O xoves 23 de novembro, ás 19.30 h, acollemos a presentación de O azul entre o ceo e a auga, de Susan Abulhawa, xa traducido a máis de 20 idiomas, e agora en galego grazas á tradución de Rocío Viéitez Ferro e a editorial Laiovento.
Conta a historia dunha familia palestina, os Baraka, que a través de diversas xeracións de mulleres, enleadas no tempo e no espazo, nos amosan a dura realidade da franxa de Ghaza. Desde a tola Um Mamdouh ata a americana perdida Nur, pasando pola valente e desleigada Nazmiyeh ou Mariam a dos ollos de dúas cores. Personaxes masculinos e femininos nun territorio que lles é hostil e onde a forza, o humor, os lazos familiares, as obrigas e as lembranzas, crean unha rede que lles permite seguir adiante.
Unha historia de resiliencia, onde vemos como podemos resistir malia todas as condicións externas adversas grazas á fortaleza das matriarcas.
É unha novela de exilio e desarraigo, de esperanza e afouteza, de atopar a propia identidade e o respecto no conflito palestinoisraelí, onde o mundo máxico e o real se mesturan para confluíren na idea do azul entre o ceo e a auga, onde sempre se está, unindo presente e pasado:
Búscame
Estarei no azul
Entre o ceo e a auga
Onde todo o tempo é agora
E onde estamos xuntos
Fluíndo coma un río
Nesta presentación estarán presentes a traductora Rocío Viéitez Ferro e Prudencio Viveiro Moro da editorial Laiovento.
Se queres asistir a estar presentación, envíanos os teus datos a través deste formulario: