicas da cidade da Coruña.

As luces do dezaoito deixan na Coruña ilustrada a que será a primeira biblioteca da nosa historia contemporánea na Casa do Consulado. E logo irían chegando outras, a biblioteca provincial, a biblioteca do Estado (hoxe Miguel González Garcés) e xa logo a rede de bibliotecas municipais e entremedias as bibliotecas populares, a do Resplandor no abismo, na barrio da Silva, Xerminal, na Pescaría, que tiña máis de oito mil exemplares cando foi espoliada e queimada polos fascistas naquel verán de 1936.

Desde a Asociación Cultural Alexandre Bóveda comezamos hai meses un traballo que irá sumando xentes e vontades para poñer un foco sobre todo o que A Coruña ten feito arredor do libro e a lectura e neste libro facémolo a través do debuxo para que a curiosidade nos leve a eses lugares de luz… Así o conta Manuel Rivas no seu limiar: «Unha biblioteca pública é o paradigma do lugar. Dos escasos espazos compartidos por xente de diferentes xeracións, procedencias, xéneros, pensares, estéticas. Un lugar físico, mais tamén psicoxeográfico, onde conviven a veciñanza real, contemporánea, cos seres da memoria fértil, a descuberta e a imaxinación».

As persoas que nos acompañedes levaredes de agasallo un exemplar do libro. Cincuenta páxinas con debuxos das bibliotecas públicas e limiar de Manuel Rivas.

PRAZAS ESGOTADAS!

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies