17

Dec

Festival de inverno de axuda ás mulleres afgás

Axuda mulleres afgásO regreso dos talibáns ao goberno de Afganistán supuxo un radical retroceso dos dereitos civís e da xa precaria situación humanitaria naquel país.

A Unión Astronómica Internacional (IAU, polas siglas en inglés) lanzou desde o primeiro momento un chamamento de axuda e colaboración coa pequena mais moi activa comunidade astronómica afgá. A Coordinadora Nacional de Divulgación da IAU en España púxose en contacto o verán pasado con todas as persoas que puido para interesarse polas súas necesidades, facer un seguimento dos seus casos e prestar a axuda que for factíbel. Algunhas conseguiron saír de Afganistán con colosais dificultades, como é o caso da enxeñeira e divulgadora Amena Karimyan, mais hai moitas outras familias no proceso de conseguir os permisos e os recursos para intentar vir a Galicia.

No caso galego unha das persoas máis activas neste traballo solidario é a profesora da Universidade de Vigo Ana Ulla e a Asociación Astronómica Ío que xunto coa asociación de mulleres rurais A Maristela de Sobrado dos Monxes están dedicando inmensos esforzos para acoller familias refuxiadas afgás en colaboración co Concello e o Mosteiro de Sobrado.

Xa hai dúas familias afgás establecidas e axiña virán máis. A última en chegar é a familia de Elnaz Osmani, unha estudante afgá de 17 anos pertencente a un activo grupo de astronomía que comezou en Galiza  unha nova vida e está a proseguir cos seus estudos.

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, xunto coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Arte Viva, e a Agrupación de Mulleres Rurais A Maristela, coa colaboración do Circo de Artesáns organizamos para o sábado, día 17 de decembro un FESTIVAL SOLIDARIO de axuda as mulleres afgás. Ao longo do día, de 12 a 21 h realizaremos un mercado de artesanía de proxectos autoxestionados por mulleres artesáns galegas e organizaremos diversas actividades de divulgación e recollida de diñeiro que permitan facilitarlle unha oportunidade ás familias refuxiadas que o necesitan. Todas as actividades terán lugar nas instalacións do Circo de Artesáns, na rúa Santo André, 36.

As actividades comezarán ás 12h cun contacontos infantil.

Ás 13 h: vermú solidario animado por Xurxo Souto e coa música do clarinetista Adrián Fernández.

Ás 16:30 h: obradoiro de Astronomía

Ás 17:30 h: actuación do grupo Vento Mareiro,

Ás 19 h: actuación de Cantos de Serea.

Podedes atopar máis información aquí:

Elnaz, la chica que escapó de los talibanes para soñar con las estrellas desde Galicia. Faro de Vigo, 15-10-22.

La afgana Elnaz Osmani huyó de su país por saber astronomía. Diario Atlántico, 15-10-22.

Astronomía para o desenvolvemento: axudemos as familias refuxiadas de Afganistán. Agrupación Ío.

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros, como Google Analytics, para optimizar a túa navegación e realizar tarefas de análise. Entendemos que estás conforme se continúas navegando nesta web. Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies